Permacultura. Edición actualizada
19,90€
Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor
Velaquí unha caixa de ferramentas coas que facer fronte á crise ecolóxica, social e sistémica mundial. Atoparemos neste libro unha visión global da permacultura que abrangue historia, referentes, trazos característicos e recursos. Nesta segunda edición actualizada, o autor completa e actualiza ademais a súa presentación de proxectos activos en Galiza que traballan cara á transición. Coñecer esta vangarda galega servirá de estímulo ao apoderamento e o emprendemento doutros proxectos de transformación ecosocial.
Con esta obra non coñecerás só os trazos puramente ecolóxicos da permacultura, senón tamén os aspectos sociais, económicos e persoais. Ademais de vivirse no campo e na natureza, a permacultura vívese nas relacións entre as persoas e coa contorna, e nas iniciativas de comunidade.
Podas e enxertos
19,90€
Como podo a maceira? Que é mellor para enxertar unha pereira: xema ou puga? E podo facelo sobre un pexegueiro? Cando debo podar o castiñeiro?
Fuxindo de tecnicismos e centrándose na realidade galega, Podas e enxertos. Unha guía práctica presenta de forma didáctica e moi visual, con ilustracións e fotos, como realizar podas e enxertos en froiteiras, árbores de aproveitamento forestal e plantas ornamentais, alén doutras técnicas (incisións, anelados e arqueamentos) e da explicación das ferramentas necesarias.
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.
Arrecende a limpo
17,00€
Lembras como cheira unha casa cunha limpeza creativa? Exacto: Arrecende a limpo. Seguindo a liña de Limpeza creativa, a obra na que Elisa Nicoli nos aconsellaba como facer os nosos produtos de limpeza ecolóxicos, chega agora Arrrecende a limpo.
En Arrecende a limpo tes unha manchea de consellos e receitas para cada estancia e material do teu fogar, para limpar electrodomésticos e fornos, eliminar o mofo, afastar os insectos, perfumar armarios e moito mais. Receitas coas que aforrarás tempo, produtos e cartiños.
Mary Ann Simpson, activista e partidaria da hixiene doméstica e persoal ecolóxicas, recompilou até 200 receitas que podes ir probando e facendo túas para que no fogar todo arrecenda a natural.
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.
Que fai o mosquito por nós?
19,90€
A biodiversidade, clave para a vida humana
Atendede ben: sen mosquitos, ídevos esquecendo do chocolate! A natureza é unha rede en que cada organismo desempeña unha función esencial. Non hai especie que non dependa doutra, e os seres humanos non iamos ser a excepción. Sen a diversidade da natureza non dariamos sobrevivido: sen insectos non habería froita, sen microorganismos non habería humus… e, o dito, sen mosquitos non habería chocolate.
Para que iso non pase, este libro, Premio Alemán de Comunicación Medioambiental en 2021, preséntanos, con humor e claridade, o mundo fascinante dos animais e das plantas, que nos agasallan alimentos, seguridade, saúde e moito máis, e amósanos que debemos facer para deter ―aínda estamos a tempo!― a sexta extinción masiva.
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.
Alén do azul. Ecoedición ampliada
24,00€
O mundo submarino da ría de Vigo
Presentamos unha nova edición de Alen do azul. O mundo submarino da ría de Vigo, ampliada e seguindo os preceptos da ecoedición: totalmente libre de plástico.
Sara Carrasco e Silvia Iglesias (13 Grados), ademais de levarnos de mergullo pola ría de Vigo a visitar un mundo próximo baixo outra luz, guíannos nunha viaxe fascinante para coñecer as paisaxes submarinas e os seres que as habitan por medio de fotografías, ilustracións e mesmo vídeos ligados con códigos QR.
Desamarmos o capitalismo
18,00€
O amor como acción política
Que significa amar? Até que punto o acto de amar está influenciado socialmente? Por que lle interesa ao capitalismo que entendamos o amor como algo restrinxido á esfera privada? Que ten que ver o amor coas nosas escollas conscientes cando mercamos unha prenda de abrigo, un quilo de laranxas…?
De todo isto fala Desamarmos o capitalismo. A partir dunha análise dos conceptos do amor como algo privado, romantizado e consumible, Lann Hornscheidt analiza as diferentes dimensións que ten o amor na nosa sociedade e como, mediante a súa repolitización e diversificación, podemos crear vínculos complexos coa vida doutras persoas.
Neste libro que desafía o binarismo de xénero e a redución do xénero á sexualidade, Lann combina ensaio, creación literaria e exercicios de reflexión para que vexamos que o amor é unha das accións máis políticas que poden existir.
Tradución e prólogo de María Reimóndez.
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.

Adeus, plástico!
19,90€
Chaves para unha vida sen residuos.
Sabías que, na historia de vida do plástico, só se reciclou menos do 10 % producido; que na natureza hai espalladas 6300 millóns de toneladas de plástico e que xa se atoparon microplásticos en alimentos como o azucre, o sal ou o mel?
Este libro explica o panorama actual con cifras e datos chave, e está ateigado de consellos prácticos para cambiar os nosos hábitos e reducir os refugallos que xeramos en todos os aspectos da nosa vida cotiá. Un vademécum indispensable para ler, reler, subliñar, ter á man para consulta e chegar sempre á mesma conclusión: reducir é o R máis importante de todos e o noso futuro e o do planeta pasan por deixar de usar plástico e materiais desbotables até chegarmos a un residuo case cero.
Podes ver unha mostra do libro, aquí.

A bolsa ou a vida
17,00€
O 99 % contra a emerxencia climática
Se o petróleo fose un batido de chocolate, xa estariamos sorbendo e facendo ruídos raros. A transición cara ás renovables preséntasenos como a alternativa, pero é tal alternativa se a vía escollida nos aboca a seguirmos sendo no noso día a día peóns dunha partida de xadrez que enfronta o capitalismo contra toda forma de vida do planeta?
N´A bolsa ou a vida, Salvador Lladó presenta dunha forma clara, didáctica e amena diferentes perspectivas da actual crise ecolóxica: desde a causa central (a necesidade imperiosa de medrar do noso sistema económico), pasando polo seu principal síntoma (a emerxencia climática, posta ademais aquí en relación coa pandemia da covid-19), até unha serie de propostas políticas (ecosocialismo, Green New Deal, decrecemento…) que nacen da necesidade de lle pór freo a un ritmo de produción e destrución da natureza sen precedentes. Estas páxinas servirán para demostrar que ese freo é posible: velaquí un paquete de medidas para dicir non á bolsa e un si rotundo á vida.
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.

O dereito á felicidade
14,50€
Mujica, Petrini e Sepúlveda convídannos a reflexionar sobre o noso dereito a sermos felices, a desfrutar do camiño da vida e a vivirmos por un motivo.
Obviamente ninguén ten a receita para a felicidade, pero as súas ideas e experiencia poden darnos varias chaves. Soberanía, sindicalismo, maior contacto coa terra, diálogo continuo, militancia, empatía e solidariedade son palabras que se repiten nun discurso potente que soña cun cambio de rumbo.
Carlo Petrini, no limiar que escribiu para a edición en galego (grazas!), resume perfectamente a mensaxe: «Comprometámonos todos, cada quen coas súas forzas e as súas posibilidades, a vivir por ese sentido da vida que tanto se debate neste libro: o deber moral de facer a nosa parte para promover e conseguir que a felicidade se converta nun dereito universal».
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.