Fieis ao principio de sustentabilidade ambiental que, entre outros, rexe as actividades da Catro Ventos Editora, traballamos para que a pegada ecolóxica dos nosos libros sexa a mínima posíbel. Por iso, nesa procura dunha ecoedición, baseada na investigación de procesos e na cooperación coas nosas fornecedoras, os nosos libros son moi especiais.
— O papel ten certificación FSC e está libre de ácidos, metais pesados e cloro (este último é un elemento químico altamente tóxico que adoita empregarse para o branquexamento da pasta de papel).
— Non hai metais pesados (o máis común nas tintas convencionais é o cobalto) nin aceites minerais nas tintas empregadas na impresión. Estas son de base vexetal, polo que están libres de compostos orgánicos volátiles.
— A cuberta non está laminada, é dicir, non leva recubrimento plástico ningún.
— Limitamos as emisións contaminantes ligadas ao transporte imprimindo en Galiza.

