Descrición
Témolo na comida, nos cosméticos, nos combustibles e no corpo. O aceite de palma, que encontramos na metade dos produtos dos supermercados, conformou o noso mundo. Max Haiven descúbrenos como as engrenaxes do capitalismo están lubricadas —literal e metaforicamente— por este elixir ubicuo.
Neste libro atopamos certo relato cronolóxico, mais non é unha historia. É o intento de seguir o trazado de algo que a simple vista non se ve. De responder a dúas preguntas: que significa ser humano nun mundo feito de aceite de palma?; que significa contarnos a nosa historia a nós, corpos feitos de aceite de palma, porque nós, sen excepción, o levamos sobre a pel ou metabolizamos a partir do que comemos?
Seguiremos o aceite a medida que se vai filtrando polo tecido do noso mundo, converténdose no unto das persoas máis pobres e na graxa do capital.
Dende as súas orixes na África Occidental até as superpotencias do aceite de palma no Sueste Asiático, a narrativa de Haiven lévanos nunha viaxe polo mundo que inclúe tesouros saqueados, o sistema estadounidense dos cárceres, a historia da arte moderna e a industrialización da guerra. Máis aló de chamar ás persoas consumidoras a que fagan boicots, sinala como debemos recoñecer o potencial profundo que ten a humanidade do aceite de palma para conformar o noso mundo.
Historia, soño, teoría, montaxe…: este libro incítanos a recoñecermos o pasado que hai no presente e a aproveitarmos o potencial para facer un mundo mellor.
Autoría
Max Haiven
Max Haiven é investigador en Imaxinación Radical na Universidade de Lakehead, nos territorios do pobo anishinaabe da costa norte de Gitchigumi, tamén coñecidos na actualidade como O Canadá. Decote é posible atopalo en Berlín. É editor da colección Vagabonds, da editora Pluto Press. Así mesmo, codirixe o ReImagining Value Action Lab (RiVAL), un obradoiro sobre imaxinación radical, xustiza social e descolonización, temáticas sobre as que deseña xogos de mesa e ten publicados traballos académicos e ensaios.
Esta obra recibiu unha subvención da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.