Descrición
Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor
Ademais dun sistema de deseño, a permacultura converteuse nunha filosofía de vida. Os seus principios e éticas sérvennos para habitar este planeta dunha forma máis responsable. Velaquí unha caixa de ferramentas coas que tomar conciencia e actuar cara a unha mudanza ecosocial necesaria.
Quen pense que a permacultura ten que ver coa disposición dos cultivos ou con bioconstrución, vai por bo camiño, pero non atopará aquí o típico libro de permacultura, senón un libro que vai moito máis alá. A súa esencia é nutrir e espallar a visión dunha permacultura integral e práctica que nos axudará a tomar consciencia dos retos actuais, a avaliar axeitadamente as nosas posibilidades e a tecer redes.
Desde as experiencias persoais e unha traxectoria profesional activa e activista, pero sobre todo desde a curiosidade cara a proxectos que apostan por outro mundo posible, Alexandre Grande Babarro preséntanos nesta obra unha visión global da permacultura que abrangue historia, referentes, trazos característicos, ferramentas de deseño e recursos para un mundo mellor. Completa ademais a súa achega coa presentación de proxectos asentados en Galicia que nos propoñen respostas reais e viables ás crises ecolóxica e sistémica mundiais.
Alexandre Grande Babarro
Alexandre Grande Babarro, galego, nado en 1985. Xunta a toda a unha experiencia práctica en distintos contextos e lugares do mundo un constante proceso de aprendizaxe que o levou a formarse en permacultura, deseño de ecoaldeas, transformación ecosocial e metodoloxías de proxectos en institucións como o Instituto Chileno de Permacultura, Gaia Education, o Instituto de Permacultura Ná Lu’um ou a Gaia University. En 2014, cofunda en Vigo o proxecto Ecolectivo, unha iniciativa multidisciplinar de carácter experimental baseada na ecoloxía e outros ámbitos ecosociais, hoxe en día un dos espazos de referencia en permacultura no territorio español. Entre 2015 e 2019 asume a coordinación xeral en Europa do Instituto de Permacultura Ná Lu´um, facilitando numerosas formacións en diversos proxectos e países.