Economía social
Amosando 1–9 de 14 resultados
-
NOVIDADE
Adeus, plástico!
19,90€Chaves para unha vida sen residuos.
Sabías que, na historia de vida do plástico, só se reciclou menos do 10 % producido; que na natureza hai espalladas 6300 millóns de toneladas de plástico e que xa se atoparon microplásticos en alimentos como o azucre, o sal ou o mel?
Este libro explica o panorama actual con cifras e datos chave, e está ateigado de consellos prácticos para cambiar os nosos hábitos e reducir os refugallos que xeramos en todos os aspectos da nosa vida cotiá. Un vademécum indispensable para ler, reler, subliñar, ter á man para consulta e chegar sempre á mesma conclusión: reducir é o R máis importante de todos e o noso futuro e o do planeta pasan por deixar de usar plástico e materiais desbotables até chegarmos a un residuo case cero.
-
A bolsa ou a vida
17,00€O 99 % contra a emerxencia climática
Se o petróleo fose un batido de chocolate, xa estariamos sorbendo e facendo ruídos raros. A transición cara ás renovables preséntasenos como a alternativa, pero é tal alternativa se a vía escollida nos aboca a seguirmos sendo no noso día a día peóns dunha partida de xadrez que enfronta o capitalismo contra toda forma de vida do planeta?
N´A bolsa ou a vida, Salvador Lladó presenta dunha forma clara, didáctica e amena diferentes perspectivas da actual crise ecolóxica: desde a causa central (a necesidade imperiosa de medrar do noso sistema económico), pasando polo seu principal síntoma (a emerxencia climática, posta ademais aquí en relación coa pandemia da covid-19), até unha serie de propostas políticas (ecosocialismo, Green New Deal, decrecemento…) que nacen da necesidade de lle pór freo a un ritmo de produción e destrución da natureza sen precedentes. Estas páxinas servirán para demostrar que ese freo é posible: velaquí un paquete de medidas para dicir non á bolsa e un si rotundo á vida.
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.
-
O dereito á felicidade
14,50€Mujica, Petrini e Sepúlveda convídannos a reflexionar sobre o noso dereito a sermos felices, a desfrutar do camiño da vida e a vivirmos por un motivo.
Obviamente ninguén ten a receita para a felicidade, pero as súas ideas e experiencia poden darnos varias chaves. Soberanía, sindicalismo, maior contacto coa terra, diálogo continuo, militancia, empatía e solidariedade son palabras que se repiten nun discurso potente que soña cun cambio de rumbo.
Carlo Petrini, no limiar que escribiu para a edición en galego (grazas!), resume perfectamente a mensaxe: «Comprometámonos todos, cada quen coas súas forzas e as súas posibilidades, a vivir por ese sentido da vida que tanto se debate neste libro: o deber moral de facer a nosa parte para promover e conseguir que a felicidade se converta nun dereito universal».
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.
-
Setenta ideas para a (pos)pandemia
14,50€Unha reflexión arredor do novo escenario mundial
A chegada imprevista da COVID-19 a unha sociedade que se pensaba intocable supuxo e supón un novo paradigma vital caracterizado por un contexto imprevisible e descoñecido. Conscientes da necesidade de aproveitar a nova realidade para cambiar a nosa maneira de relacionarnos e interactuar co mundo, este libro recompila as reflexións de Manuel Fernández Blanco, Pilar García Negro, María Xesús Nogueira, Manuel Outeiriño, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro Ojeda e Iolanda Teixeiro Rei sobre cara a onde nos diriximos, que podemos esperar destes novos «tempos interesantes» e como podemos abordalos con suxestións e decisións concretas.
Unha escolma de ideas e pensamentos en voz alta que esperamos e sabemos que será punto de partida para motivar debates interesantes, suscitar polémicas e dar pé a propostas necesarias de mellora que acheguen refachos de cambio.
Podes ver unha mostra do libro en PDF.
-
A degradación invisible do solo
19,90€A meirande catástrofe ecolóxica está a pasar case inadvertida: cada ano desaparecen no mundo sete millóns de hectáreas de terra fértil, unha superficie equivalente a máis do dobre de Galicia.
Con exemplos sobre o estado de degradación dos solos en Alemaña, Austria e a costa mediterránea da Península Ibérica, e unha análise dos factores causantes, Gerth M. Neugebauer expón, sen medias tintas, os graves riscos aos que se enfronta Europa, así como os mecanismos económicos e os instrumentos lexislativos que promoven tal destrución, unha imaxe na que tamén se reflicte Galicia e que debe servirnos de advertencia.
Porén, esta obra tamén dá motivos para a esperanza e recolle un pequeno catálogo de experiencias transformadoras reais que, especialmente no ámbito urbano, amosan o camiño cara a unha mudanza ecosocial sustentada por solos sans.
-
O libro do clima
22,50€Todo o que cómpre saber sobre o cambio climático
Seca extrema e vagas de calor, mais tamén ondadas de frío, inundacións e precipitacións intensas: a crise climática converteuse nun problema global que ninguén pode ignorar xa.
Aquí entra en acción O libro do clima: co apoio de investigadoras e investigadores de todo o mundo, Esther Gonstalla traduciu os datos científicos sobre o quecemento do planeta e as complexas relacións que hai entre eles en 50 gráficos claros e reveladores, igual que fixera n’O libro dos océanos.
Podes ver unha mostra do libro en PDF.
-
Unha historia do mundo en sete cousas baratas
19,90€Sobre o capitalismo, a natureza e o futuro do planeta.
Natureza, diñeiro, traballo, coidados, comida, enerxía e vida: estas son as sete cousas que construíron o noso mundo e que conformarán o seu futuro. Mediante o abaratamento destas cousas, o comercio moderno transformou, gobernou e devastou a Terra.
En Unha historia do mundo en sete cousas baratas, Raj Patel e Jason W. Moore presentan un novo enfoque para a análise das urxencias planetarias actuais. Nunha época de crise nestas sete cousas baratas e que eles denominan Capitaloceno, requírese urxentemente unha forma de pensar innovadora e sistémica. Este libro propón un modo novo e radical de comprender (e recuperar) o planeta no turbulento século XXI.
-
Polo rego
19,90€A universidade do campo.
O agro galego é un terreo fértil en saberes. É coma unha grande universidade chea de mestras e mestres sabios dispostos a compartir parte do que levan aprendido da terra. Os protagonistas de Polo rego son xente que traballa o campo cunha especial paixón e experiencia nas plantas, na horta e nos seus froitos. Son quen de transmitir o que saben de xeito sinxelo, sen reviravoltas, con entusiasmo e humor.
Este libro recolle o mellor da 1.ª tempada do programa da TVG, con consellos sobre agricultura sustentable e xardinaxe, propostas de cestaría, trucos e remedios para a horta e as pragas, receitas para os froitos da terra, información útil sobre a compostaxe e ideas para aproveitar os beneficios das plantas silvestres. Con este libro entre as mans, todo vai ir polo rego!
-
Mapa ecosocial de Galicia
22,50€O obxectivo desta obra é trazar un mapa ecosocial da nosa terra. Fai unha fotografía actual, para coñecer o contexto e determinar cales son os eidos nos que debemos avanzar para conseguir unha sociedade máis xusta, equitativa e respectuosa co medio.
A obra permítenos retratar as dúas crises que debemos afrontar como sociedade: a crise ecolóxica (o cambio climático, a crise da biodiversidade, o esgotamento dos recursos enerxéticos, os incendios forestais etc.) e a crise social (de desigualdade, de coidados, de calidade de vida etc.). Cada capítulo vén ademais con infografías e cun cadro de boas prácticas que recolle proxectos e iniciativas que xa están a traballar nas posibles solucións.