Saltar ao contido

A editora

Catro Ventos Editora é o selo editorial de Maos Innovación Social, cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro fundada en Compostela en 2014 e constituída por catro persoas socias, Xiana, Zaira, Óscar e Nee, catro ventos que sopran de diferentes xeitos e con percorridos distintos. Desa diversidade nace unha editorial plural e colaborativa, onde todas as voces contan e as decisións son compartidas.

Que publicamos? Nesta nova etapa publicamos tanto ensaio como creación literaria e aceptamos orixinais en calquera das normativas. Interésanos aquilo que move, cuestiona e abre preguntas. As disidencias, identidades LGBTIQA+, voces novas e aquelas que non encontran espazos. Tamén queremos recuperar obras descatalogadas e traer textos de países de fala galego-portuguesa.

Como o facemos? Entendemos a edición como acompañamento. Queremos coidar dos procesos e das persoas. Cada libro pasa por olladas diferentes, respectando a palabra final das autorías. Aspiramos a facer edicións fermosas, de xeito pausado. Con compromiso pola sustentabilididade: tentamos que os nosos produtos teñan o menor impacto ecolóxico e que toda a produción sexa feita en Galiza.

Abrimos unha etapa de ilusión e enerxía, mais coa intención de dar continuidade a un proxecto necesario. A editora naceu en 2016 co desexo de publicar en galego traducións e obras de creación propia. En 2026, despois de fechar a súa actividade e liquidar o catálogo, o selo editorial pasa a integrarse en Maos.

Catro Ventos Editora é un espazo para libros que respiren liberdade, coidado e lingua. Libros que non teñen présa. Libros que duran.

Envíanos o teu orixinal ou idea de publicación a propostas@catroventos.gal