Descrición
Unha breve historia da economía. Da Grecia Antiga ao século XXI
Como os cartos, a falta deles, a insanidade e a inmoralidade construíron o mundo máis próspero de todos os tempos.
Crac! fai un paseo por 12 000 anos de civilización e traza paralelismos entre o pasado e o presente para explicar como funcionan as moedas, a inflación, as burbullas, os cracs financeiros e o ir e vir infinito entre a euforia e a depresión da economía. Dunha economía cíclica que sempre se repite.
Alexandre Versignassi ten unha capacidade brillante para achegarnos, con ironía e sarcasmo, a todos eses conceptos financeiros que están tan presentes nas nosas vidas e que descoñecemos por completo.
Da man dos tulipáns, Isaac Newton, os chimpancés, Homer Simpson e as carabelas, entenderás por fin o mundo do diñeiro e da economía, a máis perturbadora, intensa e xenial das creacións humanas. Unha ciencia que permite que os mesmos 12 euros estean en dous sitios ao mesmo tempo ou que merques un piso de 150 000 euros sen ter que ir pedir micropréstamos de 150 euros a 1000 cidadáns á boca do metro.
Alexandre Versignassi
Alexandre Versignassi é xornalista e director de redacción de Superinteressante, a revista de ciencia máis importante de América do Sur. En 2012, foi finalista do premio máis recoñecido de Brasil, o Premio Jabuti, por este libro que tes entre as mans e gañou catro veces o Premio Abril de Xornalismo. Nos seus máis de vinte anos de traxectoria profesional, leva escritas centenas de reportaxes de divulgación científica e aplica ao xornalismo económico o principio chave que aprendeu na divulgación científica: facer interesante aquilo que é relevante e amosar a relevancia do que semella meramente interesante, unha premisa que segue e leva ao extremo neste libro.