
Lote Practiquiño
48,50€
Velaquí tres obras para facer máis con menos.
Estes tres libros son imprescindibles para aproximarnos máis á coherencia ideal como consumidoras: aplicando consellos e receitas respectuosas co medio para manter limpo o fogar, fuxindo do uso innecesario de plásticos ou comprendendo as causas principais da crise sistémica na que nos atopamos. E agora é posible conseguilas a un prezo especial. Unha oportunidade para levar á práctica os principios da economía social e solidaria.
O aceite de palma: a graxa do imperio
19,00€
A historia do aceite de palma comeza como un sacrificio humano capitalista, coa expedición punitiva británica de 1897 contra o Reino edo (actual Nixeria). O relato de Max Haiven remata no réxime carcerario estadounidense, un sistema impulsado polo beneficio onde a poboación reclusa —boa parte da cal ten descendencia africana— é alimentada a base de produtos baratos derivados do aceite de palma.
Polo medio coñeceremos de que modo a industria moderna do aceite de palma se ergueu das cinzas do comercio de persoas escravas e de que modo o aceite de palma foi o ingrediente secreto e o lubricante da revolución industrial.
Podes ver unha mostra do libro aquí.

Infocracia
15,00€
A dixitalización e a crise da democracia
A dixitalización avanza sen pausa e irrompe na esfera política, onde provoca grandes distorsións no proceso democrático. As campañas electorais preséntanse como guerras de información nas que todo medio técnico e psicolóxico é válido.
Propaganda, fake news, campañas difamatorias e teorías da conspiración dominan o debate político. Con psicopolítica e psicometría dixital búscase influír nas decisións de voto e evitar as decisións conscientes.
Por primeira vez editado en galego, Byung-Chul Han describe neste último ensaio a actual crise da democracia e atribúea ao cambio estrutural da esfera pública na dixitalización. Esa crise ten un nome: infocracia.
Podes ver unha mostra do libro, aquí.

Desamarmos o capitalismo
18,00€
O amor como acción política
Que significa amar? Até que punto o acto de amar está influenciado socialmente? Por que lle interesa ao capitalismo que entendamos o amor como algo restrinxido á esfera privada? Que ten que ver o amor coas nosas escollas conscientes cando mercamos unha prenda de abrigo, un quilo de laranxas…?
De todo isto fala Desamarmos o capitalismo. A partir dunha análise dos conceptos do amor como algo privado, romantizado e consumible, Lann Hornscheidt analiza as diferentes dimensións que ten o amor na nosa sociedade e como, mediante a súa repolitización e diversificación, podemos crear vínculos complexos coa vida doutras persoas.
Neste libro que desafía o binarismo de xénero e a redución do xénero á sexualidade, Lann combina ensaio, creación literaria e exercicios de reflexión para que vexamos que o amor é unha das accións máis políticas que poden existir.
Tradución e prólogo de María Reimóndez.
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.

A bolsa ou a vida
17,00€
O 99 % contra a emerxencia climática
Se o petróleo fose un batido de chocolate, xa estariamos sorbendo e facendo ruídos raros. A transición cara ás renovables preséntasenos como a alternativa, pero é tal alternativa se a vía escollida nos aboca a seguirmos sendo no noso día a día peóns dunha partida de xadrez que enfronta o capitalismo contra toda forma de vida do planeta?
N´A bolsa ou a vida, Salvador Lladó presenta dunha forma clara, didáctica e amena diferentes perspectivas da actual crise ecolóxica: desde a causa central (a necesidade imperiosa de medrar do noso sistema económico), pasando polo seu principal síntoma (a emerxencia climática, posta ademais aquí en relación coa pandemia da covid-19), até unha serie de propostas políticas (ecosocialismo, Green New Deal, decrecemento…) que nacen da necesidade de lle pór freo a un ritmo de produción e destrución da natureza sen precedentes. Estas páxinas servirán para demostrar que ese freo é posible: velaquí un paquete de medidas para dicir non á bolsa e un si rotundo á vida.
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.