Descrición
Escollemos este libro antes de saber que o mundo sería sacudido por unha pandemia mundial, mais a súa publicación non nos pode parecer máis acaída. As reflexións de Mujica, Petrini e Sepúlveda son un sopro de aire fresco, de esperanza, de confianza.
Na nosa sociedade capitalista onde todo se fai a correr e cun obxectivo, onde todo son dereitos e deberes, propóñennos reflexionar sobre o noso dereito a sermos felices, a desfrutar do camiño da vida e a vivir por un motivo.
Obviamente ninguén ten a receita para a felicidade, pero estas tres sabias mentes suxiren varias chaves que nos han permitir abrir máis portas das que pensamos. Soberanía, sindicalismo, maior contacto coa terra, diálogo continuo, militancia, empatía e solidariedade son palabras que se repiten nun discurso espontáneo e cargado de forza que soña cun cambio de rumbo.
Carlo Petrini, no limiar que escribiu especificamente para a edición en galego (grazas!), resume perfectamente a mensaxe que os tres querían facernos chegar: «Comprometámonos todos, cada quen coas súas forzas e as súas posibilidades, a vivir por ese sentido da vida que tanto se debate neste libro: o deber moral de facer a nosa parte para promover e conseguir que a felicidade se converta nun dereito universal».
Autoría
José Mujica
Jose Mujica, naceu en Montevideo en 1935. O seu pasado como guerrilleiro de Tupamaro na época da ditadura levouno a pasar catorce anos da súa vida encerrado nunha prisión.
Tras ser liberado en 1985, cando se restableceu a democracia constitucional, constituíu, canda outros líderes tupamaros e varios grupos de esquerda, o Movemento de Participación Popular (MPP), dentro da coalición política coñecida como Fronte Ampla.
Foi presidente de Uruguai de 2010 a 2015 cun mandato sobrio e pragmático que deu a volta ao mundo, e que sentou un antes e un despois na forma de facer política. Renunciar á residencia presidencial para quedar a vivir na súa casa de campo e doar o 90 % do seu salario a asociacións benéficas e non-gobernamentais valeulle o título de «o presidente máis pobre do mundo» e converteuno nun emblema da política que prioriza o ben común. En 2020 retirouse oficialmente da actividade política para adicarse á militancia popular.
Recibiu unha longa lista de condecoracións, entre elas, múltiples títulos de doutor honoris causa de diversas universidades de todo o mundo.
Son moitos os libros, artigos, documentais etc. escritos sobre a súa persoa e a súa visión das cousas.
Carlo Petrini
Carlo Petrini naceu en Bra (Italia) en 1949. Sociólogo, escritor e sobre todo gastrónomo (como a el lle gusta definirse), é o fundador da Universidade de Ciencias Gastronómicas de Bra e do movemento Slow Food, nado en Italia en 1986 co obxectivo de promover o dereito a desfrutar da comida e que axiña adquire carácter internacional. Entre as moitas actividades de Slow Food, creou o Salón Internacional do Gusto de Turín, a rede Terra Madre e a Universidade de Ciencias Gastronómicas de Pollenzo.
Está considerado unha das «100 personalidades máis influentes» pola revista Time. En setembro de 2013, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) outorgoulle o premio Campión da Terra e en 2016 a FAO nomeouno Embaixador Especial do Programa Fame Cero.
Escribiu múltiples libros de gran sona mundial, entre eles Terra Madre. Come non farci mangiare dal cibo (2009), Cibo e libertà (2013), Voler bene alla terra (2014) e Buono, pulito e giusto (reeditado por última vez en 2019).
Luis Sepúlveda
Luis Sepúlveda naceu en Ovalle (Chile) en 1949 e faleceu en 2020 en Asturias, onde pasou as últimas décadas da súa vida. Escritor, xornalista e cineasta autor de múltiples contos e novelas, do seu ideario político e social salienta a súa preocupación polo desequilibrio do planeta e o futuro da humanidade. Foi coñecido polo seu carácter reivindicativo e a súa creación literaria comprometida coas circunstancias do seu país e contra os réximes ditatoriais.
Ten máis de 100 obras publicadas con éxitos de vendas e da crítica como Un viejo que leía novelas de amor (1988); Mundo del fin del mundo (1989); Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar (1996), que foi levada ao cine, e Historia de un caracol (2013).
Entre os numerosos recoñecementos que lle foron concedidos ao longo da súa traxectoria, Sepúlveda foi doutor honoris causa da Facultade de Letras de Urbino (Italia), en 2014 gañou o Premio Chiara pola súa traxectoria e, en 2016, o Premio Hemingway de Literatura.