Descrición
E ti, xa estiveches na sala dos espellos?
A que responden as escenificacións da menor das Kardashian ante o black mirror? Por que milleiros de persoas viven pendentes do seu Instagram? Que pasou neses tres días en que Marilyn Monroe foi fotografada constantemente no hotel Bel Air? Por que a emperatriz Sissi tiña unha sala dos espellos? Que lle di o espelliño á madrasta de Brancaneves?
Mordaz e intelixente, Strömquist reflexiona nesta banda deseñada sobre até que punto a ditadura da imaxe e do espello (en todas as súas formas) minou o modo como nos relacionamos co noso corpo e, en especial, cos corpos das mulleres. Igual ca n’A froita do coñecemento, Strömquist ofrécenos Na sala dos espellos unha maridaxe perfecta de referentes históricos e da cultura pop co apoio teórico de grandes figuras do pensamento como Susan Sontag ou Byung Chul-Han.
Autoría
Liv Strömquist
Liv Strömquist, nada en 1978 en Lund (Suecia), é unha das autoras de banda deseñada feminista máis influentes da escena internacional. Licenciada en Ciencias Políticas, traballa na radio e colabora como ilustradora para diferentes revistas e xornais do seu país. Como activista (sobre todo nos eidos do feminismo e das políticas de asilo), Liv emprega o cómic para elaborar ensaios gráficos sobre diferentes temáticas sociais que aborda cunha documentación minuciosa, con ironía e moito humor, e con referencias heteroxéneas, desde a cultura pop até a Biblia. En 2016, a Universidade de Malmö nomeouna doutora honoris causa.
David Á. Álvarez Martínez
David A. Álvarez Martínez, nado en Salvaterra, á beira do Miño, medrou cerca do Ulla, na Estrada. Licenciado en Filoloxía Alemá e Inglesa pola USC, exerceu a docencia de linguas estranxeiras en Alemaña, Madrid, Suecia e, nos últimos anos, xa en Galicia na EOI. É socio fundador da Asociación Galega de Xermanistas e actual secretario. Formouse paralelamente cun máster en tradución e conta con varios títulos de ficción traducidos desde o sueco, o noruegués e o alemán.