fbpx

Setenta ideas para a (pos)pandemia

14,50

Unha reflexión arredor do novo escenario mundial

A chegada imprevista da COVID-19 a unha sociedade que se pensaba intocable supuxo e supón un novo paradigma vital caracterizado por un contexto imprevisible e descoñecido. Conscientes da necesidade de aproveitar a nova realidade para cambiar a nosa maneira de relacionarnos e interactuar co mundo, este libro recompila as reflexións de Manuel Fernández Blanco, Pilar García Negro, María Xesús Nogueira, Manuel Outeiriño, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro Ojeda e Iolanda Teixeiro Rei sobre cara a onde nos diriximos, que podemos esperar destes novos «tempos interesantes» e como podemos abordalos con suxestións e decisións concretas.

Unha escolma de ideas e pensamentos en voz alta que esperamos e sabemos que será punto de partida para motivar debates interesantes, suscitar polémicas e dar pé a propostas necesarias de mellora que acheguen refachos de cambio.

Podes ver unha mostra do libro en PDF.

Dispoñible

Descrición

Coa chegada da pandemia, o mundo entra nunha nova etapa histórica que, nos vindeiros anos, chegaremos a coñecer con máis certeza ca na actualidade. Por iso, en certa medida, non é desmesurado dicir que o novo século comeza agora, coa entrada nunhas máis deterioradas condicións de vida para a maioría da poboación en todo o mundo; condicións que, probablemente, se acaben «naturalizando».

Setenta ideas para a (pos)pandemia é o resultado dunha interpelación a sete autoras e autores galegos (Manuel Fernández Blanco, Pilar García Negro, María Xesús Nogueira, Xosé Manuel Outeiriño Gallego, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro e Iolanda Teixeiro Rei) aos que se lles pediu que elaborasen un decálogo arredor da súa consideración sobre o mundo no que entramos ou, en todo caso, a que fase do sistema-mundo actual nos diriximos.

Unha escolma de ideas e pensamentos en voz alta que esperamos e sabemos que será punto de partida para motivar debates interesantes, suscitar polémicas e dar pé a propostas necesarias de mellora que acheguen refachos de cambio nestes novos tempos difíciles pero á vez suxestivos.

Autoría

Manuel Fernández Blanco

Manuel Fernández Blanco é psicanalista e psicólogo clínico do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Foi presidente da Escola Lacaniana de Psicanálise e secretario do Bureau da Asociación Mundial de Psicanálise. Na actualidade, dirixe a Clínica do Campo Freudiano na Coruña (destinada a posibilitar un tratamento psicanalítico a persoas con escasos recursos económicos) e é docente do Instituto do Campo Freudiano. As súas publicacións tratan fundamentalmente a psicanálise e a saúde mental. Ademais, é colaborador da sección de opinión do diario La Voz de Galicia.

Pilar García Negro

María Pilar García Negro é profesora honoraria da Universidade da Coruña. As súas publicacións refírense fundamentalmente á sociolingüística, a lingua e a literatura galegas, con atención por autores como Rosalía de Castro, Lamas Carvajal, Castelao, Ramón Vilar Ponte, Carvalho Calero, Manuel María, Novoneyra ou Marica Campo. Foi corredactora da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e é membro ad honorem da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas.

María Xesús Nogueira

María Xesús Nogueira Pereira naceu en Berres, A Estrada. É doutora en Filoloxía Galega e profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Exerce desde hai anos a crítica literaria en diferentes medios e é autora de Soñadores e familia. Os personaxes na narrativa de Álvaro Cunqueiro (2009), 13. Antoloxía da poesía galega próxima (2017) e Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004) (2018).

Xosé Manuel Outeiriño Gallego

Manuel Outeiriño é profesor de Teorías da Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela. Entre outros, salienta o seu traballo de recuperación e edición de textos de Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, alén da tradución e edición do volume Globalización e imperialismo cultural (2011). É membro do consello de redacción da revista A trabe de Ouro, na que leva publicando, desde hai máis dun cuarto de século, traducións e ensaios sobre literatura e cultura contemporánea.

Fernando Ramallo

Fernando Ramallo é profesor de Lingüística na Universidade de Vigo. Interésase, entre outros temas, pola sociolingüística política e os procesos de minoración lingüística, incluíndo as súas consecuencias ideolóxicas, sociais, políticas e lingüísticas; en particular, no que respecta ao neofalantismo e ás novas subxectividades que tal acontecemento está a supoñer para a lingua e a sociedade en Galicia. Foi membro do Comité de Expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa (2013-2019).

Francisco Sampedro

Francisco Sampedro é doutor en Filosofía e recibiu o Premio da Crítica de Ensaio en 1998 (Ideoloxía e distorsión) e 2006 (A violencia excedente). Colabora con revistas de filosofía internacional e con diversos medios de comunicación galegos, nos que publica arredor de temáticas como a crítica literaria ou a política. É membro do consello de redacción da revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro e leva realizados diversos traballos salientables de tradución ao galego da obra de filósofos contemporáneos como Alain Badiou, Jacques Rancière ou Slavoj Žižek.

Iolanda Teixeiro Rei

Iolanda Teixeiro Rei, nada en  Ferrol, é licenciada en Pedagoxía Social pola Universidade de Santiago de Compostela e compaxina o seu traballo como profesora de taichí e chi kung co de articulista para diversos xornais de tiraxe dixital e en papel. Ademais, foi unha das promotoras da Rede para o Decrecemento Eo-Navia/Galiza/O Bierzo e é secretaria nacional da organización política LiGanDo.

autoria

Características

Dimensións 1.2 × 15.2 × 21.5 cm
ISBN

978-84-122499-3-4

FORMATO

Encadernación rústica cosida

Nº PÁXINAS

76

XÉNERO

Ensaio

Hache prestar tamén...

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies