Descrición
Sara Carrasco e Silvia Iglesias enfían un relato de descubrimento a través desta guía visual e ilustrada na que coñeceremos ao detalle que pasa baixo o mar, con apuntamentos sobre o noso impacto neste medio e recomendacións para un mergullo responsable.
Sara Carrasco González
Sara Carrasco Gónzález (1986) é fisioterapeuta de formación, mais decidiu acabar mergullándose na ilustración naturalista e no mundo submarino, o cal retrata nesta obra mediante acuarela e lapis.
A súa formación sobre o mar parte de distintos ámbitos, desde os cursos «Ecosistemas mariños: diversidade e ameazas dos ecosistemas bentónicos» (Aula Cram), «Bioloxía mariña xeral» (ZOEA Campus) e «Ilustra peces» (Illustraciencia), até as sesións semanais de aprendizaxe e perfeccionamento de técnicas de pintura (Taller Zoográfico). Dispón do certificado de mergullo Advanced Open Water Diver (PADI).
Silvia Iglesias Prado
Silvia Iglesias Prado (1979) é psicóloga orientada ao eido da educación. En 2018, decidiu formarse en bioloxía mariña e na conservación e educación ambiental, eidos próximos á súa gran paixón: o mar. Aproveita as máis de 300 inmersións que leva feitas na ría de Vigo para realizar filmacións e fotografías que recollen en detalle as curiosidades e a beleza do mundo submarino.
Formada como educadora e intérprete mariña (Instituto Erudite), dispón do título de técnica de educación ambiental (Instituto Erudite) e realizou diferentes cursos de especialización, como «Curso de biodiversidade e conservación mariña» (Aula Foz), «Ecosistemas mariños: diversidade e ameazas dos ecosistemas bentónicos» (Aula Cram), «Bioloxía mariña xeral» (ZOEA Campus), «Tiburóns e raias» (ZOEA Campus) e «Arrecifes de coral» (ZOEA Campus). Tamén conta co certificado Advanced Open Water Diver (PADI).
13GRADOS
Trece graos é a temperatura á que está habitualmente a auga no fondo das rías, unha temperatura que traen as correntes frías desde as profundidades do océano até as nosas costas, as mesmas correntes que enchen de nutrientes as augas, dando orixe a unha gran biodiversidade e tinguíndoas da súa cor verde tan característica. Agora é tamén o nome dun proxecto para a divulgación e conservación do medio mariño da ría de Vigo a través do que elaborar recursos didácticos e organizar actividades e exposicións que permitan amosar o descoñecido mundo submarino das nosas rías, a súa beleza, biodiversidade e importancia. Porén, este proxecto tamén quere amosar o estado actual das rías ante as ameazas que poñen en perigo a súa existencia tal e como a coñecemos e de que forma a nosa vida cotiá inflúe na súa saúde.