Descrición
Este libro fai parte dunha colección de catro títulos pensada para os lectores máis novos que publicou entre os anos 1977 e 1978 a editorial barcelonesa La Gaya Ciencia.
O ditador Franco morrera só un par de anos antes e o país estaba a vivir unha etapa —a Transición— que achegaría os primeiros cambios democráticos. Xa pasaron case corenta anos desde aquela e pensamos que o espírito e a maior parte da letra deste libro está completamente vixente, polo que decidimos volver editalo con novas ilustracións.
Dos textos unicamente tocamos algunha coma (así que non podemos dicir que non tocamos nin unha coma), pero non lle suprimimos nin engadimos nada ao seu contido. No esencial, as ideas e os comentarios son perfectamente válidos, o mesmo que acontece co test, que tamén reproducimos sen alteracións. Convidamos a todos os lectores a o contestar.
Aquí podes ver unha mostra do libro en Issuu ou descargala en PDF.
Mikel Casal
Mikel Casal (Donostia, 1965) publica os seus deseños e caricaturas en xornais e revistas de todo o mundo, mesmo no afastado Perú. Os primeiros anos da súa vida transcorreron durante a ditadura. Non lle acorda demasiado, porque era un cativo, mais sentía (era un pequeno coas antenas postas) que derredor del se respiraba un ambiente de tristura. Soubo, por persoas máis vellas que llo contaron, que moita xente vivía con medo.
Alén de debuxar, a Mikel o que máis lle presta é facer surf. Adoita ir co seu fillo Telmo á praia da Zurriola e ven saír o sol mentres se enfrontan ao vento e ao mar montados nas súas táboas. Non sabemos se o pensan, pero vivir nunha ditadura ha ser exactamente o oposto a voar sobre unha onda.