fbpx

Pero quen demo é Liv Strömquist?

01/02/2024 Catro Ventos

Estamos ás portas de publicarmos unha nova obra da famosa autora de banda deseñada Liv Strömquist. E, se non sabes por que é famosa esta autora sueca, ímosche descubrir catro cousas para poñela no mapa de autoras imprescindibles entre as túas lecturas.

Banda deseñada feminista

Liv Strömquist (1978) é unha autora moi recoñecida no seu país, mais tamén a nivel internacional, por ter unha traxectoria de artista e comunicadora sempre comprometida co feminismo e o activismo contra as desigualdades. A súa linguaxe directa e o seu humor non impiden que aborde con gran detalle e seriedade temas que, como sabedes, son tamén moi importantes para as persoas que formamos Catro Ventos.

Cursou estudos universitarios de Ciencias Políticas, de feito en 2016, a Universidade de Malmö nomeouna doutora honoris causa, pero en paralelo foi introducíndose no mundo dos fanzines, para despois chegar a publicar a súa primeira banda deseñada en 2005. Tamén participa regularmente no seu país en xornais, revistas, programas de radio e mesmo na televisión. De feito, leva moitos anos colaborando coa emisora de radio pública Sveriges Radio P3 e copresenta un podcast no xornal Expressen. En 2016 emitiuse o programa televisivo Liv och Horace i Europa, no que, canda o crítico literario e historiador Horace Engdahl, percorreu Europa para falar de diferentes autoras do continente. 

A froita do coñecemento 

En 2021 publicamos A froita do coñecemento. A vulva contra o patriarcado, un dos seus maiores éxitos, traducido a numerosas linguas. Para nós supuxo un reto especial, porque foi o primeiro que publicamos nunha lingua que non dominamos ningún dos membros do equipo e ademais debíamos facelo nun formato tan complexo como é a banda deseñada. Por sorte, contamos coa preciosa colaboración de David A. Álvarez Martínez, que foi quen de traducir e trasladar a retranca presente nunha obra que, como sucede tamén no resto dos seus libros, feminiza un universo aínda dominado polos homes.

En galego decidimos manter un título que é tradución literal do orixinal sueco, malia que noutras linguas preferiron optar por «A froita prohibida» (en español) ou «A orixe do mundo» (en alemán ou francés), que poden ter outro tipo de connotacións.

Na sala dos espellos

E velaquí que achegamos ao galego unha nova obra desta autora. Repetimos colaboración con David para a tradución e, desta volta, Liv Strömquist bota man da banda deseñada para reflexionar sobre cal é a relación entre canons de beleza, sexualidade e estatus social, como afrontar a ditadura da imaxe que vivimos actualmente, como evolucionou esta cuestión ao longo da historia e sobre o paradoxo de ter logrado unha maior liberdade sexual ao tempo que cada vez estamos máis sometidas á presión social e escravizadas polas esixencias imposibles dos ideais de beleza e a relación cos nosos corpos.

Na sala dos espellos vaille prestar ás persoas que queiran reconciliarse coa súa imaxe, ás que andan perdidas entre instagrammers e ás que queiran poñerlle freo ao machirulismo dixital. Feliz lectura!

E como bonus, podes ver aquí (en castelán) a entrevista que lle fixeron no programa Página 2 (RTVE).

Na sala dos espellos en prevenda!

Tes un desconto do 10 % aplicado no prezo se mercas o teu exemplar antes do lanzamento.

Dispoñible até o 20/02/2024
, , , , , , , ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies