fbpx

Mes climático

01/03/2024 Miguel Braña

O mes de marzo destaca polo número de días conmemorativos de cuestións relacionadas dun ou doutro xeito co clima, o cambio climático e a crise da biodiversidade.

Día mundial do…

Marzo ten un día moi sinalado no 8 de marzo (Día Internacional da Muller) e é xusto que así sexa! Queda moito camiño por percorrer para atinxir a igualdade de dereitos e os impactos negativos do patriarcado teñen moitas maneiras de manifestarse. Con todo, Teachers for Future Spain lembrounos nestes días que o mes de marzo vén cheíño de datas sinaladas para as persoas que nos interesamos pola ecoloxía e o coidado do planeta:

  • 3 de marzo: Día da Natureza e da Vida Silvestre
  • 5 de marzo: Día da Eficiencia Enerxética
  • 14 de marzo: Día Internacional de Acción polos Ríos
  • 15 de marzo: Día do Consumo Responsable
  • 20 de marzo: Día Mundial sen Carne
  • 21 de marzo: Día Internacional dos Bosques
  • 22 de marzo: Día da Auga
  • 26 de marzo​: Día Internacional do Clima
  • 30 de marzo: Día Internacional de Cero Lixo

Emporiso, esta enchente de xornadas que chaman á acción é unha espada de dous gumes. Dunha banda, tratan de destacar cuestións que sen dúbida son merecedoras de atención e, doutra, decote son utilizadas como ferramentas publicitarias por empresas e organismos que recorren ao greenwashing para tentar convencernos de que as súas prácticas non resultan nocivas para o medio e as persoas.

Os lavados reputacionais

Como vimos o mes pasado coa obra de Liv Strömquist, vivimos nunha época marcada pola ditadura da imaxe e pola «reputación» principalmente nas redes sociais. Esta realidade non só se aplica ás persoas, senón que tamén afecta as empresas e organismos, que cada vez son máis conscientes do impacto que unha imaxe negativa pode ter na súa actividade económica. E dicimos económica, porque, por desgraza, este aspecto segue primando sobre as consideracións ambientais e sociais cando se valora o «éxito» dunha empresa. 

En realidade, trátase de prácticas de márketing que adoitan usar aquelas corporacións que se ven afectadas por escándalos relacionados con desastres ambientais ou abusos laborais, ou que sinxelamente buscan presentar a unha entidade como gran defensora dunha «causa xusta». En función do pau que toque o lavado reputacional (explotación, traballos forzados, malas condicións laborais, contaminación, violencia animal, substancias tóxicas, residuos etc.), estaremos falando de greenwashing, socialwashing, pinkwashing, feminiwashing, healthwashing, culturalwashing ou academicwashing.

Os lavados reputacionais xorden como resposta á esixencia dunha cidadanía cada vez máis consciente das malas prácticas das distintas industrias.

Consumo consciente e responsable

Sen deixar de celebrar días como os que mencionabamos antes, a título individual a nosa resposta tamén pode e debe vir dunha atitude crítica cando consumimos. De pouco valería acudir a todas as manifestacións se o resto do ano todo segue igual. 

Con todo, tamén hai que ter coidado con non culpabilizar ás demais. Cada situación persoal é distinta e non todo o mundo ten a mesma capacidade de resposta. Ademais, non sempre é doado distinguir os lavados reputacionais e a dixitalización das nosas vidas fai que decote o problema sexa máis un exceso (o «ruído») ca unha escaseza de información.

De buscar practicar un consumo cada vez máis consciente e responsable, un bo punto de partida pode ser pensar no que temos e non precisamos. Outra boa opción é pensar en reparar, reutilizar, intercambiar, compartir… Evitar que a resposta sexa sempre desbotar e mercar algo novo.

Por último, cómpre lembrar que dende a Economía Social e Solidaria (ESS) hai xente e entidades tentando ofrecer produtos e servizos que sexan o máis responsables posible dende o punto de vista ecosocial. Na actualidade existen alternativas en sectores tan diversos como a alimentación (Rede de Supermercados Cooperativos), as finanzas (podedes consultar este artigo do noso blog de hai uns meses), a enerxía (Nosa Enerxía) ou as telecomunicacións (Somos Conexión). Porén, non son os únicos: coñeces proxectos similares?

, , , , , , , ,

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies