fbpx

Finanzas éticas

25/05/2023 Catro Ventos

Tradicionalmente, cando se quería pór un exemplo de oxímoro, adoitábase mencionar «banca ética». Porén, xa desde hai anos, as entidades e persoas que participamos na economía social e solidaria contamos con varias alternativas para combinar a resposta ás nosas necesidades bancarias e financeiras co respecto dos principios ecosociais que defendemos desde os nosos proxectos.

No eido específico das finanzas éticas, contamos con tres proxectos presentes en Galicia que ofrecen diferentes produtos e servizos tanto para particulares como para empresas. As tres son entidades sen ánimo de lucro e compañeiras nosas en REAS Galicia, e tamén contan con mecanismos para garantir a participación das persoas socias na súa actividade cotiá (con dereitos políticos e non só económicos).

AIS O Peto

A primeira é a Asociación por un Interese Solidario «O Peto», unha organización que recolle aforro de particulares para conceder microcréditos a proxectos do máis diversos, valorando o «traballo socialmente necesario para que a persoa poida ser protagonista da súa vida». Funciona da seguinte maneira: as persoas socias achegan 60 euros ao capital social da entidade e a maior parte deses cartos (agás unha pequena parte para gastos de xestión) é destinada á concesión de microcréditos. 

Como sucede tamén co resto das entidades das finanzas éticas, un dos seus principios fundamentais é a transparencia e, no apartado Proxectos financiados da súa web, podedes ver a que se destina o aforro acumulado. Outro deses principios básicos é a intercooperación, a busca de espazos nos que colaborar con outras entidades afíns, que se concreta na súa participación en REFAS (a Rede de Finanzas Alternativas e Solidarias, de ámbito estatal).

Coop57

O segundo dos proxectos é Coop57, unha cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios. O seu obxectivo é «recoller e captar o aforro da sociedade civil para o poder canalizar cara ao financiamento de entidades da economía social e solidaria que promovan o emprego; impulsen o cooperativismo, o asociacionismo e a solidariedade en xeral; e fomenten a sustentabilidade sobre a base de principios éticos e solidarios».

En Coop57 hai dous tipos de socias: dunha banda, as entidades que reciben os empréstitos (e que, por suposto, tamén poden achegar recursos económicos) e, doutra, as socias e socios colaboradores, persoas que deciden pór parte dos seus aforros no capital social da cooperativa. 

Na sección Coop57 en cifras do seu sitio web podedes facervos unha boa idea do impacto que conseguen. E no Directorio de entidades podedes ver as organizacións que colaboran con este proxecto.

Fiare Banca Ética

Por último, a terceira iniciativa de finanzas éticas que participa activamente en Galicia é Fiare Banca Etica. Trátase dun banco cooperativo hispano-italiano que ofrece moitos dos servizos e produtos habituais das entidades bancarias tradicionais, mais coa perspectiva da economía social e solidaria. Isto significa, ao igual que sucede con AIS O Peto e Coop57, que só traballa con iniciativas que teñen un impacto ecosocial positivo (quedan fóra os investimentos en armamento, industrias contaminantes, empresas con casos de explotación laboral…). Fiare ofrece produtos para persoas físicas (conta corrente, tarxeta de crédito ou débito, depósitos de aforro) e tamén para persoas xurídicas (financiamento e outros produtos e servizos bancarios e financeiros). 

Malia non ter polo momento oficina física en Galicia, o banco si ten dous GIT (Grupos de Iniciativa Territorial) moi activos na nosa terra. Na sección Co meu diñeiro podedes ver que proxectos se financian e tamén hai máis información interesante no seu Informe de impacto anual.

Seguros éticos

Antes de rematar, só un breve apuntamento sobre os seguros éticos, unha actividade que decote esquecemos incluír no eido das finanzas. Aínda que non hai un proxecto propiamente galego, si que é posible contratar seguros coa empresa de corretaxe Arç Cooperativa e mesmo ter un seguro ético con CAES, un proxecto que xestionan conxuntamente con Seryes.

Recomendacións lectoras

E xa para despedirnos, sería raro que desde o blog dunha editora non vos recomendásemos algunha lectura relacionada con estes temas. Así, no catálogo de Catro Ventos podedes atopar Crac! Unha breve historia da economía. Da Grecia Antiga ao século XXI de Alexandre Versignassi (tradución do portugués de María Mediero) e unha das primeiras obras que publicamos: Transición ecolóxica. Manual de uso de Philippe Frémeaux, Wojtek Kalinowski e Aurore Lalucq (tradución do francés de Miguel Braña). Feliz lectura!

, , , , , ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies