En Educazione per un mondo nuovo (‘Educación para un mundo novo’), Montessori fálanos dun colchonciño suave para mover o bebé.
O acochador (tamén coñecido polo seu equivalente italiano: topponcino) pode facerse facilmente na casa. Trátase dun colchón de dimensións ovaladas cunha altura de como máximo 2 cm, de ao redor de 40 × 60 cm, realizado cun moletón suave pero acolchado para que sexa relativamente ríxido e cuberto por unha funda extraíble de liño ou algodón. O voso neno sempre estará apoiado no acochador, mesmo cando o teñades no colo ou o poñades na súa cadeira no coche. Este colchón ten o obxectivo de protexelo en calquera situación e vai facer que se sinta ben nos brazos de calquera persoa, evitando que lle cambalee a cabeza. Ademais, atopar en calquera situación o cheiro familiar do acochador hao calmar nos momentos de choro.
Fragmento do libro: Como liberar o potencial do voso neno, de Daniela Valente.
Daniela Valente, do sitio web www.montessori4you.it, permitiunos publicar as imaxes do seu artigo sobre como construír un acochador na casa (tiradas á súa vez do sitio web Le coin Montessori).
Para creardes un acochador, precisades dos seguintes materiais:
– Moletón de algodón ecolóxico (de non máis de 2 cm de alto)
-Tecido de algodón ecolóxico
-Máquina de coser ou agulla e fío
-Compás
Primeiro de todo, cómpre debuxar o patrón. Nunha cartolina, trazade a forma do acochador coas seguintes medidas:
Debuxade un cadrado ABCD onde AB = 30 cm, BC = 37 cm e M sexa a metade de AD.
Colocade a punta do compás no M e trazade un semicírculo de A a D.
Facede o mesmo co lado BC.
Para preparar o recheo, colocade o moletón enriba do patrón e recortádeo.
Rematádeo ao redor para evitar que se desfaga.
Deseguido, colocade dous cachos de tecido enriba do patrón e recortádeos a unha distancia de 1,5 cm, de xeito que quede espazo abondo para coselos.
Nunha das dúas teas, facede un corte a un terzo de altura que vos permita tirar comodamente o recheo cando sexa necesario lavar a funda. Se queredes, rematade o corte coa máquina para que non esfiañe.
Parte de atrás da funda:
Parte de diante da funda:
Colocade unha funda sobre a outra e cosede derredor. Se queredes, podedes enfeitar o acochador cun volante.
Agora só falta colocar dentro o recheo, e xa está listo para acochar o teu meniño!