fbpx

Mais lecturas conscientes en 2021

26/08/2021 Catro Ventos

Estamos que non paramos e seguimos a publicar lecturas conscientes, das que prestan e das que axudan a mudar estereotipos, hábitos e soños. Queremos que as cousas vaian mellor? Pois niso andamos!
Entre as lecturas que propoñemos para o segundo semestre deste 2021 atoparás de seguro unha obra que che encha o ollo e, se non, mira atrás ao que levamos publicado: case 30 títulos para espallar, contigo, aires de cambio.

introdución

As novidades deste semestre

Poñamos as lentes violetas

Nas aulas hai moito por aprender e moito tamén por desaprender. Non queremos prexuízos sexistas, e moito menos no ensino. A estas alturas e seguimos nas mesmas?
Pois non! Por iso xurdiu nun instituto de Vigo un Comando Igualdade que se foi replicando en distintos centros de ensino de Galicia e do resto do estado, para sinalar aquelas fórmulas que, mesmo por habituais, pasan desapercibidas e que é preciso erradicar. A historia do Comando Igualdade cóntannola Chis Oliveira e Priscila Retamozo en Comando igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas! E non só iso: tamén nos dan fórmulas para mudar condutas e actitudes. Queremos xustiza social, tamén nas escolas!

Darlle á lingua no 2050

O futuro hai que soñalo, mais o futuro do galego… hai que visionalo!
Recollemos as respostas á pregunta de «Como imaxinas a situación da lingua en 2050» que o o profesor da Universidade de Vigo e recoñecido sociolingüista Fernando Ramallo lles fixo a 25 persoas ligadas ao galego (xornalistas, docentes, escritoras, políticos…) e atopamos ideas, fórmulas e pensamentos para coñecer cara a onde pode ir a lingua e a identidade galega de aquí a trinta anos.
A lingua en 2050 é un exercicio sorprendente, unha obra múltiple en canto a voces, opinións e enfoques, que nos achegará algún que outro motivo de preocupación e tristeza, pero tamén ideas de acción e moitos soños.

Soñamos que marchou o plástico?

Pois fagámolo realidade!
A Elisa Nicoli xa a coñeces: é a autora da obra de autoconsumo responsable Limpeza creativa (se non tes aínda esta obra, xa tardas!). O que non sabías é que ten un libro que che axuda a baixar a mínimos a túa pegada de plástico mudando certos hábitos diarios e que leva o profético título de Adeus, plástico!.
Moitos consellos prácticos para dicirlle adeus a aquilo que tanto mal nos fai a nós e ao medio ambiente. Todo mellor sen envases!
destacado

Lecturas conscientes por vir

Obras en camiño

Pandemia mediante, xa estamos a debuxar o noso plan editorial para 2022 cunha manchea de temas interesantes que acolleremos no catálogo. Igual é moito avanzar, mais préstanos contarche algúns detalles dalgunhas das obras que sairán do prelo no primeiro semestre. Velaquí os títulos provisionais e algunhas liñas ao respecto:

  • Desamorizar o capitalismo, de Lann Hornscheidt, en tradución do alemán de María Reimóndez. Esta obra non é unha crítica ao «amor romántico» que se lles vende ás mulleres para mantelas atadas a estruturas de dominación, senón unha reflexión máis política. Estamos ante un libro feminista que afonda na visión de que «o persoal é político» para abrir espazo a unha consideración sobre que tipo de amor se nos vende socialmente e con que fins, e de que maneira podemos reinscribirnos dende as marxes e transformar o que inicialmente é un ben de consumo nunha ferramenta de cambio social.
  • Pero que fariamos nós sen os mosquitos? Para entender por fin que significa a biodiversidade para a nosa vida, de Frauke Fischer e Hilke Oberhansberg, en tradución do alemán de Patricia Buxán. E non sería xenial que morresen os mosquitos? En absoluto! A natureza é unha rede na que cada organismo desempeña unha función esencial. Non hai especie que non dependa doutra, e aquí os seres humanos non somos excepción ningunha. Sen a riqueza da natureza non poderiamos sobrevivir: sen insectos non habería froita, sen microorganismos non habería humus… sen mosquitos non habería chocolate! Ao destruírmos esta diversidade estamos a pór en perigo a nosa propia existencia. Para que iso non pase, este libro presenta unha ollada entretida ao mundo fascinante dos animais e das plantas que nos agasallan alimentos, seguridade, saúde e moito máis: un futuro, e presenta con claridade que ten que pasar para que aínda poidamos deter a morte das especies.
peche
, ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies