Practicamente dende os inicios de Catro Ventos, a cuestión sobre se ofrecer os nosos títulos tamén en formato electrónico está sempre enriba da mesa. Para un proxecto pequeniño coma o noso, non é unha decisión sinxela.
Contexto e valoracións socioambientais
O primeiro que cómpre aclarar é que, entre as socias de Catro Ventos, nunca se valorou apostar unicamente polo formato electrónico, xa que nós somos as primeiras fans do formato físico dos libros e cremos que o coidado que poñemos na produción dos nosos títulos é unha das cousas que máis valorades as lectoras.
Xa que logo, deberiamos publicar todos os libros nos dous formatos? Quizais poderiamos publicar só en dixital aqueles libros que non queremos deixar de publicar, pero que estes case oito anos de experiencia no sector editorial galego nos demostraron que nos custa moito mover en formato físico? Existe realmente un público lector na nosa lingua que compense o esforzo e investimento que suporía esta aposta?
Ademais, nun proxecto coma o noso, no que tentamos sempre valorar as implicacións éticas, sociais e ambientais das nosas decisións, xórdennos dúbidas a respecto doutras cuestións: é realmente menor a pegada ambiental do libro electrónico?; non quedaría fóra un público que non se apaña ben coas novas tecnoloxías?
As vantaxes do libro electrónico
- Menor custo de produción. Un aspecto sen dúbida importante é que, de non imprimir algúns títulos, estariamos a aforrar bastante nun momento no que o prezo do papel está disparado após a pandemia da covid-19 (que aumentou exponencialmente o uso do comercio electrónico e o envío/devolución de paquetes) e as turbulencias xeopolíticas destes últimos anos que tanto se están a notar na inflación.
- PVP máis baixo. O libro electrónico, xustamente por ese abaratamento do que vimos de falar, permite ofrecer os nosos títulos a un prezo menor e, daquela, ten o potencial de chegar a un público que non se pode permitir gastar o que custa o libro físico.
- Maior dispoñibilidade. O formato electrónico permitiría que poidan mercar as nosas traducións e obras orixinais persoas que non viven en Galicia e que poden ter problemas para conseguilos. Pode ser unha solución para a diáspora galega que quere seguir en contacto coa nosa terra.
As desvantaxes do libro electrónico
- Pegada ambiental: sempre se asume que o impacto no planeta dos servizos e produtos dixitais é menor, pola suposta «inmaterialidade» da Internet. Porén, as novas tecnoloxías non son inocuas e o impulso da dixitalización en todos os ámbitos é algo sobre o que deberiamos reflexionar.
- Plataformas dixitais: as novas tecnoloxías avanzan con tal rapidez que acotío empresas como a nosa dependemos de grandes plataformas dixitais que nos impoñen as súas condicións abusivas para ofrecer os nosos títulos nos seus catálogos e que poden facer que non nos compense publicar libros que, malia seren máis baratos que en formato físico, non van cubrir gastos. A alternativa sería ofrecelos directamente na nosa web, pero isto supón un investimento que pode resultar riscoso e uns coñecementos técnicos que requiren de actualización constante por parte do noso equipo.
- Risco de pirataría: malia que este risco pode existir mesmo cos exemplares en papel, sabemos que é moi complicado evitar que se pirateen as nosas obras se as sacamos en formato electrónico. De suceder, a nosa viabilidade económica podería verse comprometida.
Seguro que hai aspectos que estamos deixando fóra, pero queríamos compartir convosco este debate interno que temos. Como o vedes vós? Mercariades os nosos títulos tamén en formato dixital?