O dereito á felicidade
14,50€
Mujica, Petrini e Sepúlveda convídannos a reflexionar sobre o noso dereito a sermos felices, a desfrutar do camiño da vida e a vivirmos por un motivo.
Obviamente ninguén ten a receita para a felicidade, pero as súas ideas e experiencia poden darnos varias chaves. Soberanía, sindicalismo, maior contacto coa terra, diálogo continuo, militancia, empatía e solidariedade son palabras que se repiten nun discurso potente que soña cun cambio de rumbo.
Carlo Petrini, no limiar que escribiu para a edición en galego (grazas!), resume perfectamente a mensaxe: «Comprometámonos todos, cada quen coas súas forzas e as súas posibilidades, a vivir por ese sentido da vida que tanto se debate neste libro: o deber moral de facer a nosa parte para promover e conseguir que a felicidade se converta nun dereito universal».
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.
A froita do coñecemento
19,90€
A vulva contra o patriarcado
Liv Strömquist enfoca con orixinalidade a historia dos xenitais das mulleres nesta obra gráfica instrutiva e tremendamente divertida. Nun colorido mosaico que vai desde a Grecia antiga até a actualidade, a autora desvela séculos de represión sexual e rompe con numerosos prexuízos. Por estas páxinas deambulan, entre outros personaxes, a Bela Dormente, deusas hindús e bruxas medievais, Sartre e Freud.
Cunha documentación minuciosa e cun humor mordaz, Strömquist debuxa a percepción que a sociedade tivo da vulva, o clítoris e a menstruación ao longo da historia. Expón, así mesmo, os mecanismos de estimagtización, politización e patoxilización dos xenitais das mulleres, e o efecto devastador que isto tivo na súa sexualidade.
Podes ver unha mostra do libro en PDF
Setenta ideas para a (pos)pandemia
4,35€
Unha reflexión arredor do novo escenario mundial
A chegada imprevista da COVID-19 a unha sociedade que se pensaba intocable supuxo e supón un novo paradigma vital caracterizado por un contexto imprevisible e descoñecido. Conscientes da necesidade de aproveitar a nova realidade para cambiar a nosa maneira de relacionarnos e interactuar co mundo, este libro recompila as reflexións de Manuel Fernández Blanco, Pilar García Negro, María Xesús Nogueira, Manuel Outeiriño, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro Ojeda e Iolanda Teixeiro Rei sobre cara a onde nos diriximos, que podemos esperar destes novos «tempos interesantes» e como podemos abordalos con suxestións e decisións concretas.
Unha escolma de ideas e pensamentos en voz alta que esperamos e sabemos que será punto de partida para motivar debates interesantes, suscitar polémicas e dar pé a propostas necesarias de mellora que acheguen refachos de cambio.
Podes ver unha mostra do libro en PDF.
A degradación invisible do solo
19,90€
A meirande catástrofe ecolóxica está a pasar case inadvertida: cada ano desaparecen no mundo sete millóns de hectáreas de terra fértil, unha superficie equivalente a máis do dobre de Galicia.
Con exemplos sobre o estado de degradación dos solos en Alemaña, Austria e a costa mediterránea da Península Ibérica, e unha análise dos factores causantes, Gerth M. Neugebauer expón, sen medias tintas, os graves riscos aos que se enfronta Europa, así como os mecanismos económicos e os instrumentos lexislativos que promoven tal destrución, unha imaxe na que tamén se reflicte Galicia e que debe servirnos de advertencia.
Porén, esta obra tamén dá motivos para a esperanza e recolle un pequeno catálogo de experiencias transformadoras reais que, especialmente no ámbito urbano, amosan o camiño cara a unha mudanza ecosocial sustentada por solos sans.
Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.
Como liberar o potencial na infancia co método Montessori
19,50€
Unha guía práctica dos 30 meses aos 6 anos
A partir dos dous anos e medio, aumenta a curiosidade das nenas e dos nenos, e con ela, a necesidade de proporlles actividades que estimulen o seu crecemento autónomo.
Esta obra é a continuación de Como liberar o potencial do voso neno, 0-2 anos e nace tamén da experiencia como nai de Daniela Valente, quen, combinando as descubertas de Maria Montessori coa neuropedagoxía e a pedagoxía activa máis avanzadas, suxire multitude de actividades de vida práctica, preparación á lectura e á escritura, desenvolvemento do sentido artístico e musical… Cada páxina e suxestión están pensadas para crear un ambiente que motive a libre escolla dentro duns límites claros e implique as cativas e os cativos na vida diaria da familia e da contorna co obxectivo de formar persoas únicas e plenamente capacitadas.
Podes ver unha mostra do libro en PDF.
O libro do clima
11,25€
Todo o que cómpre saber sobre o cambio climático
Seca extrema e vagas de calor, mais tamén ondadas de frío, inundacións e precipitacións intensas: a crise climática converteuse nun problema global que ninguén pode ignorar xa.
Aquí entra en acción O libro do clima: co apoio de investigadoras e investigadores de todo o mundo, Esther Gonstalla traduciu os datos científicos sobre o quecemento do planeta e as complexas relacións que hai entre eles en 50 gráficos claros e reveladores, igual que fixera n’O libro dos océanos.
Podes ver unha mostra do libro en PDF.
Unha historia do mundo en sete cousas baratas
9,95€
Sobre o capitalismo, a natureza e o futuro do planeta.
Natureza, diñeiro, traballo, coidados, comida, enerxía e vida: estas son as sete cousas que construíron o noso mundo e que conformarán o seu futuro. Mediante o abaratamento destas cousas, o comercio moderno transformou, gobernou e devastou a Terra.
En Unha historia do mundo en sete cousas baratas, Raj Patel e Jason W. Moore presentan un novo enfoque para a análise das urxencias planetarias actuais. Nunha época de crise nestas sete cousas baratas e que eles denominan Capitaloceno, requírese urxentemente unha forma de pensar innovadora e sistémica. Este libro propón un modo novo e radical de comprender (e recuperar) o planeta no turbulento século XXI.
Podes ver unha mostra do libro en PDF.
Alén do azul
22,00€
Mergullarse na ría de Vigo é visitar un mundo próximo baixo outra luz no que habitan flores que son vermes, expertos da camuflaxe ou alfombras verdes de pradarías.
Alén do azul. O mundo submarino da ría de Vigo é unha viaxe para coñecer as paisaxes submarinas e os seres que as habitan por medio de espectaculares fotografías, ilustracións ao detalle e mesmo vídeos ligados con códigos QR.
Polo rego
19,90€
A universidade do campo.
O agro galego é un terreo fértil en saberes. É coma unha grande universidade chea de mestras e mestres sabios dispostos a compartir parte do que levan aprendido da terra. Os protagonistas de Polo rego son xente que traballa o campo cunha especial paixón e experiencia nas plantas, na horta e nos seus froitos. Son quen de transmitir o que saben de xeito sinxelo, sen reviravoltas, con entusiasmo e humor.
Este libro recolle o mellor da 1.ª tempada do programa da TVG, con consellos sobre agricultura sustentable e xardinaxe, propostas de cestaría, trucos e remedios para a horta e as pragas, receitas para os froitos da terra, información útil sobre a compostaxe e ideas para aproveitar os beneficios das plantas silvestres. Con este libro entre as mans, todo vai ir polo rego!
Podes ver unha mostra do libro en PDF.