Saltar ao contido

Quen somos?

    Catro Ventos Editora é un espazo para libros que respiren liberdade, coidado e lingua. Libros que non teñen présa. Libros que duran.

    Publicamos tanto ensaio como creación literaria e aceptamos orixinais en calquera das normativas: galego internacional e ILG-RAG. Interésanos aquilo que move, cuestiona e abre preguntas.

    Entendemos a edición como acompañamento. Queremos coidar dos procesos e das persoas que escriben. Cada libro pasa por mans e olladas diferentes, sempre respectando a palabra final das persoas autoras.

    Non buscamos facer moito, senón facer ben. E cun compromiso pola sustentabilididade: tentamos que os nosos produtos teñan o menor impacto ecolóxico posíbel e que todas as fases da produción sexan realizadas en Galiza.

    As orixes

    No ano 2016 naceu Catro Ventos Editora co desexo de publicar en galego traducións e obras de creación propia relacionadas coa economía social e solidaria, a ecoloxía, o consumo responsable, a soberanía alimentaria, os dereitos humanos e a crianza respectuosa. Ao longo destes anos, deixou pegada no panorama literario e editorial galego.

    En 2026, despois de fechar a súa actividade e liquidar o catálogo, o selo editorial pasa a integrarse na cooperativa compostelá Maos Innovación Social, que acolle esta nova etapa con grande ilusión e coa vontade de dar continuidade a un proxecto necesario en Galiza, que sopra con con coidado, calma e compromiso.

    A nosa cooperativa

    Maos Innovación Social é unha cooperativa sen ánimo de lucro comprometida coa cultura de proximidade como medio de transformación social. As nosas áreas de especialización son a xestión cultural, a comunicación, o deseño gráfico e a edición.

    Coñécenos un pouco máis

    A nosa equipa está formada por Xiana, Zaira, Óscar e Nee. Catro ventos que sopran de diferentes xeitos e con percorridos distintos. Coñece os nosos gustos, teimas e recomendacións:

    Un libro que todes deberiamos ler.

    • Xiana: El libro de los abrazos.
    • Zaira: O sentido do abraio, porque no mundo tan caótico e acelerado en que vivimos hai que buscar momentos para parar e poder desfrutar e marabillarnos coas pequenas cousas que temos ao noso redor.
    • Óscar: Seique, de Susana Sanches Arins.
    • Nee: Trompeta, de Jackie Kay. E em galego, traduzido por María Reimóndez.

    Tes algunha manía lectora?

    • Xiana: Gústame limpar os lentes antes, pero rara vez topo o pano para facelo.
    • Zaira: Anoto moitas frases de libros ou poemas que me gustan en cadernos, follas, nas notas do móbil…
    • Óscar: Ler vários livros à vez e ir juntando mais e mais e…
    • Nee: Sublinhar muito, todo.

    Se foses un libro, en cal estante da biblioteca estarías?

    • Xiana: Gustaríame ser desde libros que transitan pola casa, pasan do sofá ao aseo, viven unha temporada na cociña e cando os metes no estante non caben e teñen que poñerse en horizontal sobre os demais.
    • Zaira: Estante de novidades.
    • Óscar: Em “Outros”.
    • Nee: Iria mudando de secçom por nom encaixar demasiado em nenguma.

    Que tipo de libros che gustaría publicar?

    • Xiana: Libros para a revolución, interna e externa.
    • Zaira: Calquera que me faga pensar, cuestionarme a miña realidade e os meus privilexios, especialmente de poesía.
    • Óscar: De todo!
    • Nee: Livros com representaçom LGBTIQA+, livros que ajudem a introduzir-se em temáticas ou olhares e que abram perguntas. Também livros incômodos.

    O mellor lugar para ler.

    • Xiana: Un bar nunha cidade/vila que coñeces pouco, o sofá e a sombra dunha árbore (en concreto, a moreira da casa familiar).
    • Zaira: No inverno sempre debaixo da manta, o resto do ano no exterior ben sexa no xardín, na horta, na praia…
    • Óscar: A cama.
    • Nee: No calorinho da casa, com persoas e animais que quero perto.

    Unha autoría a quen lle comprarías o seguinte libro mesmo sen ler a sinopse.

    • Xiana: Por quedar ben, digo alguén que xa non publica máis 😛 Mercaría todo de Gata Cattana.
    • Zaira: Olga Novo.
    • Óscar: Maggie O’Farrell.
    • Nee: María Reimóndez e Alice Oseman.

    Unha personaxe literaria con quen tomarías un té.

    • Xiana: Con Antígona, para falar da forza e a morte.
    • Zaira: Con Medea, a reintepretación da figura mitolóxica grega que fai Dahlia de la Cerda no seu libro Medea me cantó un corrido.
    • Óscar: Pippi ou Lotta, duvido.
    • Nee: As das minhas histórias, para que critiquem os jeitos em que nom as contei bem.