fbpx

Que nos contan as mulleres rurais?

01/10/2023 Catro Ventos

Falar de mulleres rurais supón falar de resiliencia, compromiso coa contorna e mesmo de soberanía alimentaria, mais tamén de comunidade e invisibilidade. Todos eles son bos motivos para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais (o 15 de outubro) e facémolo uns días máis tarde estreando o día 17 un club de lecturas conscientes en colaboración coa Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel.

Árbores que non arden

Se hai unha obra no catálogo de Catro Ventos que recolle ben todas estas cuestións, esa é Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais. A proposta que recibimos do proxecto Batefogo recollía moitas sensibilidades e perspectivas diferentes e partía dunha serie de preguntas moi concretas: cal é o papel da muller no mundo do lume? E que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias?

Este punto de partida permite, emporiso, profundar na presenza da muller no mundo rural e analizar a traxectoria histórica, o rol dunha figura tan emblemática como as comunidades de montes, o papel das gandeiras e labregas, a pegada do ordenamento do espazo, as alternativas no ámbito da silvicultura, os conceptos complementarios de comunidade, coidados ou resiliencia, a xestión do risco e o cambio climático… en definitiva, a importancia de integrar efectivamente a variable de xénero para activar estratexias efectivas de prevención.

Porén, a obra, e o rural, tamén é un espazo de creatividade —e por iso inclúe poemas de Celsa González Ogando e Andrea Nunes Brión, e potentes ilustracións de Xoana Almar (de Cestola na Cachola)— e un recoñecemento ao labor de todas esas mulleres que viven no rural e son unha fonte permanente de innovación liderada en feminino.

A terra e as mulleres

Con todo, esta non é a única obra de Catro Ventos que nos permite achegarnos ao rural cunha ollada crítica e coas gafas violetas. Ben interesantes resultan tamén os capítulos sobre sabores e saberes, cestaría ou plantas silvestres que has atopar na obra colectiva Polo rego. A universidade do campo, contribucións de Carme Freire Cruces, Lola Tourón Río e Patri Puga Gómez, respectivamente. Esta obra recolle o mellor da 1.ª tempada do coñecido programa da TVG.

E se aínda buscas máis análises e achegas que te axuden a transformar a túa contorna en positivo, temos outras tres recomendacións para ti: 

  • Permacultura. Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor. Xa está dispoñible a 2.ª edición ampliada da obra de Alexandre Grande Babarro, unha aposta por unha transición ecosocial profunda que resulte nun cambio sistémico respetuoso coas persoas e o medio.
  • A degradación invisible do solo é unha interesante reflexión de Gerth M. Neugebauer sobre a meirande catástrofe ecolóxica (case inadvertida) do noso tempo: cada ano desaparecen no mundo sete millóns de hectáreas de terra fértil, unha superficie equivalente a máis do dobre de Galicia. A obra non só describe esta situación, senón que tamén recolle experiencias transformadoras reais.
  • O sentido do abraio. A celebración da natureza para persoas de todas as idades. Rachel Carson foi unha das principais impulsoras da ecoloxía moderna e, nesta obra, convídanos a explorar e conservar durante toda a vida a capacidade do abraio, unha batalla que, segundo ela, só se gaña ou perde na infancia. Este libro xa está esgotado, pero non queriamos deixar de recomendarvolo, xa que é doado de conseguir na rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Seguiremos a pescudar e buscar obras que nos axuden a poñer en valor o papel das mulleres, no conxunto da sociedade, mais especialmente no mundo rural.

, , , , , , ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies