Descrición
Sácateme de diante, bicho!
Que fago se teño pulgón na roseira? Como trato o mildio nos tomates? Que é esa mancha negra que lles sae ás mazás? Cunha linguaxe sinxela e clara, Rosendo Estévez, experto en agricultura ecolóxica, explícanos neste libro cales son as principais pragas e doenzas coas que nos atopamos en Galicia tanto nas hortas e froiteiras coma nas plantas ornamentais ou forestais. Ensínanos a diferenciar entre praga e doenza centrándose nas principais causas e ofrécenos varios remedios ecolóxicos cos que evitalas e combatelas.
Esta é unha guía visual, con fotos e vídeos reais que o propio autor foi realizando no seu traballo diario e como docente e experto en agricultura sustentable e xardíns, experiencia que comparte en obradoiros por toda a xeografía galega e en distintas aparicións en programas da TVG.
Pragas e doenzas. Unha guía práctica é o terceiro libro que Rosendo Estévez publica en Catro Ventos Editora despois da obra colectiva Polo rego. A universidade do campo (2020) e do seu exitoso primeiro libro en solitario Podas e enxertos (2022).
Autoría
Rosendo Luís Estévez Parada
Rosendo Luís Estévez Parada é técnico en explotacións agrícolas e experto en conservación de alimentos e depuración de augas, dá cursos de agricultura ecolóxica. Canda a súa muller, é socio cofundador da Cooperativa Trasdeza Natur, S. Coop. Galega, pioneira na deshidratación de produtos ecolóxicos, moitos deles procedentes da súa horta sustentable. Rosendo imparte cursos por toda Galicia relacionados co mundo vexetal e é coñecido por ser o mestre de Agricultura Sustentable e Xardíns na serie de divulgación da TVG Polo rego. A universidade do campo, serie da que Catro Ventos editou en 2020 en formato libro unha selección dos mellores programas. Tamén publicou en 2022 o exitoso primeiro libro en solitario Podas e enxertos.