Descrición
A celebración da natureza para persoas de todas as idades.
Xuntando dúas das cinco liñas editoriais de Catro Ventos, ecoloxía e educación alternativa, publicamos en galego este ensaio da escritora e bióloga mariña Rachel Carson (1907-1964). Autora de obras fundamentais para o ecoloxismo moderno como Primavera silenciosa (1962).
Primavera silenciosa foi publicada en galego en 2015 polo Servizo de Publicacións da USC en tradución de Juan J. Casares Long. Con O sentido do abraio ampliamos o catálogo galego desta autora e científica fundamental para o noso tempo. Pioneira en case todo o que se propuxo, ofrecemos a que sen dúbida é a súa obra máis persoal e transcendente.
Na publicación orixinal na revista Women’s Home Companion (1956), O sentido do abraio ía dirixido a nais e pais. Animábaos a explorar a natureza coas súas crianzas a fin de cultivaren xuntos o sentido do abraio. Esta obra é a base dun proxecto moi persoal da autora que había converterse no que ela denominaba O libro do abraio. Carson faleceu antes de poder darlle a forma esperada, pero o espírito e a súa teima persoal están aquí. Como explorar e conservar durante toda a vida a capacidade do abraio é unha batalla que, segundo ela, só se gaña ou perde na infancia.
Autoría
Rachel Carson
Rachel Louise Carson (1907-1964). Nada en Springdale (Pensilvania, EUA), Carson licenciouse en Bioloxía coa especialidade de Ciencias do Mar. Ocupou distintos postos profesionais no Departamento Federal de Pesca dos EUA. Como autora dedicouse á divulgación científica e as súas obras contribuíron a sentar as bases da conciencia ambiental e do ecoloxismo moderno. Especialmente coa publicación en 1962 de Silent Spring (Primavera silenciosa, 2015), en que denuncia o uso indiscriminado dos praguicidas, en especial do DDT. Tamén acadaron grande éxito as obras que conforman a denominada «triloxía do mar»: Under the Sea Wind (‘Baixo o vento do mar’, 1941), The Sea Around Us (‘O mar que nos rodea’, 1951) e The Edge of the Sea (‘O borde do mar’, 1955).