Descrición
O plástico é un potente símbolo de modernidade, pero tamén das súas contradicións. As toneladas de residuos que infestan os océanos e os microplásticos que amezan a nosa saúde son o reflexo dunha sociedade baseada no crecemento ilimitado e no consumo sen control. A batalla contra o plástico xa está en andamento. Porén, con tantas dúbidas e sobreinformación, ás veces queremos cambiar de hábitos e non sabemos como.
Adeus, plástico! propón suxestións para varios niveis de implicación: principiantes que comezan a familiarizarse co tema, expertos que xa levan tempo tomando medidas para reducir a súa pegada ecolóxica e profesionais, empresas e institucións cuxo impacto ambiental ten maior repercusión. Elisa Nicoli (a autora de Limpeza creativa) e Chiara Spadaro explican o panorama actual con cifras e datos chave, deixan ao descuberto o problema dos plásticos de usar e desbotar (para o ambiente e tamén para a saúde humana), falan das consecuencias da obsesión pola reciclaxe e as alternativas posibles, e propoñen múltiples recursos e recomendacións prácticas para pasar á acción e vivir comodamente sen plástico.
Autoría
Elisa Nicoli
Elisa Nicoli (1980) naceu en Bolzano (Italia) e traballa como documentarista, xornalista, educadora ambiental e autoprodutora. Especializada en sustentabilidade e nunha forma de vida natural, é autora de diversas obras en italiano, entre elas, L’erba del vicino (‘A herba do veciño’), Rifiuti Addio. Perché prevenire è meglio di riciclare (‘Adeus desperdicios. Por que previr é mellor ca reciclar’) tamén en colaboración con Chiara Spadaro, L’Italia selvaggia (‘A Italia salvaxe’) e Limpeza creativa, traducido ao galego por María Mediero e publicado por Catro Ventos Editora (3.ª ed.). É posible ler máis sobre ela e os seus proxectos en elisanicoli.it e e autoproduco.it.
Chiara Spadaro
Chiara Spadaro naceu en Roma e licenciouse en Antropoloxía Cultural. Escribe dende hai 10 anos para a revista mensual Altreconomia, onde se ocupa principalmente de temas ambientais, socioculturais e relativos ao terceiro sector. É autora de numerosos libros en italiano: Il frutto ritrovato (‘O froito reencontrado’), Piccolo è meglio (‘Pequeno é mellor’) e Vademecum per la Biodiversità (‘Vademécum sobre a biodiversidade’) e Canapa revolution. Tutto quello che c’è da sapere sulla cannabis (‘Cánabo revolution. Todo o que hai que saber sobre o cannabis’). En 2015, gañou o premio para xoves xornalistas Massimiliano Goattin co proxecto Cemento Arricchito e, en 2013, recibiu os premios de xornalismo Penna d’oca, Alfio Menegazzo e Agricoltura Civica Award.