Descrición
Para entender a situación actual de Galicia e cara a onde nos diriximos, cómpre avaliar moitos aspectos sociais e ecolóxicos que decote se supeditan aos sacrosantos datos económicos. O obxectivo desta obra é trazar un mapa ecosocial da nosa terra. Fai unha fotografía actual, para coñecer o contexto e determinar cales son os eidos nos que debemos avanzar para conseguir unha sociedade máis xusta, equitativa e respectuosa co medio.
Este libro é o traballo conxunto dunha xornalista (Rebeca Fernández Hermo) e dun biólogo (Xosé Veiras García). Ambos os dous están moi implicados desde hai anos na defensa do patrimonio natural e da transformación social do país.
A obra permítenos retratar as dúas crises que debemos afrontar como sociedade: a crise ecolóxica (o cambio climático, a crise da biodiversidade, o esgotamento dos recursos enerxéticos, os incendios forestais etc.) e a crise social (de desigualdade, de coidados, de calidade de vida etc.). Cada capítulo vén ademais con infografías e cun cadro de boas prácticas que recolle proxectos e iniciativas que xa están a traballar nas posibles solucións.
Rebeca Fernández Hermo
Rebeca Fernández Hermo, xornalista. Comezou a súa andaina nas páxinas do Galicia Hoxe, nas que puido plasmar diariamente o seu compromiso ambiental até o peche do xornal. Foi parte do Consello de Redacción do Altermundo e cofundadora de Dioivo, revista dixital en galego nada en 2012 dunha Unión Temporal de Xornalistas exiliados da prensa tradicional. Parte das súas reflexións ambientais poden lerse en www.pensanomedio.wordpress.com.
Xosé Veiras García
Xosé Veiras García, licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago e diplomado especialista en sustentabilidade, ética ecolóxica e educación ambiental pola Universidade Politécnica de Valencia. Traballa como educador e consultor ambiental. Membro de Ecoloxistas en Acción, ten colaborado con diversas organizacións de defensa ambiental de ámbito galego e español. Publicou artigos sobre medio ambiente e sustentabilidade en revistas e en libros colectivos. Autor do blog Un claro no bosque de Praza Pública.