fbpx

A lingua en futuro

19,00

A mocidade imaxina o 2050

Como estará a nosa lingua así que pasen 10 000 días?

Que nos depara o 2050? Falaremos o galego que falamos agora? E que ten que pasar para que sigamos a falalo?

Nesta obra colectiva, dezasete persoas novas de eidos diversos (ciencia, música, tradución, xornalismo, docencia…) falan de como ven a lingua na actualidade, imaxinan o seu futuro e comparten os desexos que teñen para ela. Responden así ás preguntas formuladas polo sociolingüista Fernando Ramallo «Como cres que estaremos a mediados de século?» e «Como desexas que esteamos a mediados de século?».

A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 constitúe a réplica da xente nova ao volume A lingua en 2050 que Catro Ventos publicou en 2021. 

Podes ver unha mostra do libro aquí.

Hai existencias

Descripción

Imaxinando o futuro da lingua dentro de tres décadas, as autorías d’A lingua en 2050, obra que Catro Ventos publicou en 2021, falaban de inmersión, de transmisión, de mocidade… de futuro. Decidimos, daquela, preguntarlle a ela, a esta mocidade que está a trazar o presente da lingua e a bosquexar o seu porvir. Xuntamos aquí, de novo baixo a guía e coordinación do sociolingüista Fernando Ramallo, catedrático da Universidade de Vigo, dezasete voces diversas que falan desde o persoal e desde o político, desde o que foi, o que é o que desexan que sexa: Alba Guzmán Falcón, Alba María Rodríguez Díaz, Alberto Mira (Berto), Branca Trigo Cabaleiro, Carla Míguez Bóveda, Daniel Amarelo, Ismael Ramos, Julieta Insagaray, Kai Lois Baltrusch Montero, Manuel Arca Castro, Nee Barros, Sara Seco Rial, Sara Villar Aira, Tamara Andrés, Tensi Gesteira Estévez, Xabier Benavides da Vila e Xanhe Redondo García (o Rabelo).

Música, tradución, ciencia, escrita, docencia, redes sociais, investigación, activismo…: ámbitos vitais e de traballo diversos que a lingua, a galega, intersecciona.

Autoría

Alba Guzmán Falcón

Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003) é autora e comparte a súa paixón pola escrita e os libros cos estudos de Enxeñaría Mecánica na Universidade de Vigo. Ao longo dos últimos anos acadou varios recoñecementos, entre os que destacan os premios Minerva, RAG ou Xuventude Crea que lle outorgaron á súa primeira obra, Xoaniña de Deus (Xerais, 2022). Esta traxectoria literaria vai ligada ao seu compromiso pola defensa da nosa lingua, cultura e identidade nas vindeiras xeracións.

Alba María Rodríguez

Nacín en Las Palmas de Gran Canaria en 1995 pero son de Vigo. Desde os catorce anos estou mergullada no mundo da poesía oral improvisada impartindo obradoiros e tamén desenvolvendo proxectos vinculados coa oralidade. Tamén compoño cancións, escribo e investigo sobre a regueifa e outros xéneros de improvisación galegos. Estudei Filoloxía Galega e actualmente son profesora no ensino medio.

Alberto Mira Cons

Alberto Mira, Berto, é un cantante compositor, guitarrista e produtor musical nado en Pontevedra. Graduouse en Medicina na USC e estudou na escola Euterpe guitarra clásica. Comezou na música en 2019 co seu grupo Verto, que rematou en 2021, e agora está en solitario co proxecto Berto. Actualmente tamén é produtor musical de proxectos como Fillas de Cassandra, Mondra, Nia Twee, RIVADULLA…

Branca Trigo Cabaleiro

Branca Trigo Cabaleiro (1997) é unha escritora viguesa. Estudou Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios e actualmente traballa como teleoperadora. Codirixe a editorial Malafera e organiza xunto con outres poetas o micro aberto Cerimonia de gaivotas. Publicou os libros Coñecemento do Medo (2021) e Condolore (2022), ademais de participar en diversos volumes colectivos.

Carla Míguez Bóveda

Carla Míguez Bóveda (Redondela, 1997) graduouse en Tradución e Interpretación e cursou un mestrado de especialidade. En 2021 comezou a escribir a súa tese sobre linguaxe non-binaria en galego. Aínda que a súa investigación se centra nos estudos de lingua e xénero, ámbito no que publicou diversos traballos, tamén a encamiña cara ao campo da normalización lingüística. Deste xeito, relaciona a lingua galega coa inclusividade en todos os aspectos posibles.

Daniel Amarelo Montero

Daniel Amarelo (Narón, 1996) é investigadore de doutoramento na Universitat Oberta de Catalunya (UOC), onde realiza a súa tese sobre como falantes queer navegan os (conflitivos) contextos sociolinguísticos de Galiza e Cataluña. Integra o proxecto de investigación EquiLing, sobre xustiza sociolingüística, e o espazo de pensamento crítico Clara Corbelhe. Ademais, é editore e activista nas áreas LGBTIQ+, as linguas minorizadas na Península Ibérica e a cultura galega no exterior.

Fernando Ramallo

Fernando Ramallo é profesor de Lingüística na Universidade de Vigo. Interésase, entre outros temas, pola sociolingüística política e os procesos de minoración lingüística, incluíndo as súas consecuencias ideolóxicas, sociais, políticas e lingüísticas; en particular, no que respecta ao neofalantismo e ás novas subxectividades que tal acontecemento está a supoñer para a lingua e a sociedade en Galicia. Foi membro do Comité de Expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa (2013-2019).

Ismael Ramos Castelo

Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é autor do libro de contos A parte fácil (Xerais, 2023) e dos poemarios Lixeiro (Premio Nacional de Poesía Joven «Miguel Hernández»; Xerais, 2021), Lumes (Premio «Javier Morote» de Las Librerías Recomiendan; Apiario, 2017) e Os fillos da fame (Premio Johán Carballeira de Poesía; Xerais, 2016). Como articulista recibiu o Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey (2022) e colabora habitualmente en elDiario.es.

Julieta Insagaray

Natural de Montevideo (Uruguai), graduose en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios con mención en Filoloxía Galega no ano 2022. Actualmente, traballa como bolseira para o departamento de Filoloxía Galega e Latina na Universidade de Vigo e cursa o Máster de Profesorado de Secundaria. Aínda que o seu obxectivo principal é ser docente, está interesada no estudo da sociolingüística da lingua galega, eido no que se inseriu traballando como bolseira na Área de Normalización Lingüística no ano 2021.

Kai Lois Baltrusch Montero

Kai naceu en Vilar (Mondariz) hai 26 anos. Estudou Bioloxía e Enxeñaría Agrícola. Comezou a traballar recentemente como investigadore nun laboratorio vinculado ao aproveitamento sostible de biomasa. Participou en movementos ecoloxistas globais (entre outros, Extinction Rebellion), mais agora prefire centrar o esforzo político no desenvolvemento dun proxecto de ekoaldea autoxestionado, no interior da Galiza. Até a data, publicou o poemario Ixinia, XXII Premio Franciso Añón. Soña coa transición a un novo sistema baseado na liberdade, a ecoloxía e a xustiza sociais.

Manuel Arca Castro

Neste momento e en tanto non o substituíren as intelixencias artificiais, Manuel Arca Castro gaña a xeira fundamentalmente grazas á tradución para o galego de obras audiovisuais; anosou títulos cinematográficos tales como Annie Hall (1977), O derradeiro dos mohicanos (1992), Sicario (2015), The Florida Project (2017), Puñais polas costas (2019) ou 1917 (2019). Cando non anda mergullado entre fotogramas, desempeña tarefas de asesoramento lingüístico e de corrección ortotipográfica.

Nee Barros Fernández

Nee Barros (2002) reivindícase como queer, autista e orgulhose. Nas redes é divulgadore cultural e activista baixo o nome de @neeumatiko, principalmente no YouTube. En literatura publicou 19 poemas para um VÍRUS-19 (2020), Identidade. A normalidade do non-común (2021) e Nom estamos quebrades (2023).

Sara Seco Rial

Sara Seco Rial (Valga, 1993), activista lingüística desde a adolescencia, é graduada en Ciencia Política e Administración Pública, e traballadora da Mesa pola Normalización Lingüística desde o ano 2016. Creadora de contido dixital desde o 2021, na súa conta de TikTok @SaraSecoRial, máis de 11 000 persoas seguen o seu día a día.

Sara Villar Aira

Sara Villar Aira (Silleda, 1995), intensa e moi sentida, naceu e medrou atravesada pola N525, ao lado do río, pero fascínalle o mar. Ex-céntrica, aprendeu que é o querer o que constrúe os fogares e, así, ten a sorte de vivir na casa máis grande do mundo. Gústanlle os guindastres porque desexa ser sempre en construción, sen versión definitiva, e os tellados porque se ven os sitios desde outro lugar. Quere vivir sempre na hora do vermú e non parar de bailar nunca.

Tamara Andrés

Tamara Andrés (Combarro, 1992) escribe, traduce e fórmase como investigadora na Universidade de Vigo e mais no Centro Ramón Piñeiro. Entre as súas publicacións destacan os poemarios Corpo de Antiochia (Editorial Galaxia, 2017), irmá paxaro (Cuarto de Inverno, 2019) e bosque vermello (Edicións Positivas, 2019), e o álbum Distancias (Editorial Galaxia, 2020), publicado xunto a Marcos Viso baixo o selo Cartas ás 12.

Tensi Gesteira Estévez

Nacida en 1992 na vila da Cañiza, vive dende hai preto dunha década en Bueu. Graduada en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, é fundadora da bitácora literaria Lecturafilia, na que se publican recensións de libros, artigos, entrevistas, e coa que xa gañou algún premios e nominacións. Exerce dende o 2015 a súa actividade profesional no gabinete de comunicación dun concello, e tamén publica críticas literarias semanais no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.

Xabier Benavides da Vila

Xabier Benavides da Vila (Valadares, Vigo) rematou os estudos do Grao en Educación Primaria no ano 2018. Exerce como mestre de lingua estranxeira en centros do Concello de Muros desde o 2019. Tras cursar o Mestrado interuniversitario en Lingüística Aplicada, na actualidade compaxina o seu traballo de mestre coa realización dunha tese de doutoramento en Estudos Lingüísticos e a participación en proxectos de investigación sobre a situación social da lingua galega.

Xanhe Redondo García

Xanhe, o Rabelo, naceu hai 30 anos en Pontevedra e vive en Cerdedo. É unha persoa non-binaria antifascista, transfeminista, anarquista a favor da tenrura, os coidados e a violencia reactiva. Gosta de xogar, estar tranqui e rir. Na actualidade dedícase a compoñer música, impartir obradoiros de regueifa, aprender sobre música tradicional e mitoloxía, e a performar en directo mesturando o travestismo animal, o tradi, o reguetón e o tekno.

autoria

Información adicional

Peso 0,300 kg
Dimensións 1,5 × 15,3 × 21,5 cm
ISBN

978-84-124635-6-9

Nº PÁXINAS

146

FORMATO

Encadernación rústica cosida

XÉNERO

Ensaio

EDICIÓN

Tamén che recomendamos…

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies