Malia non ser o único tipo de libros que publicamos, ás veces pregúntannos por que publicamos ensaios se non é o xénero máis popular ou se moita xente os considera «armatostes infumables»… 😛
Varios motivos
Pois o certo é que desde o comezo foi unha prioridade para nós por varios motivos:
- Cando puxemos en marcha o proxecto, buscabamos cubrir o baleiro que había no mundo editorial galego de obras sobre as cinco grandes temáticas que xa coñeces (ecoloxía, economía social, consumo responsable, dereitos humanos e crianza alternativa). E o ensaio permite facelo con libros rigorosos que son o produto dun longo proceso de pescuda e que abordan o tema correspondente en profundidade.
- Nunha época na que todo vai moi rápido, este tipo de libros convidan á reflexión, a pararse e analizar os argumentos que as distintas autorías propoñen, para contrastalos con outras obras ou visións e formarnos unha opinión propia.
- Como sucede con calquera xénero literario, a súa calidade depende en gran medida da habilidade para transmitir ao público lector o contido cunha linguaxe lexible, amena, coidada… É dicir, un ensaio tamén poder ser unha lectura apaixonante, aínda que é certo que esta tarefa se complica porque ás veces cómpre transmitir conceptos novidosos ou complexos sen esquecer que o público final non está especializado no tema en cuestión.
- No proceso de normalización dunha lingua como a galega, só será posible atinxir ese obxectivo normalizador se somos quen de poder usar o noso idioma en todos os eidos, evitando que se creen lagoas de coñecemento porque non hai persoas que escriban e, sobre todo, que lean sobre eses temas na lingua de seu.
Compromisos e limitacións
Con todo, esta escolla implica, nun proxecto coma o noso, tamén unha serie de compromisos e limitacións que é probable que outras editoras non deban/queiran asumir (ademais do propio compromiso de publicar ensaio en galego).
Dunha banda, por mor do número limitado de obras que podemos publicar cada ano, énos imposible cubrir todas as temáticas que nos gustaría, pero tentamos ofrecer un abano variado de libros que permitan que un público diverso e non-especializado se achegue a cuestións que nós consideramos prioritarias.
En segundo lugar, os nosos recursos limitados e a convivencia desvantaxosa co español fan que decote debamos desbotar obras que xa están publicadas en castelán, porque o feito de compartir o mesmo mercado fai que se limite aínda máis o número potencial de lectoras e lectores, volvendo inviable economicamente a súa publicación.
En terceiro lugar, queremos que Catro Ventos permita escoitar todo tipo de voces, e no eido do ensaio queda moito por facer para que sexa máis habitual ler a mulleres ou persoas non-binarias ou racializadas. Neste sentido, sabemos que aínda temos camiño por percorrer, pero é algo que xa estamos a facer e temos a vontade de seguir dando pasos nesa dirección.
Por último, xa que a maioría das traducións as facemos internamente, é difícil desfacerse da visión eurocentrista e colonialista, porque as linguas que dominamos na equipa da editora son de orixe europeo (alemán, catalán, francés, inglés, italiano e portugués, amais de galego e español) e condicionan en certo modo o xeito de entender o mundo. Esta é outra materia pendente, xa que é complicado poder seleccionar obras en idiomas que non coñecemos e atopar profesionais da tradución que trasladen directamente ao galego contidos redactados en linguas minoritarias ou pouco habituais na cultura occidental.
Por todos estes motivos e malia as limitacións, imos seguir publicando ensaios. Emporiso, gustaríanos contar coa túa axuda para detectar obras sobre temas interesantes ou en linguas descoñecidas para nós. Non dubides en escribirnos con suxestións e, por suposto, se aínda non o fixeches, visita a nosa tenda e faite con algún dos nosos ensaios (velaquí unha listaxe completa).