fbpx

Plan editorial 2021

28/06/2021 Catro Ventos

Neste ano (pos)pandémico, démoslle moitas voltas ao catálogo de publicacións para traerche as mellores lecturas conscientes en galego. No que vai de 2021, levamos publicados 4 títulos ben dispares e interesantes para o ollo atento, pero quedan aínda moitos meses por diante de sorpresas. Queres saber máis? Sigue lendo!

introdución

As novidades deste ano: canto libro chulo!

A vulva contra o patriarcado

En febreiro publicamos a nosa primeira banda deseñada: A froita do coñecemento, un traballo proposto por David A. Álvarez, que traduciu dende o sueco este libro que fala da cona. E lo, non se fala abondo dela? Pois si, pero sen saber. O patriarcado sempre tivo moito que dicir sobre a cona pero… ás mulleres pouco lles preguntaron ao respecto. Atrévete con esta banda deseñada que no só ilustra, tamén fai escachar coa risa e mesmo anoxarse un pouco con algún que outro personaxe.

Bota un ollo ao interior aquí ou mira como explican a editora e o tradutor a obra neste vídeo que fixemos para o FLIV21.

O que ocorre baixo os nosos pés

Logo foi a vez do (re)lanzamento d‘A degradación invisible do solo, de Gerth Neugebauer, nunha obra sorprendente sobre o estado real dos terreos fértiles da Terra e da Península. As políticas, comunitarias (e das outras) non abordan (ou non lles interesa) a esquilma do solo e todo é construír e plantar a eito. Cales son as alternativas? Contámoschas neste libro.

Felices, por que non?

Abril foi o noso mes da felicidade. E logo? Tocounos a lotaría? Naaah! Entendemos que non son os cartos o que axuda a sermos felices e cargamos as pilas de enerxía e vontade de cambio cun ensaio breve de José (Pepe) Mujica, Carlo Petrini e Luis Sepúlveda no que levabamos un tempo traballando. O dereito á felicidade nace das reflexións destes autores sobre outra forma de facer política e da necesidade de avanzar cara ao benestar social para acadar a felicidade individual. Complexo? Parece, pero o certo é que é todo ben sinxelo.

Estados de emerxencia (climática)

E ti que prefires, a bolsa ou a vida? Vaia pregunta! A Salvador Lladó tamén lle choca que, sabendo como sabemos a situación da natureza, a cousa siga igual ano tras ano. É que ninguén fai nada ante a emerxencia climática? Pois si, moita xente, e todas as posturas e circunstancias están n’A bolsa ou a vida, obra que vén de saír antes do seguinte récord de temperatura. Freamos un pouco?
destacado

O que está por chegar: prepárate que veñen curvas

Lecturas conscientes por vir

Freamos, si… pero onde cómpre. E, en canto a publicacións se refire, aínda temos corda para máis obras conscientes para a segunda metade do ano. E ti, persoa subscriptora, vas saber antes ca a ninguén o que andamos a argallar.

  • Comando igualdade. O machismo incúlcase na infancia e a mocidade ten moito que dicir nas aulas en prol da igualde entre sexos. Esta obra comandada por Chis Oliveira e Priscila Tamara Rematozo conta a historia deste movemento vigués que busca desaprender condutas sexistas e pór en práctica os valores de equidade, empatía e corresponsabilidade de forma colectiva e horizontal. Soñamos cun comando en cada centro de ensino!
  • «Como imaxinas a situación da lingua en 2050». Esta foi a pregunta que fixemos a 25 persoas ligadas ao galego (xornalistas, profesorado, escritoras, políticos…). N’A lingua en 2050 (título provisional), recollemos a súa visión de como estaremos, mais tamén os seus desexos de como lles prestaría estar. Soñar é de balde e é o primeiro paso para virar o rumbo e pór en práctica medidas de urxencia.
  • Adeus plástico: nadamos nun mar de plástico cada día. Se xa sabemos o que nos fai a nós e ao medio ambiente, por que non damos reducido o seu consumo? A nosa pegada plástica pode baixar a mínimos coas propostas e consellos que atoparás nesta obra de Elisa Nicoli (a autora de Limpeza creativa) para levar a cabo a diario. Todo, mellor sen envases!
peche
, ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies