fbpx

Novas – 2.º trimestre de 2023

30/06/2023 Catro Ventos

O segundo trimestre do ano vén marcado por varias datas relevantes: o Día do Libro (23 de abril), o Día das Letras Galegas (17 de maio), o Día do Medio Ambiente (5 de xuño) ou o Día dos Océanos (8 de xullo). Para nós, estes meses estiveron marcados tamén pola publicación de A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 e, por suposto, pola celebración do noso sétimo aniversario (a nosa cooperativa naceu no mes de xuño de 2016).

Abril

O domingo 23 de abril celebramos o Día do Libro ao noso xeito: coa presentación de Podas e enxertos na Feira de Sementes e Plantóns Tradicionais de Leboso. Este encontro anual, organizado pola Fundación Galicia Verde, continúa co labor de preservación das sementes tradicionais que garantan a continuidade do noso patrimonio natural e da soberanía alimentaria.

_________________________

Ademais, novamente co gallo do Día do Libro, no Faro de Vigo puidemos falar de cooperativismo, economía social, servizos editoriais e, como non, de libros, na compaña doutras editoras viguesas como Cumio Editora, Editorial Galaxia, Ruín Alteredicións ou Edicións Xerais.

_________________________

Eses días tamén tivemos a sorte de participar en Tiempo para valientes, o podcast de Coceta, desta volta baixo o título de «Cooperativismo y cultura: un traje a medida».

Puidemos falar da estreita relación que hai entre a cultura e o cooperativismo, da nosa experiencia e circunstancias, guiados por Arantza Azmara Rodríguez e moi ben acompañados de Pepa Ramón, socia cooperativista de Estudi Zero Teatre.

Podes escoitalo nas principais plataformas de podcasts, se ben aquí tes algunhas ligazóns:

YouTube: https://youtu.be/biMZ2tcUhrc

Spotify: https://open.spotify.com/show/32v2yuNgttOVKIMm0Q9yQk

Ivoox: https://www.ivoox.com/cooperativismo-cultura-traje-a…

Apple podcast: https://podcasts.apple.com/…/tiempo-para…/id1670612872

Google Podcasts: https://www.google.com/podcasts…

Maio

Comezou maio cunha nova presentación de Podas e enxertos. Rosendo Luis Estévez Parada e Patricia Buxán visitaron a Feira do Libro de Compostela, organizada por Feiras do Libro de Galicia. Todo grazas á invitación da Librería Aenea, que tivo un posto na feira. 

_________________________

Neses días tamén saiu do prelo A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 e aproveitamos para facer unha presentación na Libraría de Mulleres Lila de Lilith de Santiago de Compostela con tres das 17 autorías: Alba María, Ismael Ramos e Tamara Andrés, que tamén estiveron acompañadas polo coordinador do libro, Fernando Ramallo.

_________________________

Unha data especialmente sinalada este mes é o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e este ano tivemos ocasión de escoitar (a partir do minuto 53) a tertulia que compartiron na Cadena SER de Compostela, dúas das autorías d’A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050: Manuel Arca e Tensi Gesteira Estevez.

_________________________

O día 24 volvemos falar desta obra, esta vez na Libraría Paz de Pontevedra. Desta volta, falamos con Nee Barros Fernández, Tensi Gesteira Estevez e Xanhe Redondo García («o Rabelo») de lingua. E dos desexos, do rural, da música, do xénero e, en definitiva, da nosa identidade.

Xuño

Así como quen non quere a cousa, Podas e enxertos esgotou a primeira tiraxe e xa vai pola primeira reimpresión, para que poidamos facer as cousas con xeito (na horta!). 

Se non coñeces a Rosendo, velaquí o tes falando de enxertos no Galicia Noticias da TVG.

_________________________

O 12 de xuño puidemos escoitar a Alexandre Grande Babarro, o autor de Permacultura. Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor en Ames Radio. En concreto foi no programa Ames PosPetróleo, dirixido por Manuel Casal Lodeiro. Este episodio levou por título «Permacultura para un mundo mellor».

_________________________

Este mes continuaron as presentacións d’A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050. En concreto tivemos dúas en Vigo: o 14 de xuño, Alba Guzmán Falcón, Branca Trigo Cabaleiro e Manuel Arca Castro estiveron na Libraría Cartabón para debater sobre o que imaxinan para o futuro da nosa lingua. E o día 20, Alba Guzmán Falcón, Branca Trigo Cabaleiro, Nee Barros Fernández e Fernando Ramallo falaronnos no espazo multicultural En caja y papel das chaves desta obra, da súa orixe e das súas respectivas contribucións.

Ademais, co gallo do primeiro destes eventos, Gonzalo Constelo Bergueiro publicou no Nós Diario un artigo titulado A mocidade e a lingua.

_________________________

Un ano máis celebrouse (o día 30) o PetardBingo Solidario Pride Edition 2023, organizado entre a Asociación Casco Vello Alto de Vigo e a boa xente de PetardPop, e no que entidades e veciñanza colaboramos pola diversidade e a solidariedade.

, , , , , , , , , , , , ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies