fbpx

Novas – 4.º trimestre de 2023

01/01/2024 Catro Ventos

O último trimestre do ano estivo marcado pola publicación d’As bicicletas si son para Galicia, pero tamén seguimos con presentacións d’A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 e, por suposto, un ano máis acudimos á cita coa Culturgal, a feira das industrias culturais que se celebra en Pontevedra.

Outubro

Xusto a finais de setembro, celébrase todos os anos o Día Internacional da Tradución. Desta volta, no programa ZigZag da RTVG entrevistaron á nosa compañeira Patricia Buxán para falar desta profesión que tan presente está en Catro Ventos. Na ligazón podedes ver a conversa que mantivo con María Solar.

O 17 de outubro tivemos a primeira sesión do Club de Lecturas Conscientes que impulsamos en colaboración coa Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel. Durante este curso aproveitaremos para falar sobre libros relacionados coa ecoloxía (entendida nun sentido amplo). As participantes tiveron ocasión de intercambiar opinións sobre a obra Árbores que non arden.

O día 26 de outubro, realizamos unha nova presentación d’A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050. Nesta ocasión visitaron a libraría Tanco de Ourense dúas das autorías da obra: Kai Lois Baltrusch, biólogo e enxeñeiro agrícola, e Alba Guzmán Falcón, autora (comparte a súa paixón pola escrita e os libros cos estudos de Enxeñaría Mecánica na Universidade de Vigo).

Novembro

O mes de novembro estivo sen dúbida marcado pola publicación do noso novo lanzamento: As bicicletas si son para Galicia. A primeira presentación da obra tivo lugar en Vigo, en concreto n’A Morada, un estupendo proxecto cooperativo e feminista. No seu local estiveron Iria Vázquez, unha das colaboradoras (cun capítulo sobre bicicleta e feminismo), e Patricia Buxán, socia de Catro Ventos e coordinadora da obra.

O día 21 de novembro celebramos a segunda sesión do Club de Lecturas Conscientes. Nesta ocasión falamos da primeira parte da obra Que fai o mosquito por nós? Foi moi interesante o intercambio coas lectoras e o debate ao redor do valor (moito máis ca económico) da biodiversidade. Xa en xaneiro (o día 23), retomaremos este tema coa sesión sobre a segunda parte da obra.

Decembro

Decembro comezou con moita forza: entre os días 1 a 3 estivemos no Pazo da Cultura de Pontevedra, nunha nova edición da Culturgal, a feira das industrias culturais. Un ano máis tivemos un posto para vender os nosos libros, pero tamén aproveitamos para organizar un par de presentacións:

O venres 1, estiveron no stand da economía social, Fernando Ramallo e Tensi Gesteira, respectivamente coordinador e autoría da obra A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050. Foi unha nova ocasión de imaxinar como pensamos que estará a nosa lingua logo de 10 000 días e como desexamos que estea.

E o domingo 3, Patricia Buxán estivo acompañada pola socióloga Iria Vázquez e polo experto en mobilidade urbana Daniel Díaz, dúas das colaboradoras que nos axudaron a preparar o noso último lanzamento: As bicicletas si son para Galicia. Deseguido da presentación, organizamos unha pedalada co colectivo Pedaladas Pontevedra que nos levou pola beira do río Lérez e o casco vello de Pontevedra, para despois volver ao Pazo da Cultura.

Sobre esta última obra, repetimos presentación uns días despois, o 14 de decembro, en Compostela. Unha vez máis visitamos a libraría Lila de Lilith, para escoitar a conversa entre Faustino Gómez, presidente da asociación Composcleta, e Patricia Buxán, e reflexionar sobre usos e desusos deste medio de transporte transformador na área santiaguesa.

Ademais, esta obra atraeu a atención de varios medios de comunicación e publicáronse entrevistas a Patricia nos diarios NósPraza Pública.

Por último, como ben sabedes, procuramos participar activamente no tecido asociativo galego. E no mes de decembro houbo varias novas de Espazocoop, a unión de cooperativas galegas, que tiveron, dun ou doutro xeito, algo que ver coa nosa editora: en 2024 o noso compañeiro Isidro participou como mentor no programa Es-Mentoring; a presentación do día 1 de decembro (da que falamos máis arriba) tivo lugar no stand da Economía Social; e, tamén no contexto da Culturgal, participamos no encontro organizado por Espazocoop entre as administracións públicas e a sectorial cultural da asociación.

, , , , , , , , , , ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies