Quen dixo que o verán é tempo de lecer? Neste terceiro trimestre, nós estivemos ben ocupadas con moitas cousas, entre outras varias presentacións d‘A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050.
Xullo
O Festigal é unha celebración da nosa identidade e este ano contou, entre moitas outras cousas, cunha presentación d’A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 guiada por Élia Lago. Nela puidemos escoitar a Carla Míguez Bóveda, Daniel Amarelo Montero e Sara Seco Rial, que nos falaron das súas respectivas intervencións nesta obra (imperdible!) e da imaxinación que abrolla ao falarmos do futuro da nosa lingua.
Agosto
O verán é tempo de feiras e na Feira do Libro da Coruña tivemos ocasión de volver falar dun dos nosos últimos lanzamentos: A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050. O noso compañeiro Isidro Dozo estivo acompañado de Daniel Amarelo, Sara Villar e Xabier Benavides, tres das autorías desta obra coral, na que persoas menores de 30 anos achegan a súa visión de cal será a situación da nosa lingua en 2050.
Setembro
E comezamos o curso dando a benvida ao outono e falando novamente d’A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050. Desta volta foi en OZOCOgz (O Carballiño), un dos espazos amigos que nos axudan a que a nosas obras estean dispoñibles por todo o territorio galego. Alí estiveron Kai Lois Baltrusch e Tensi Gesteira, coa moderación da filóloga Laura Paz Fantanes. Sempre é un pracer ver a boa acollida que está a recibir esta obra e profundar nas reflexións sobre o futuro do noso idioma!