A lingua é esencial para entendermos a identidade do noso pobo, polo que, ás portas do Día de Galicia, non se nos ocorre unha publicación máis acaída ca o limiar d’A lingua en 2050.
Neste texto, Fernando Ramallo, coordinador e coautor do libro, relata de que xeito a reflexión «Como imaxinas a situación da lingua galega no 2050?» deu pé a un espazo de debate literario en que unha manchea de persoas autoras, con visións diversas e mesmo discordantes, procuran responder a outra pregunta: «Que facer?».
Limiar
A reflexión sobre a situación actual da lingua galega convértese nun detonante impulsivo para indagar, desde a especulación, sobre o seu futuro. Por iso, este volume que agora presentamos proponse poñer a proba a imaxinación respecto ao futuro do idioma propio de Galicia na metade do século xxi. Para tal fin, interpelamos un grupo de persoas, todas elas suxeitos con experiencia, traballo e ideoloxías arredor da lingua galega, en diferentes sectores, desde perspectivas diferentes e, ás veces, discordantes, para que avancen a súa visión sobre a situación social do idioma no 2050, isto é, dentro de tres décadas. Polas condicións económicas, políticas, sociais e tecnolóxicas nas que nos atopamos na actualidade, os case trinta anos que temos por diante están chamados a ser un momento crucial para o noso idioma, ben para o seu fortalecemento, ben para a súa ritualización.
En parte, o volume que agora presentamos inspirouse nun interesante e pouco coñecido evento que tivo lugar en 1977, artellado como un debate de longo alcance sobre o futuro de Galicia. Referímonos ao seminario de traballo «Galicia no ano 2002 a través da imaxinación creadora», organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e cuxas reflexións foron recollidas e publicadas nun libro en 1978. Este seminario reuniu catorce persoas que durante sete sesións dialogaron, ao longo de todo ese ano, sobre como vían a Galicia de 2002, isto é, a Galicia de 25 anos despois. A derradeira desas reunións, que aconteceu o 15 de outubro de 1977, tivo como eixo a temática «A educación e o ensino», con trece participantes, todos eles figuras relacionadas, en maior ou menor medida, co galeguismo cultural. Pois ben, parte das reflexións mobilizadas nesa sesión —mais tamén noutras— tiñan como finalidade imaxinar a situación do idioma galego no ensino en 2002.
O obxectivo principal da compilación que agora recollemos no presente libro é contribuír ao debate sobre o futuro (desde o presente) do idioma galego. Para tal fin, pedimos a resposta á seguinte pregunta: Como imaxinas a situación da lingua galega no 2050?
Sen ningún tipo de restrición sobre a achega de cadaquén, propuxemos que a reflexión se sustentase arredor de dúas posicións complementarias, e, con frecuencia, diverxentes. Dunha banda, a reflexión sobre as crenzas, sustentadas, en aparencia, no que sabemos (mais tamén nos nosos prexuízos) e, por outra banda, os desexos, isto é, aquilo que está fóra de nós e que orienta, en parte, as nosas accións, tal como recollen as preguntas seguintes:
a) Como cres que estaremos a mediados de século.
b) Como desexas que esteamos a mediados de século. De ser o caso, incluíndo medidas urxentes e a medio prazo para chegar da mellor maneira posíbel a ese momento.
En definitiva, o que pretendemos con estas preguntas, fronte a moitas outras que poderiamos incluír, é mobilizar unha combinación de saberes, cobizas, emocións e esperanzas arredor dun acontecemento afastado no tempo e arriscado na súa avaliación. Así pois, a única condición enriba da mesa foi colocármonos imaxinariamente na Galicia do 2050 e propoñer unha visión reflexiva ao respecto da situación da lingua galega nesa altura. Trátase de poñer por riba a imaxinación creadora; iso si, non desde un baleiro empírico senón a partir da coñecida realidade sociolingüística dos últimos 50 anos.
Sabedores dos riscos que ten dialogar sobre cuestións prospectivas para tempos dos que nada coñecemos, a proposta foi moi ben acollida e as persoas ás que lles ofrecemos colaborar coas súas achegas aceptaron de inmediato e enviaron os seus textos en tempo e forma. O resultado é o presente libro, con 25 contribucións e este limiar. Desde logo, unha aventura coma esta non está exenta de riscos e, como coordinador, son consciente de que, ademais das persoas que participan, outras moitas poderían ter sido convidadas a enviar as súas achegas, que, en todo caso, confiamos estimular con este traballo iniciático. De feito, esta é unha obra aberta, que oxalá poida servir para fortalecer o debate problematizador e, asemade, emancipador, en distintos eidos da sociedade, especialmente, sobre como proceder coas accións de intervención urxentes que recollen estes textos, se asumimos que o galego debe ser a lingua vehicular para as xeracións futuras en Galicia.
O volume inclúe diferentes xéneros e estilos discursivos, desde a ficción literaria ata traballos próximos ao academicismo. En calquera caso, todos eles son exercicios cun elemento imaxinativo indiscutíbel, precisamente por indagar no mundo descoñecido, sobre o que non sabemos nada nestes intres, agás que está en continuo movemento e que todo pode acontecer, desde o fortalecemento, aínda máis, da substitución lingüística, ata a consolidación do idioma galego como a lingua de uso preferente en todos os grupos etarios.
Os próximos 30 anos
Para contextualizar brevemente o futuro a medio prazo, tomemos como referencia as seguintes intervencións sobre a lingua galega na imaxinación dos seus autores no citado libro Galicia 2002:
a) Desexo concibido por Domingo García-Sabell (VV. AA. 1978: 135)
Emprego universal e constante da lingua galega. Dende a nenez astra á morte. Emprego sen solucións de continuidade, de tal xeito que o falar e o escribir no noso idioma resulte algo que non se note. Algo que é natural. E é natural porque está incorporado, cómpre dicir, feito corpo do falante. Falar castelán será o engadido, o que ven despois. Co galego nácese. O castelán apréndese. No ano 2002 a lingua galega non será un problema: será unha realidade
b) Desexo concibido por Xosé María Álvarez Blázquez (VV. AA. 1978: 220)
O ensino impártese en lingua galega a tódolos niveis.
c) Desexo concibido por Camilo González Suárez-Llanos (VV. AA. 1978: 231-232)
Eu parto do evidente posto central do idioma en todo o sistema educativo tendente á potenciación do home galego. […] Pois se non se propón un idioma popularmente aceptable, o dominio exclusivo do castelán en Galicia non terá remedio. Non defendo, claro é, unha castelanización indiscriminada do galego. Defendo camiños de pureza idiomática que poidan ser popularmente asumidos.
Cando menos, dúas son as conclusións que podemos extraer destas tres intervencións. Por unha banda, o futuro do idioma pasaría, para estes autores, por manter a reprodución sociolingüística familiar. Por outra banda, víase chave garantir un sistema educativo total en galego, que hoxe chamamos inmersión lingüística, sustentando na calidade lingüística. Pois ben, ambos os desexos, entendidos coma demandas, non tiveron lugar. A transmisión lingüística familiar interrompeuse de xeito claro nas últimas décadas e o modelo de ensino bilingüe establecido en Galicia nos diferentes decretos está lonxe de poder equipararse á inmersión lingüística, agás, en parte, o Decreto 124/2007 xa derrogado. A frustración destes dous desexos é fundamental para entendermos a delicada situación actual da lingua, comparada, xa non con outras épocas centenarias, senón co ano 1977, que é cando se formulan.
Desde unha aproximación diferente, no prólogo ao Informe dramático sobre la lengua gallega (1973: 8), Xesús Alonso Montero di:
Nuestra lengua, señoras y señores, está amenaza de muerte. Seríamos superlativamente cándidos si creyésemos que disponemos de armas eficaces para oponernos al avasallante cerco en que vivimos. El peligro está tan cerca, tan próximo, tan a nuestro lado, que ya sólo una pregunta es legítima: ¿Qué hacer?
A resposta a esta pregunta é tratada especificamente no capítulo 10 do citado libro, que leva por título a tal cuestión «¿Qué hacer?». En palabras do autor, só hai dous camiños para evitar a «muerte inmediata» do galego nos vinte anos seguintes. Dunha banda, garantir a presenza relevante —e mesmo exclusiva— do idioma galego no ensino, nos medios de comunicación, no teatro, na literatura e na edición de libros. Doutra banda, imaxinar unha situación na que as «minorías obreras y campesinas de conciencia crítica se reconozcan orgullosamente en la lengua que aún es de ellos y, prácticamente, sólo de ellos» (Alonso Montero 1973: 150).
Cincuenta anos despois destas reflexións, a lingua galega segue falándose en toda Galicia e nalgúns territorios veciños. A este respecto, é obvio que o primeiro camiño tivo un desenvolvemento real, ligado ao recoñecemento da lingua a partir de 1981, coa aprobación do Estatuto de Autonomía. Iso si, con notoria moderación, particularmente no ensino e nos medios de comunicación. O segundo é máis difícil de valorar; en todo caso, a evolución intensa do capitalismo desde 1973 a 2021 confirma que a «conciencia crítica» no proletariado é moito menos intensa do necesario, incluída a conciencia política de clase, fundamental para a radical transformación da sociedade, como pon expresamente de manifesto o libro de Lenin que, con ese mesmo título, Что делать? (Que facer?), publicou en 1902.
Chegados ata aquí, debemos preguntarnos novamente «Que facer?», ou mellor, retomando tamén o título dun artigo previo de Lenin, «Por onde comezar?», para garantir que a mediados do século xxi unha boa parte da sociedade galega fale en galego de xeito dominante. Desde logo, aumentar a conciencia sociolingüística crítica do conxunto da poboación, e non só da clase obreira, para evitar a dispersión e a vacilación actual respecto da lingua. Mais o devalo polo que transcorre a lingua galega desde hai, cando menos, cen anos, lévanos a imaxinar que só unha radical superación das desigualdades sociolingüísticas pode garantir un futuro certamente esperanzador para este idioma milenario. Con este libro queremos contribuír a responder esas preguntas.
Así pois, agardamos que esta recolleita de respostas, ordenadas alfabeticamente, a partir do nome do autor/a, abra unha nova etapa nun debate sobre o futuro (o pasado e o presente) do galego que non para de estar presente na sociedade. Como nada permanece inmóbil, desde os planetas ata as gotas de auga, non temos outra que reflexionar sobre as condicións materiais que estabelecen o noso ser sociolingüístico, determinado polo social, o político e o económico. E, sempre que sexa preciso para superar a minoración lingüística, coas súas desigualdades explicitadas por unha hexemonía que nos entrelaza nunha minoría de idade, traballemos arreo para cambiar esas condicións e encamiñarnos cara a unha emancipación que definitivamente recupere a vitalidade histórica da lingua galega.
A lectura atenta destes textos permite identificar algunhas similitudes, non só na interpretación sobre os trazos relacionados co futuro da lingua galega, senón, mesmo, no relato sobre os desexos e os anhelos a respecto do que acontecerá en 2050. Mais isto é, en boa medida, mera coincidencia, xa que ningunha das persoas que contribúen neste libro coñecía os textos das demais. Mesmo no caso de quen asina este limiar, que, como promotor e coordinador do volume si tivo acceso a todos os textos previamente, redactou o seu sen ler os dos demais, precisamente para evitar, na medida do posíbel, ser influído por posicións próximas ou afastadas. Agora ben, as similitudes e as diverxencias teñen, case sempre, un fondo —e unha forma— ideolóxica.
En definitiva, a partir dos trazos comúns, das diverxencias e das contradicións que estes textos recollen, queda en mans de quen lea o presente libro sacar conclusións sobre as condicións de partida, os desexos e as posibilidades de futuro, en tanto que tríade dialéctica, sobre o que acontecerá co idioma galego en 2050… e de aí por diante.
Fernando Ramallo
Catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de Vigo
A lingua en 2050
«Como imaxinas a situación da lingua en 2050?». Esta foi a pregunta feita a 25 persoas ligadas ao galego (xornalistas, profesorado, escritoras, políticos…). Aquí recollemos a súa visión de como estaremos, mais tamén os seus desexos de como lles prestaría estar.
Este volume colectivo, ideado e coordinado polo sociolingüista e profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, conta coas reflexións e soños sobre a situación da lingua galega en 2050 de Fran Alonso, Xesús Alonso Montero, Celso Alvarez Cáccamo, Xosé Luís Axeitos, Darío Xohán Cabana, Conchi Cochón Rodríguez, Xosé-Henrique Costas González, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Valentín García Gómez, María Pilar García Negro, Xenaro García Suárez, Luís López Alonso, Rosa López Fernández, Anxo M. Lorenzo Suárez, Marcos Maceira Eiras, X. L. Méndez Ferrín, Henrique Monteagudo, Teresa Moure, Manuel Núñez Singala, Fernando Ramallo, Xosé Luís Regueira, Gabriel Rei-Doval, Francisco Rodríguez Sánchez, Rexina Rodríguez Vega e Iolanda Teixeiro Rei.
Unha lingua non morre se o pobo a fala. Sirvan estas reflexións para que as dúas preguntas do libro (a razón e o desexo) sexan unha e no 2050 o galego vexa por diante cen primaveras, veráns, outonos e invernos máis.