fbpx

Eu quedo na casa

20/03/2020 Catro Ventos

En Catro Ventos Editora queremos dirixirnos a vós, ás persoas xunto as que estamos a vivir esta situación excepcional, provedores, clientes e amizades.

En primeiro lugar para amosar o noso apoio e agradecemento ao sector editorial, ás persoas que nos permiten publicar libros e espallar aires de cambio e que agora mesmo están na incerteza do seu modo de vida. Moito ánimo ás traballadoras libreiras, distribuidoras, bibliotecarias, autoras e ilustradoras… Agora mesmo, a resposta está en coidar dunha mesma para coidar das demais.

E tamén ás persoas lectoras que fan posible o noso proxecto, que nos apoian desde o primeiro minuto e nos dan azos nestes días. Entendemos as dificultades que estades a vivir e agardamos que as nosas obras vos axuden nas circunstancias actuais.

Co peche das librarías, as editoras estamos nunha situación complicada que nos leva a reformular a nosa planificación e o traballo para as seguintes semanas. Neste escenario manexamos o seguinte:

  • En Catro Ventos Editora adoptamos as medidas necesarias para manter a saúde de todas as socias traballadoras. Coñecemos a fórmula do teletraballo e estamos a aplicala por razóns de hixiene e seguridade das socias e das nosas familias. As nosas liñas de contacto seguen abertas coa flexibilidade derivada da conciliación. Estamos traballando pero con cabeciña.
  • Mantemos aberto o noso catálogo online, catroventos.gal, onde é posible adquirir os nosos títulos. Mantemos a recepción dos pedidos e faremos os envíos ao remate do estado de alerta.
  • Facilitámosvos a relación de puntos de venda directa accesibles que vos poden servir as nosas obras. Algúns son tendas físicas con opción á apertura, e outros ofrecen só servizos en liña polo que iremos actualizando esta información. Son os seguintes:
    • Bico de grao: a cooperativa de consumo ecolóxico de Lugo está aberta de luns a venres, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00.
    • Libraría Abrente: a tenda física está pechada, pero vende pola súa web.
    • Libraría Domapa: este kiosko de Vigo abre en horario de mañá de 9:00 a 13:30 para vender prensa.
    • Libraría Miranda: esta libraría de Bueu está aberta en horario de 8:30 a 13:30 e de 16:30 a 18:30, e tamén vende en liña.
    • Libraría Suévia: esta libraría da Coruña está pechada, pero acepta pedidos por correo electrónico, Facebook ou a través da súa páxina web.
    • Milhulloa: esta empresa dedicada a plantas medicinais e hortalizas está situada en Palas de Rei (Lugo). Acepta pedidos e mándaos por mensaxería.
    • Organics: este espazo de alimentación alternativa de Portonovo está aberto actualmente no seu horario habitual.
    • Panxea: a cooperativa de consumo de Santiago de Compostela atópase aberta no horario habitual.
    • Urbanic: esta tenda de alimentación ecolóxica de Vigo está aberta no seu horario habitual.
  • Achegámosvos o noso catálogo de publicación para 2020. O noso plan editorial para este ano está suxeito a variacións, mais queremos achegarvos a previsión de títulos co mes de lanzamento inicial de cada obra. Podedes solicitarnos máis información ou mesmo reservar os títulos que queirades:
    • Polo rego, de varias autoras / abril: este libro recompila as leccións que máis gustaron de Polo rego, o coñecido programa da TVG, durante a primeira tempada. O libro segue a liña da súa versión televisiva e ofrece receitas sinxelas e breves da man de expertos en saberes e consellos desta grande universidade que é o agro galego.
    • O libro do clima, todo o que cómpre saber, de Esther Gonstalla / maio: o sucesor d’O libro dos océanos que publicamos en 2018 fala do clima, do CO2, do ser humano como axente climático e dos efectos a escala mundial, mais tamén presenta solucións e ofrece propostas de actuación para o día o día. Unha obra para todas as persoas que non só coñecen e comprenden os riscos do cambio climático, senón que tamén queren actuar.
    • Alén do azul, o mundo submarino da ría de Vigo, de Sara Carrasco e Silvia Iglesias (13 grados) / xuño: mergullarse na ría de Vigo é visitar un mundo próximo baixo outra luz. Alén do azul. O mundo submarino da ría de Vigo é unha invitación a coñecer as paisaxes submarinas e os seres que as habitan por medio de fotografías, ilustracións e mesmo vídeos ligados con códigos QR. Inclúe unha escolma de recomendacións para coñecer de preto o mergullo e facer esta actividade de xeito responsable.
    • Unha historia do mundo a través de 7 cousas baratas, de Raj Patel e Jason W. Moore / xullo: o avance do capitalismo ao longo da historia foi posible polo abaratamento continuado de sete cousas: natureza, diñeiro, traballo, coidados, comida, enerxía e vida. Este libro propón unha forma nova e radical de comprender (e recuperar) o planeta.
    • Como liberar o potencial do voso neno, de 30 meses a 6 anos, de Daniela Valente / setembro: este segundo libro de Daniela Valente segue a liña do primeiro, publicado por Catro Ventos Editora: ser unha guía práctica chea de actividades e xogos con obxectos sinxelos que podedes atopar pola casa, e moitos consellos e suxestións interesantes para desenvolver o potencial dos cativos de entre 30 meses e 6 anos tomando como base os principios do método Montessori.
    • A destrución invisible do solo, de Gerth M. Neugebauer /outubro: a meirande catástrofe ecolóxica pasou e está a pasar case inadvertida: cada ano desaparecen en todo o mundo sete millóns de hectáreas de terra fértil pola acción explotadora e destrutiva do ser humano, o equivalente á superficie de Irlanda. E todo isto ocorre malia coñecermos a grande influencia que o ecosistema do solo ten nas augas freáticas, no aire e no clima. Con todo, semellan existir algunhas tímidas propostas de solución. Danlle azos á utopía dunha mudanza socioecolóxica con solos sans, básicos para a supervivencia.
    • Comando igualdade, de Chis Oliveira e Priscila Tamara Retamozo (Comando Igualdade) /novembro: o Comando Igualdade é un colectivo vigués formado por adolescentes que busca desaprender condutas sexistas e pór en práctica os valores de equidade, empatía e corresponsabilidade de forma colectiva e horizontal. Este libro explica o porqué da súa formación, os valores que promove e a necesidade de que exista un comando en todos os institutos.
  • Lembrámosvos que temos un programa de fidelización chamado Viraventos, pensado para aquelas persoas que desde a vontade de axudar a facer viable a editora, apostan por obras pendentes de publicación ou adquiren títulos xa a venda, optando a un desconto especial.

Seguimos a facer o noso traballo porque consideramos que máis que nunca é necesario divulgar arredor da economía social, da ecoloxía, do consumo responsable, os dereitos humanos e a crianza alternativa. As persoas precisamos de coñecemento contrastado e cultura para tomar as nosas decisións vitais en todos os escenarios, pero no actual estado das cousas parécenos imprescindible.

Rematamos cun agradecemento especial ás persoas que fan posible unha nova normalidade co seu esforzo e traballo nestes días: persoal dos sectores da alimentación, do transporte, dos servizos e da sanidade, entre outros, que fan que o mundo xire. E tamén ás persoas solidarias, respectuosas da saúde dos demais, que estamos a quedar na casa. Queremos facer extensivo este agradecemento mediante o código de desconto do 15 % #EuQuedoNaCasa para as compras na nosa web, unha pequena axuda para que non falte lectura responsable.

Seguimos espallando aires de cambio.

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies