fbpx

Entrevista a Catro Ventos no medio «A movida» no mes das Letras Galegas

05/05/2022 Catro Ventos

Desde A movida, a revista de actualidade e axenda cultural de Vigo, veñen de recoller as voces de varias persoas do tecido editorial da cidade para falaren un pouco de cadanseu labor, recomendacións e visións da literatura con motivo do mes das Letras Galegas. Na compaña de Fran Alonso (Xerais), Francisco Castro (Editorial Galaxia) e Javier Romero (Editorial Elvira), Isidro Dozo ponlle cara a Catro Ventos. Fóra de limitacións físicas, aproveitamos para publicar a entrevista completa que nos fixo Pablo Vázquez.

Traballando entre/con libros

Define brevemente a túa editorial e a súa filosofía.

En Catro Ventos dedicámonos á publicación de obras en galego dos eidos da economía social, a ecoloxía, o consumo sustentable, a crianza alternativa e os dereitos humanos, e tamén ofrecemos servizos lingüísticos (de deseño, maquetación, tradución e corrección lingüística) para todo tipo de empresas e entidades, así como para persoas que desexan autoeditarse. A nosa filosofía parte dos principios da economía social e solidaria, recollidos en REAS Galiza, entidade da que somos socia.

Que cres que a diferencia doutras? 

Editamos obras en galego que axudan ás persoas a coñecer, reflexionar e actuar sobre aspectos esenciais da vida. As lectoras atopan en Catro Ventos lecturas conscientes, documentadas e actuais sobre a realidade da emerxencia climática, como botar fóra das aulas o patriarcado, retirar o plástico dos nosos hábitos de consumo, mais non só iso.

Na editora practicamos a ecoedición, é dicir, traballamos e editamos atendendo á nosa pegada ecolóxica e impacto social (reducindo residuos, retirando o plástico dos procesos, colaborando con entidades locais etc.).

Un libro e un autor imprescindible da túa editorial.

Como todos son imprescindibles, citarei o mais recente: Infocracia, de Byung-Chul Han. Esta obra breve é un ensaio sobre a sociedade da (ultra)dixitalización.

Desde os memes até as fake news, o autor pon o foco na psicopolítica, instrumentalizada por bots que campan ás súas anchas no neoliberalismo da Internet. Pero isto non é todo. Tamén reflexiona sobre a transformación do noso pensamento ao convertérmonos, baixo a atenta mirada das empresas de big data, en perfís de usuario, o produto máis rendible do capitalismo actual

. 

Unha novidade recente ou que vaia saír en breve para destacar. 

Agora é a quenda para unha ecoedición ampliada de Alén do azul. O mundo submarino da ría de Vigo, unha obra do colectivo 13 Grados, expertas en educación medioambiental, que recrea paisaxes e personaxes dos fondos mariños a través de textos, ilustracións, infografías e mesmo vídeos ligados por QR, que sairá en maio. E, un chisco despois, sairá á venda Pero que fariamos nós sen os mosquitos? Para entender por fin que significa a biodiversidade para a nosa vida, de Frauke Fischer e Hilke Oberhansberg, gañadoras do Premio Alemán de Comunicación Medioambiental. Este libro presenta unha ollada entretida (sabías que sen mosquitos non habería chocolate?) ao mundo fascinante dos animais e das plantas que nos agasallan alimentos, seguridade, saúde e moito máis: un futuro, e presenta con claridade que ten que pasar para que aínda poidamos deter a morte das especies.

O mellor e o peor de dirixir unha editorial.

Como somos unha sociedade cooperativa galega sen ánimo de lucro, non diría que dirixo unha editorial: todas as persoas socias intervimos nos procesos de xerencia. Tendo isto en conta, o mellor é traballar facendo obras que achegan e a cooperación entre socias. O peor é a incerteza ligada aos hábitos de lectura, e máis tendo en conta as actuais políticas lingüísticas do galego.

A lectura fainos máis humanos

Les libros en formato dixital?

Leo, mais prefiro o formato físico.

Un libro e un autor que che gusten doutras editoriais de Vigo.

Pois vou facer trampa e recomendar dunha editora de Pontevedra con dous autores de Vigo: Subnormal, de Fernando Llor e Miguel Porto, editado por Retranca na edición galega. Unha banda deseñada sobre o acoso escolar baseada na historia real do xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta.

Recomendación dun libro que leses hai pouco (que non sexa da propia editorial). 

Penso que non hai oco para tanto xénero así que, como xa falei de Infocracia (moi recomendable), deixo anotada unha banda deseñada: Los grandes espacios, de Catherine Meurisse, en edición española de Impedimenta e con tradución de Rubén Martín Giráldez. Unha obra autobiográfica que reflexiona sobre a conexión entre a vitalidade do campo e a creatividade artística e intelectual cunha narrativa lixeira que mestura tenrura e profundidade.

Completar: para min, a literatura é…

… ao igual que outras artes, un espazo-idea para medrar e gozar daquilo que nos fai máis humanos.

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies