Coma todos os anos, desde finais de abril a finais de xullo, está aberto o prazo para que as entidades da Economía Social e Solidaria (ESS) fagan un exercicio de transparencia e autoavaliación e realicen a Auditoría Social (tamén coñecida como Balance Social). Trátase dunha ferramenta gratuíta creada por REAS Rede de Redes que, ademais dese análise individual de cada entidade, tamén permite sacar unha fotografía do conxunto da ESS no Estado español (o resumo da campaña anual adoita publicarse no mes de novembro; aquí podedes ver os datos de 2022).
As vantaxes de abrirmos o peito
No portal da Economía Solidaria lémbrannos os beneficios que achega facer a Auditoría Social para unha entidade da ESS:
- É unha cuestión de transparencia, xa que ofrece información sobre a nosa organización e xera confianza no noso público.
- É un acto de identidade e visibilidade que nos permite transmitir o que somos, amosando a conexión que existe entre os nosos principios e a nosa práctica cotiá.
- É un acto de reafirmación e coherencia que nos facilita presentarnos perante a Administración e a cidadanía, e diferenciarnos doutras empresas.
- É un acto de fomento do consumo responsable, para que as consumidoras poidan ter información e exercer o seu consumo consciente e crítico dentro do Mercado Social.
- É un acto de autoavaliación e medición do impacto social e ambiental, que facilita a revisión das nosas prácticas e a mellora do noso funcionamento interno.
É un acto de recoñecemento social, xa que ofrece un informe final maquetado para publicar na web da túa entidade e comunicar o valor que tedes como empresa con valores e principios.
Unha vez ao ano
En Catro Ventos Editora levamos facendo a Auditoría Social desde a nosa constitución como cooperativa (aquí podedes atopar o noso informe de 2022). Para nós é xa un ritual que repetimos cada ano e que, ademais de ofrecernos toda unha serie de indicadores económicos, sociais e ambientais, nos conecta co resto de entidades e persoas que compartimos os valores recollidos na Carta de Principios de REAS: a equidade, o traballo digno, a sustentabilidade ecolóxica, a cooperación, a repartición xusta da riqueza e o compromiso coa contorna.
Xa tardas en facela!
Como diciamos ao comezo, trátase dunha ferramenta gratuíta que o único que vos vai esixir é dedicar algo de tempo a introducir os datos. Ademais, non é preciso ser socia de REAS para utilizar esta ferramenta (aínda que si é moi recomendable por moitos motivos). Así que, se formades parte dunha entidade da Economía Social e Solidaria, xa estades tardando! 😜
É o momento de facer a Auditoría Social e ensinar o corazón.