Imos anunciar varias primeiras veces xuntas! Falamos do primeiro libro dunha nova etapa, a da editora, e o primeiro sobre activismo gordo da Galiza e en galego, Razóns de peso. Desbordamentos, desexos e outras incomodidades gordas. Coordinado pola poeta e activista Andrea Nunes e a educadora social e tamén activista, Leticia Citoula. Podes compralo na nosa tenda, a través das entidades colaboradoras ou en calquera libraría (poden encargar os nosos libros a través da distribuidora Arnoia).
Nel participan 19 autorías que falan de gordofobia en primeira persoa, de resistencias e celebración a través da poesía ou narración autobiográfica, pasando pola ficción, a colaxe, a música ou o ensaio breve. Esta antoloxía contén textos de Adriana Guede, Ailén Kendelman e Areta Bolado, Alba Cobo, Andre Bosque, Andrea Rico (Mané), Angelly Ferreiro, Antonella Rodríguez, Aranxa Vicens, Iván Folgueira, Lucía Aldao, María von Touceda, Mercè Nebot Ventura, Vanesa de Sousa, Vanessa Glemsel, Violeta Maroto e as propias coordinadoras. O prólogo corre a cargo da escritora e asesora sobre gordofobia, xénero e diversidade corporal, Magdalena Piñeyro e o cadro da portada é obra de María Meijide.
Despois do lanzamento dunha campaña de micromecenado, conseguimos espertar o interese dunha ampla comunidade que en menos de 24 horas achegou o 100% do importe mínimo solicitado para contribuír a facer realidade este libro.
O día 10 de abril terá lugar a súa primeira presentación ás 19 h na Casa do Taberneiro (Santiago de Compostela). Acompañadas de boa parte das autorías desta obra coral, as coordinadoras porán o foco na idea de romper os estereotipos e prexuízos contra as persoas gordas.


