Unha das cousas que máis valoramos na Economía Social e Solidaria (ESS) é a intercooperación. Resumida moi rapidiña, a intercooperación é a busca de espazos comúns nos que desenvolver proxectos compartidos con outras entidades, para, da man, avanzar na procura dunha sociedade máis respectuosa coas persoas e o planeta. Por iso, Catro Ventos Editora vén de asinar un convenio de colaboración con Economistas sin Fronteras (EsF) e aopaso.
Economistas sin Fronteras
É moi probable que xa coñezas a Economistas sin Fronteras, pero, de non ser así, velaquí unha breve presentación:
EsF é unha asociación, fundación e ONGD fundada en 1997 que traballa nunha área concreta da realidade, a economía, e na súa relación coa pobreza e as desigualdades. O seu obxectivo principal é contribuír a xerar cambios que permitan alcanzar unhas estruturas económicas e sociais xustas e solidarias, baseadas nos dereitos humanos. Ademais, apostan por un modelo de desenvolvemento que, ademais de garantir o goce pleno dos dereitos humanos, promova a sustentabilidade da vida.
Non vos ha sorprender que en Catro Ventos sexamos moi fans do seu traballo e que nos apetecese moito atopar espazos de colaboración.
aopaso
Detrás de aopaso está Raquel Doallo, economista e activista dende hai moito tempo en distintos movementos da ESS. Os nosos pasos cruzáronse con ela xa por alá polos comezos de 2016, cando andabamos a argallar o noso proxecto editorial e xa tiñamos claro que Catro Ventos debía formar parte de REAS Galicia xa dende a súa constitución como cooperativa. Raquel era daquela membro da Xunta Directiva de REAS Galicia en representación de Cestola na Cachola, cooperativa que cofundou e na que participou activamente durante bastantes anos.
Este novo proxecto está centrado na formación e o acompañamento cunha mirada local-global, en facer propostas no eido da xestión grupal, o fomento do cooperativismo e a economía solidaria, a cidadanía global e a cooperación internacional.
El Nido
Con estes antecedentes, xa estabamos tardando en colaborar, non si?
Pois xa lle puxemos remedio a isto e vimos de asinar un convenio a tres partes para poñer á vosa disposición materiais en galego relacionados coa economía social e solidaria, e co emprendemento social. Para divulgalos creamos un grupo de traballo en El Nido, a plataforma virtual aberta de emprendemento social e sustentable creada por Economistas sin Fronteras.
O noso espazo chámase Recursos de Economía Social e Solidaria en galego e nel imos ir publicando toda unha serie de materiais que esperamos vos resulten útiles. De feito, xa subimos varias cousiñas: o Canvas co enfoque da ESS, a ferramenta de viabilidade económica deseñada por EsF ou unha infografía sobre como crear un banco de tempo nos centros educativos.
Con todo, isto non é o mellor do proxecto! Este espazo está aberto a todo tipo de achegas e xa hai xente doutras entidades ou a título individual que están a subir materiais moi interesantes. Ademais, este proxecto dá continuidade ao traballo iniciado durante a pandemia polas persoas que participaron no grupo de Economía-FOL de Aulas Galegas.
Axúdasnos a difundir e mellorar esta iniciativa?