fbpx

Economía social

Economía social

Amosando 1–9 de 16 resultados

  • Lote dos Afectos

    45,00

    Os afectos, como o feminismo, son transversais a todos os aspectos da vida.

    Dende mercarlle unhas laranxas á froiteira máis próxima á casa até xuntarse a traballar en equidade polo avance ecosocial, os afectos son as ferramentas para relacionármonos dun xeito ou outro e, coma toda ferramenta, mellor aprendermos a manexala.

  • Lote Practiquiño

    48,50

    Velaquí tres obras para facer máis con menos.

    Estes tres libros son imprescindibles para aproximarnos máis á coherencia ideal como consumidoras: aplicando consellos e receitas respectuosas co medio para manter limpo o fogar, fuxindo do uso innecesario de plásticos ou comprendendo as causas principais da crise sistémica na que nos atopamos. E agora é posible conseguilas a un prezo especial. Unha oportunidade para levar á práctica os principios da economía social e solidaria.

  • Lote do Agro

    49,90

    Velaquí un conxunto de obras que falan da contorna e da nosa pegada e achegan fórmulas, consellos, prácticas útiles para coidar da contorna do agro e das eiras.

    Dende o estado actual dos nosos solos até as solucións para coidar deles, reivindicando o apoderamento do ecofeminismo e da resiliencia e a soberanía alimentaria que podemos acadar facendo cousas pequenas que mudan o rumbo.

    Este lote achega tres obras esenciais do catálogo de Catro Ventos Editora a un prezo especial. Unha oportunidade para reconectar coa Terra desde a perspectiva ecosocial tan arraigada no rural galego.

  • 2ª EDICIÓN

    Permacultura. Edición actualizada

    19,90

    Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor

    Velaquí unha caixa de ferramentas coas que facer fronte á crise ecolóxica, social e sistémica mundial. Atoparemos neste libro unha visión global da permacultura que abrangue historia, referentes, trazos característicos e recursos. Nesta segunda edición actualizada, o autor completa e actualiza ademais a súa presentación de proxectos activos en Galiza que traballan cara á transición. Coñecer esta vangarda galega servirá de estímulo ao apoderamento e o emprendemento doutros proxectos de transformación ecosocial.

    Con esta obra non coñecerás só os trazos puramente ecolóxicos da permacultura, senón tamén os aspectos sociais, económicos e persoais. Ademais de vivirse no campo e na natureza, a permacultura vívese nas relacións entre as persoas e coa contorna, e nas iniciativas de comunidade.

    Podes ver unha mostra do libro aquí.

  • NOVIDADE

    Que fai o mosquito por nós?

    19,90

    A biodiversidade, clave para a vida humana

    Atendede ben: sen mosquitos, ídevos esquecendo do chocolate! A natureza é unha rede en que cada organismo desempeña unha función esencial. Non hai especie que non dependa doutra, e os seres humanos non iamos ser a excepción. Sen a diversidade da natureza non dariamos sobrevivido: sen insectos non habería froita, sen microorganismos non habería humus… e, o dito, sen mosquitos non habería chocolate.

    Para que iso non pase, este libro, Premio Alemán de Comunicación Medioambiental en 2021, preséntanos, con humor e claridade, o mundo fascinante dos animais e das plantas, que nos agasallan alimentos, seguridade, saúde e moito máis, e amósanos que debemos facer para deter ―aínda estamos a tempo!― a sexta extinción masiva.

    Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.

  • A bolsa ou a vida

    17,00

    O 99 % contra a emerxencia climática

    Se o petróleo fose un batido de chocolate, xa estariamos sorbendo e facendo ruídos raros. A transición cara ás renovables preséntasenos como a alternativa, pero é tal alternativa se a vía escollida nos aboca a seguirmos sendo no noso día a día peóns dunha partida de xadrez que enfronta o capitalismo contra toda forma de vida do planeta?

    A bolsa ou a vida, Salvador Lladó presenta dunha forma clara, didáctica e amena diferentes perspectivas da actual crise ecolóxica: desde a causa central (a necesidade imperiosa de medrar do noso sistema económico), pasando polo seu principal síntoma (a emerxencia climática, posta ademais aquí en relación coa pandemia da covid-19), até unha serie de propostas políticas (ecosocialismo, Green New Deal, decrecemento…) que nacen da necesidade de lle pór freo a un ritmo de produción e destrución da natureza sen precedentes. Estas páxinas servirán para demostrar que ese freo é posible: velaquí un paquete de medidas para dicir non á bolsa e un si rotundo á vida.

    Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.

  • O dereito á felicidade

    14,50

    Mujica, Petrini e Sepúlveda convídannos a reflexionar sobre o noso dereito a sermos felices, a desfrutar do camiño da vida e a vivirmos por un motivo.

    Obviamente ninguén ten a receita para a felicidade, pero as súas ideas e experiencia poden darnos varias chaves. Soberanía, sindicalismo, maior contacto coa terra, diálogo continuo, militancia, empatía e solidariedade son palabras que se repiten nun discurso potente que soña cun cambio de rumbo.

    Carlo Petrini, no limiar que escribiu para a edición en galego (grazas!), resume perfectamente a mensaxe: «Comprometámonos todos, cada quen coas súas forzas e as súas posibilidades, a vivir por ese sentido da vida que tanto se debate neste libro: o deber moral de facer a nosa parte para promover e conseguir que a felicidade se converta nun dereito universal».

    Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.

  • SALDO

    Setenta ideas para a (pos)pandemia

    4,35

    Unha reflexión arredor do novo escenario mundial

    A chegada imprevista da COVID-19 a unha sociedade que se pensaba intocable supuxo e supón un novo paradigma vital caracterizado por un contexto imprevisible e descoñecido. Conscientes da necesidade de aproveitar a nova realidade para cambiar a nosa maneira de relacionarnos e interactuar co mundo, este libro recompila as reflexións de Manuel Fernández Blanco, Pilar García Negro, María Xesús Nogueira, Manuel Outeiriño, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro Ojeda e Iolanda Teixeiro Rei sobre cara a onde nos diriximos, que podemos esperar destes novos «tempos interesantes» e como podemos abordalos con suxestións e decisións concretas.

    Unha escolma de ideas e pensamentos en voz alta que esperamos e sabemos que será punto de partida para motivar debates interesantes, suscitar polémicas e dar pé a propostas necesarias de mellora que acheguen refachos de cambio.

    Podes ver unha mostra do libro en PDF.

  • A degradación invisible do solo

    19,90

    A meirande catástrofe ecolóxica está a pasar case inadvertida: cada ano desaparecen no mundo sete millóns de hectáreas de terra fértil, unha superficie equivalente a máis do dobre de Galicia.

    Con exemplos sobre o estado de degradación dos solos en Alemaña, Austria e a costa mediterránea da Península Ibérica, e unha análise dos factores causantes, Gerth M. Neugebauer expón, sen medias tintas, os graves riscos aos que se enfronta Europa, así como os mecanismos económicos e os instrumentos lexislativos que promoven tal destrución, unha imaxe na que tamén se reflicte Galicia e que debe servirnos de advertencia.

    Porén, esta obra tamén dá motivos para a esperanza e recolle un pequeno catálogo de experiencias transformadoras reais que, especialmente no ámbito urbano, amosan o camiño cara a unha mudanza ecosocial sustentada por solos sans.
    Podes ver unha mostra do libro en PDF, aquí.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies