fbpx

Ecoloxía

Ecoloxía

Amosando 19–27 de 29 resultados

  • Alén do azul

    22,00

    Mergullarse na ría de Vigo é visitar un mundo próximo baixo outra luz no que habitan flores que son vermes, expertos da camuflaxe ou alfombras verdes de pradarías.

    Alén do azul. O mundo submarino da ría de Vigo é unha viaxe para coñecer as paisaxes submarinas e os seres que as habitan por medio de espectaculares fotografías, ilustracións ao detalle e mesmo vídeos ligados con códigos QR.

  • Polo rego

    19,90

    A universidade do campo.

    O agro galego é un terreo fértil en saberes. É coma unha grande universidade chea de mestras e mestres sabios dispostos a compartir parte do que levan aprendido da terra. Os protagonistas de Polo rego son xente que traballa o campo cunha especial paixón e experiencia nas plantas, na horta e nos seus froitos. Son quen de transmitir o que saben de xeito sinxelo, sen reviravoltas, con entusiasmo e humor.

    Este libro recolle o mellor da 1.ª tempada do programa da TVG, con consellos sobre agricultura sustentable e xardinaxe, propostas de cestaría, trucos e remedios para a horta e as pragas, receitas para os froitos da terra, información útil sobre a compostaxe e ideas para aproveitar os beneficios das plantas silvestres. Con este libro entre as mans, todo vai ir polo rego!

    Podes ver unha mostra do libro en PDF.

  • Mapa ecosocial de Galicia

    Mapa ecosocial de Galicia

    22,50

    O obxectivo desta obra é trazar un mapa ecosocial da nosa terra. Fai unha fotografía actual, para coñecer o contexto e determinar cales son os eidos nos que debemos avanzar para conseguir unha sociedade máis xusta, equitativa e respectuosa co medio.

    A obra permítenos retratar as dúas crises que debemos afrontar como sociedade: a crise ecolóxica (o cambio climático, a crise da biodiversidade, o esgotamento dos recursos enerxéticos, os incendios forestais etc.) e a crise social (de desigualdade, de coidados, de calidade de vida etc.). Cada capítulo vén ademais con infografías e cun cadro de boas prácticas que recolle proxectos e iniciativas que xa están a traballar nas posibles solucións.

    Podes ver unha mostra do libro en PDF.

  • 1ª REIMPRESIÓN

    Árbores que non arden

    19,00

    As mulleres na prevención de incendios forestais

    Nunha panorámica superficial do mundo do lume, a presenza de mulleres resulta aparentemente anecdótica. A súa visibilidade nos distintos escenarios do complexo quebracabezas que supón a problemática dos incendios forestais en Galicia é moi reducida; demasiado…

    Fagan memoria das noticias sobre a autoría dos lumes, das imaxes do servizo de extinción, dos comités da administración autonómica, ou dos foros de debate sobre os lumes, o ordenamento e a xestión do territorio. É que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias?

    Para tentar dar resposta a estas preguntas, o equipo do proxecto Batefogo reúne neste volume achegas de diferentes autoras que, desde a súa disciplina, reflexionan sobre o papel das mulleres na prevención e extinción dos incendios forestais.

    Podes ver unha mostra do libro en PDF.

  • 2ª REIMPRESIÓN

    Permacultura

    19,00

    Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor

    Velaquí unha caixa de ferramentas coas que facer fronte á crise ecolóxica, social e sistémica mundial. Atoparemos neste libro unha visión global da permacultura que abrangue historia, referentes, trazos característicos e recursos. O autor completa ademais a súa achega coa presentación de proxectos activos en Galiza que traballan cara á transición. Coñecer esta vangarda galega servirá de estímulo ao empoderamento e o emprendemento doutros proxectos de transformación ecosocial.

    Con esta obra non coñecerás só os trazos puramente ecolóxicos da permacultura, senón tamén os aspectos sociais, económicos e persoais. Ademais de vivirse no campo e na natureza, a permacultura vívese nas relacións entre as persoas e coa contorna, e nas iniciativas de comunidade.

    Podes ver unha mostra do libro en PDF.

  • DESCATALOGADO

    O sentido do abraio

    11,00

    A celebración da natureza para persoas de todas as idades.

    Xuntando dúas das cinco liñas editoriais de Catro Ventos, ecoloxía e educación alternativa, publicamos en galego este ensaio da escritora e bióloga mariña Rachel Carson (1907-1964), autora de obras fundamentais para o ecoloxismo moderno como Primavera silenciosa (1962).

    Na publicación orixinal na revista Women’s Home Companion (1956), este texto ía dirixido a nais e pais e animábaos a explorar a natureza coas súas crianzas a fin de cultivaren xuntos o sentido do abraio. Esta obra é a base dun proxecto moi persoal da autora que había converterse no que ela denominaba O libro do abraio. Carson faleceu antes de poder darlle a forma esperada, pero o espírito e a súa teima persoal están aquí: como explorar e conservar durante toda a vida a capacidade do abraio, unha batalla que, segundo ela, só se gaña ou perde na infancia.

    Libro de de encadernación coidada con textos, fotos en branco e negro e papel cebola verde que vos fará evocar á natureza.

    Podes ver unha mostra do libro en ISUU ou en PDF.

  • DESCATALOGADO

    Caderno de campo das illas Cíes

    19,50

    Catro rutas ilustradas polas illas Cíes

    «No salvaxe radica a preservación do mundo» escribiu Thoreau a propósito do camiñar pola natureza, e precisamente isto é o que che propón este caderno: catro rutas polas illas Cíes guiadas polas acuarelas dun lagarto arnal, do corvo mariño cristado, de varias gaivotas patiamarelas…
    Este libro é un caderno de campo, é dicir, unha compilación de ilustracións da natureza feitas en lapis e acuarela por José Arcas (biólogo e artista) para pór en valor o patrimonio natural das illas Cíes. Neste caso, a fermosa experiencia visual enriquécese ademais coas paisaxes sonoras do arquivo de Carlos Suárez.

    Aquí podes ver unha mostra do libro en liña ou descargala en PDF.

  • O libro dos océanos
    SALDO

    O libro dos océanos

    10,75

    Verteduras de petróleo, sobrepesca, illas de refugallos plásticos… Hai tempo que os nosos mares deixaron de ser fonte de saúde, alimento e benestar. Nas últimas décadas, a contaminación e o espolio dos océanos aumentaron de forma notable. Mais cal é o auténtico estado do meirande ecosistema da Terra? Malia levarmos vivindo dende sempre do mar e co mar, hoxe en día segue a ser un dos territorios máis descoñecidos do planeta. Esta falta de coñecemento podería converterse na ruína do océano e, en consecuencia, na ruína do ser humano.

    Cun deseño atractivo e informativo, e textos ben documentados, co apoio científico da German Ocean Foundation, Esther Gonstalla crea neste libro un retrato detallado que nos permite comprender mellor as relacións que existen entre a actividade humana e os cambios que sofre o mar, un retrato que, alén de convidar á reflexión, se converte nun recurso para a acción.

    Libro en tapa dura, tamaño A4.

    Podes ver unha mostra do libro en PDF.

  • DESCATALOGADO

    Xuízo aos humanos

    16,00

    Os animais do planeta Terra reúnense na selva para celebrar un xuízo extraordinario. Acusan o ser humano de crimes atroces: calumnias, maos tratos e xenocidio.

    É realmente o Homo sapiens unha ameaza para a vida terrestre, unha especie arrogante, cruel e asasina? Ou pode aínda redimirse perante o resto dos animais? Chegou a hora de se enfrontar á Lei da xungla.

    Podes ver unha pequena mostra en PDF

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies