fbpx

Bota a lingua!

01/05/2024 Miguel Braña

Para mellorarmos o noso dominio do idioma existen numerosas ferramentas gratuítas, dende as máis formais (dicionarios) até xogos e actividades para manter a lingua viva.

Dicionarios

Como ben sabedes, en Catro Ventos pasamos o día arredor das palabras, traducindo, revisando, maquetando textos e, co gallo do Día das Letras Galegas, queriamos compartir convosco toda unha serie de recursos que utilizamos para mellorar día a día a nosa escrita. Non podía ser doutro xeito, comezamos polos dicionarios:

  • Dicionario da Real Academia Galega (RAG): monolingüe, ten tamén buscador de sinónimos e permite ver as conxugacións dos verbos.
  • Dicionario Estraviz: dicionario reintegracionista de referencia. Permite buscar por ortografía galego-portuguesa e por ortografía ILG-RAG.
  • Digalego: dicionario de galego que parte do Dicionario normativo que publicara Ir Indo Edicións. Inclúe tamén dicionario de sinónimos, conxugador de verbos e buscador de refráns.
  • bUSCatermos: esta base de datos da USC permite consultar un corpus terminolóxico multilingüe (aínda que centrado no léxico galego): español, inglés, e portugués, principalmente (tamén ten termos en francés, italiano, alemán e catalán).
  • Dicionarios da editora Rinoceronte: ofrecen tres recursos, entre os que destaca o dicionario castelán-galego. Tamén teñen un dicionario latín-galego e un dicionario etimolóxico.

Outros recursos

Existen moitos outros recursos que poden resultar útiles. Aquí só mencionamos uns poucos.

Xoga co galego

A aprendizaxe dunha lingua (sexa a túa lingua nai ou non) pode ser un proceso divertido. Na actualidade existen opcións para entreterse mentres melloras os teus coñecementos da nosa lingua:

  • Ximnasio léxico: esta aplicación permite adestrar o teu léxico con tres propostas de actividades para enriquecer o teu vocabulario.
  • Pensatermos: un divertido xogo creado por iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística para atopar palabras a partir dunha escolma de letras.
  • DígochoEu: interesante iniciativa da RTVG dirixida principalmente ao público máis novo, para resolver dúbidas a través de amenos vídeos (con canles en redes sociais como Instagram e Tiktok).
  • Xogos do portal das palabras: conta cun «Verdadeiro ou falso», no que hai que dicir se unha oración é verdadeira ou falsa, e cun «Só unha vale», no que se achega unha definición e hai tres termos entre os que escoller.
, , , , , ,

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies