fbpx

Avance editorial do 1.º semestre de 2024

08/01/2024 Catro Ventos

A edición dun libro é un proceso que se cociña a lume baixo e sempre nos fai moita ilusión anunciar un novo lanzamento. Imaxinade o que nos presta contarvos o avance editorial para o primeiro semestre de 2024! Desta volta tratamos a ditadura da imaxe nunha nova obra de Liv Strömquist, a necesidade urxente de transformar a industria da moda, da man de Carro de Combate, e a pegada ambiental e social das novas tecnoloxías.

Na sala dos espellos

Liv Strömquist. Tradución de David A. Álvarez Martínez

Publicación prevista no 1.º trimestre de 2024

Cal é a relación entre canons de beleza, sexualidade e estatus social? Como afrontar a ditadura da imaxe que vivimos actualmente? Estes son os temas que aborda Liv Strömquist na segunda obra súa que publicamos en Catro Ventos. Unha vez máis, a autora sueca bota man da banda deseñada para reflexionar sobre como evolucionou esta cuestión ao longo da historia e sobre o paradoxo de ter logrado unha maior liberdade sexual ao tempo que cada vez estamos máis sometidas á presión social e escravizadas polas esixencias imposibles dos ideais de beleza e a relación cos nosos corpos.

Unha vez máis, Strömquist vai sementando a obra con achegas de interesantes pensadoras e pensadores como Girard, Illouz, Bauman ou Sontag. Entre os temas abordados está tamén o do capital sexual (a competencia continua con outras persoas, mesmo se estás nunha relación estable), a sociedade líquida e a capacidade para atopar unha voz propia (desafío aínda máis complicado no caso das mulleres).


Liv Strömquist, nada en 1978 en Lund (Suecia), é unha das autoras de banda deseñada feminista máis influentes da escena internacional. Licenciada en Ciencias Políticas, traballa na radio e colabora como ilustradora para diferentes revistas e xornais do seu país. Como activista (sobre todo nos eidos do feminismo e das políticas de asilo), Liv emprega o cómic para elaborar ensaios gráficos sobre diferentes temáticas sociais que aborda cunha documentación minuciosa, con ironía e moito humor, e con referencias heteroxéneas, desde a cultura pop até a Biblia. Catro Ventos xa publicou en galego A froita do coñecemento.

David A. Álvarez Martínez, nado en Salvaterra, á beira do Miño, medrou cerca do Ulla, na Estrada. Licenciado en Filoloxía Alemá e Inglesa pola USC, exerceu a docencia de linguas estranxeiras en Alemaña, Madrid, Suecia e nos últimos anos xa en Galicia na EOI. É socio fundador da Asociación Galega de Xermanistas e actual secretario. Formouse paralelamente cun máster en tradución e conta con varios títulos de ficción traducidos desde o sueco, o noruegués e o alemán.

A roupa ao clareo

Lavados de reputación na industria da moda

Carro de Combate. Tradución de Patricia Buxán Outeiro

Publicación prevista no 2.º trimestre de 2024

Fuches algunha vez a unha tenda mercar un vestido que viras días antes e xa non estaba? Canto che durou a camiseta que mercaches o ano pasado? Canta roupa desbotas cada tempada? Preguntácheste algunha vez onde remata todo iso? Ou cal é a pegada de producir roupa a esas velocidades?

A industria da moda foi considerada a segunda máis contaminante do mundo, só detrás dos combustibles fósiles. E malia ser cuestionada esta afirmación —a sustentabilidade é moi complexa e é case imposible facer clasificacións deste tipo—, o impacto do noso xeito de consumir roupa é innegable. Nesta investigación de Carro de Combate analízanse as principais pegadas ambientais da industria téxtil.


Carro de Combate é un colectivo de xornalistas especializadas na investigación das consecuencias da cultura do sobreconsumo nas nosas sociedades, en particular dos seus efectos daniños para a saúde das persoas e o medio ambiente, e das perversas relacións de dependencia creadas entre o Norte Global e o o Sur Global. Na actualidade impulsan esta iniciativa Nazaret Castro, Laura Villadiego, Aurora Moreno e Lidia Ucher.

A pegada dixital

Digitalization for Sustainability (D4S; ed.). Tradución de Miguel Braña Montaña

Publicación prevista no 2.º trimestre de 2024

Gobernos de todo o mundo, así como a Unión Europea e as organizacións das Nacións Unidas, están a presentar na actualidade novas iniciativas para regular as tecnoloxías dixitais e as infraestruturas das redes. Porén, a maioría desas iniciativas políticas ignoran como a dixitalización afecta de moitas outras formas a sustentabilidade ambiental e a xustiza social.

Este libro defende que a regulación da megatendencia da dixitalización debe ser quen de responder aos retos sociais actuais. O cambio climático desbocado, a perda da biodiversidade, o incremento da polarización social e a erosión da democracia esixen medidas áxiles e decididas. O estado do coñecemento científico demostra que a dixitalización, na súa forma actual e dominante, non ofrece solucións e que os cambios progresivos non abondan para remediar esta situación. Daquela, o que precisamos é un reset ou unha reprogramación dixital: un cambio de dirección radical da finalidade das tecnoloxías dixitais para que traballen nunha transformación profunda que favoreza a sustentabilidade. 

 

A Digitalization for Sustainability – Science in Dialogue (D4S, ‘Dixitalización pola sustentabilidade – A ciencia polo diálogo’) é unha rede de investigación na que académicos e profesionais europeos representan un grande abano de disciplinas científicas e correntes de pensamento. A investigación realizada na D4S céntrase no desenvolvemento dunha visión progresiva que aposta por unha dixitalización que favoreza transformacións profundas para alcanzar a sustentabilidade.

O proxecto D4S está coordinado polo Prof. Dr. Tilman Santarius e o seu equipo (Patricia Jankowski e Johanna Pohl) no Centro polo Futuro Dixital Einstein da Universidade Técnica de Berlín e está financiado pola Fundación Robert Bosch.

Máis información: https://digitalization-for-sustainability.com

Confiamos en que estes novos títulos che resulten de interese e lembra que a información amosada (prazos, textos e cubertas) pode sufrir cambios.

E, se queres apoiar a editora, igual podes facerte con estes títulos (e outros en catálogo) cun desconto especial. Consulta as novas condicións do programa Viraventos aquí!

, , , , , , , , , , , , ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies