Pero, quen está detrás de Catro Ventos Editora?
Traballando na cadea do libro
En xuño de 2016 constituíse formalmente Catro Ventos Editora. Oito anos despois aquí seguimos, publicando en galego obras sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable, dereitos humanos e crianza alternativa. Ademais, aproveitando que somos un equipo de deseñadores e lingüistas moi ben levados, ofrecemos servizos de deseño, lingua e publicación…
Como xa has imaxinar, os nosos libros son o resultado dun labor coordinado, dunha actuación coral, na que as persoas socias da cooperativa interactuamos con moitas outras: autorías diversas (individuais ou colectivas), editoriais foráneas (coas que negociamos dereitos de tradución), imprenta (estamos moi satisfeitas da nosa colaboración con Jadfel Artes Gráficas, sita a menos de 5 km da nosa sede en Vigo), distribuidoras (Consorcio Editorial Galego e Arnoia fan posible que as nosas obras cheguen a todas as librarías de Galicia) e puntos de venda (por suposto, librarías, mais tamén outros puntos de venda amigos ligados á economía social e solidaria).
Con todo, neste texto imos mirar de portas para adentro e presentarvos a equipa multidisciplinar responsable do proxecto.
As persoas detrás do proxecto
Neste momento, Catro Ventos Editora conta con tres socias traballadoras e dúas socias colaboradoras, se ben as cinco levamos no proxecto dende o inicio (ou case):
Alicia R. Malga (Vigo, 1973), socia traballadora
Cofundadora da cooperativa, Alicia é deseñadora e a responsable de produción da editora. Xunto con Isidro, encárgase do deseño e da maquetaxe das nosas obras ou encargos. Ambos forman unha equipa na que a templanza de Isidro encauza a enerxía de Alicia conformando unha tormenta perfecta co resultado dunha feitura ben xeitosiña para todos os nosos contidos. Entre as tarefas que tamén desenvolve está a relación cos nosos provedores, en especial coa nosa imprenta de confianza. E como serve tanto para un roto coma para un descosido tamén se encarga das tarefas administrativas.
Leva a economía social e a ecoloxía no sangue. É socia de Nosa Enerxía, Fiare e Greenpeace. Tenta non desafinar moito co contrabaixo, que combina con raquetazos semais. Nas findes, coida da horta familiar, que é o que máis lle gusta, sempre que non haxa ningún Gran Slam á vista.
Isidro Dozo Valladares (Cambados, 1978), socio traballador
Cofundador da editora, Isidro é o responsable de marketing da editora, polo que é a quen lle toca a xestión da distribución e estratexia de vendas, así como a planificación e deseño da comunicación nas distintas canles, desde a web até as redes sociais, sen esquecermos a xestión/organización de eventos.
Ademais, xunto con Alicia, traballa todos os aspectos relacionados co deseño e a maquetaxe dos nosos libros. E, se te despistas, faiche de editor ou coordina un proxecto. Ollo!
Sempre che vai recomendar o cooperativismo, o asociacionismo e participar da economía social (tamén é socio de Nosa Enerxía e de Asorvigo) e, se atopa tempo libre, adoita disfrutar de todo tipo de formatos da cultura en xeral e da banda deseñada en particular.
María Mediero Mayán (Vigo, 1985), socia colaboradora
Cofundadora da cooperativa e traductora de italiano, inglés e portugués a galego e español, María foi socia traballadora até 2022. Para a editora traduciu as seguintes obras: Arrecende a limpo, Adeus, Plástico!, O dereito á felicidade, Como liberar o potencial na infancia co método Montessori, Crac! Unha breve historia da economía, da Grecia antiga ao século XX, Como liberar o potencial do voso neno, Así é a ditadura, As mulleres e os homes e Limpeza creativa. Así mesmo, coordinou varias obras de creación propia e realizou tarefas de revisión e administrativas.
Miguel Braña Montaña (Bilbao, 1975), socio colaborador
Cofundador da cooperativa e tradutor de inglés e francés a galego e español, nestes momentos colabora puntualmente na actividade da editora. Súas son as traducións de varios dos nosos libros (Unha historia do mundo en sete cousas baratas, Xuízo aos humanos, Biodiversidade: cara a unha sexta extinción masiva e Transición ecolóxica: manual de uso), mais tamén coordinou a obra de creación propia Mapa ecosocial de Galicia e realizou tarefas de revisión, administración e comunicación. Leva moitos anos ligado a distintas entidades da economía social e solidaria, e do activismo no país: en representación de Catro Ventos ocupou un posto na directiva de REAS Galicia entre 2018 e 2022 e tamén é socio de varias cooperativas (Fiare Banca Etica, Somos Conexión e Nosa Enerxía), de Ecoloxistas en Acción e da Asociación Ridimoas. Cando lle queda algo de tempo, gusta do xénero negro, en formato libro, serie ou película.
Patricia Buxán Outeiro (A Estrada/Xixón, 1976), socia traballadora
Uniuse a finais de 2016 a Catro Ventos e compatibiliza o seu traballo na editora coa docencia na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e con outros traballos de tradución. Traballa con alemán, catalán e inglés, linguas desde as que traduciu algunhas obras do noso catálogo, como O aceite de palma, Que fai o mosquito por nós?, Infocracia: a dixitalización e a crise da democracia, A bolsa ou a vida e O sentido do abraio. Ademais, é o contacto coas editoras estranxeiras, coordina algunhas das publicacións de creación propia e realiza tarefas de revisión e administrativas. No seu web traducion.gal atoparedes unha listaxe de todas as obras en formato libro que traduciu… e son ben diversas: dende Einstein até Heidi. Ademais de estar en varias asociacións profesionais, é socia de Nosa Enerxía, de Arousa en Bici e de coop57, de cuxo consello de sección forma parte en representación de Catro Ventos. Practica lanzamento de piña en tándem cun can chamado Nino.