fbpx

As bicicletas si son para Galicia

01/11/2023 Catro Ventos

Este é o suxestivo tema que aborda a nova obra que vimos de publicar. E si, neste artigo imos loar as calidades que contén o libro…, mais non só. En Catro Ventos levabamos tempo a darlle voltas a publicar unha obra sobre mobilidade sustentable e, máis concretamente, sobre a bicicleta e sobre que uso facemos dela no país… e este é o resultado do enorme traballo de pescuda que fixemos.

Mobilidade sustentable

A mobilidade sustentable é unha cuestión fundamental cando falamos de transformar o modo en que a humanidade se relaciona co planeta e co resto de especies que o habitan. É imposible pretender diminuír a nosa pegada ambiental se non reformulamos a nosa relación co espazo físico, co deseño non só das nosas vilas e cidades, senón tamén das nosas aldeas e bisbarras rurais. E esta reformulación pasa por abandonar o uso do vehículo privado contaminante e (re)descubrir as moitas oportunidades que ofrecen as opcións máis sustentables (desprazamentos a pé para distancias inferiores a 2 km e en bici para distancias de entre 2 e 10 km) e o transporte público intermodal (facendo un uso dos trens e os autobuses que incentive a combinación de todas estas opcións).

Pensa, monta, activa!

Estes son temas recorrentes no libro, pero ademais podemos dividir o seu contido en tres grandes bloques:

  • Pensando a bici. Para esta sección contamos coas inestimables achegas do xornalista Carlos Risco, o experto en mobilidade Daniel Díaz e a socióloga Iria Vázquez, que nos axudaron a incorporar tres dimensións imprescindibles para repensar o uso que facemos da bicicleta: a rural (onde a bicicleta é unha oportunidade de autonomía), a urbana (onde é unha oportunidade que non podemos deixar pasar) e a ecofeminista (onde é unha ferramenta apoderadora e visibilizadora).
  • Montando en bici. Unha sección moi práctica na que aprender que tipos de bicicletas existen, como realizar un bo mantemento e cales son as principais normas de uso (circulación e intermodalidade co transporte público).
  • Activando a bici. Unha aproximación á realidade nalgunhas das nosas vilas e cidades (A Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa), da man dos colectivos e persoas que en cada un destes lugares levan anos teimando por que o uso da bicicleta se normalice.

Ferramentas e ligazóns

Por último, neste artigo do blog tamén queremos ofrecervos dúas ferramentas que se mencionan na obra e que pensamos poden ser moi útiles para calquera que comparta a nosa paixón polas dúas rodas; e máis algunhas ligazóns ben interesantes:

  • A primeira é unha ilustración con todos os compoñentes dunha bicicleta, para que te familiarices cos nomes destes elementos en galego. Aínda que a ilustración aparece no libro (páxs. 81 e 82), tamén podes descargala nesta ligazón, por se che presta imprimila e usala.
  • A segunda é unha sinxela folla de cálculo para que poidas saber cal é a mellor transmisión para a túa bicicleta (por que isto é importante está ben explicadiño na sección «Transmisión e cambio», páxs. 55-59 do libro).
  • As ligazóns levan aos colectivos e iniciativas que se mencionan na obra: ConBici (Coordinadora en defensa de la bici); Mobi-liza (A Coruña), Composcleta, Masa Crítica de Lugo, Asociación Pedaladas (Pontevedra), Vigo Ciclábel e Arousa en Bici (Vilagarcía); e, por último, o Vocabulario panlatino da bicicleta e a rede Eurovelo.
  • E para ires facendo boca, escoita a nosa listaxe de cancións nas que a bicicleta é a protagonista: Bicis aos Catro Ventos.

E xa está! Agora só falta que, se aínda non es usuaria habitual da bicicleta, te animes a probar e ir gañando confianza no seu uso; e, se xa es ciclousuaria, pois dicirche que non estás soa: somos moitas as persoas que estamos a apostar por unha transformación que resulta saudable para nós, para as nosas comunidades e para o conxunto do planeta.

, , , , , , , , , , , , , , , ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies