Un dos seis principios que vertebran o comportamento das entidades da economía social e solidaria é o compromiso coa contorna. «Implica a promoción e o impulso de modelos de produción, distribución e consumo centrados no territorio, desde onde construír propostas comunitarias de mellora e, a través de alianzas que provoquen un efecto multiplicador, unha axenda de transformación ecosocial que transite do local ao global».
Aquelado en Galicia
En Catro Ventos resumimos este principio no selo «Aquelado en Galicia», un xeito de declarar que todas as fases da produción das nosas obras se fan na nosa terra e que buscamos a (inter)cooperación con outras entidades e empresas do territorio. Tamén supón un esforzo para que os nosos libros teñan a menor pegada posible no medio.
Vexámolo con algo máis de detalle.
Mellor facelo aquí
En primeiro lugar, traballamos cunha imprenta que está a menos de 5 km da nosa sede en Vigo e cunha distribuidora que está a menos de 10 km. Este dato podería parecer anecdótico de non ser porque hai moitas editoriais que, pola presión do encarecemento dos custos de produción, xa están a imprimir en lugares tan afastados como China, e este aforro económico transfórmase nun impacto ambiental moito maior por mor dos longos traxectos que percorren os produtos. Ademais, se mandamos os nosos cartos fóra, debilitamos o tecido socio-laboral na nosa terra.
Ecoedición
Doutra banda, con cada libro procuramos avanzar na senda da ecoedición, para tentar que o noso proceso sexa o máis circular posible:
- o papel conta co selo FSC, que garante unha xestión responsable dos bosques;
- non utilizamos plásticos nas nosas capas nin nas embalaxes para evitar o uso de produtos derivados de combustibles fósiles e facilitar a reciclaxe dos libros cando chegue o momento;
- usamos tintas de base vexetal para evitar os metais pesados e fuximos do uso de ácidos, aceites minerais ou cloro, que poden ter consecuencias moi negativas para a saúde das persoas e do planeta.
En definitiva, temos sempre presentes os tres eixos de calquera actividade: o económico, o social e o ambiental, e situámolos en igualdade de condicións, sen dar prioridade aos aspectos pecuniarios ou financeiros sobre o resto.
É deste xeito que amosamos o noso compromiso con Galicia.
Lecturas conscientes
E para rematar, deixamos dúas recomendacións de lectura:
- O Mapa ecosocial de Galicia (de Rebeca Fernández Hermo e Xosé Veiras García) é un bo exemplo de como cómpre adoptar este triplo enfoque á hora de determinar se o impacto dunha actividade é positivo ou negativo.
Nun artigo de Publishers Weekly en español titulado ¿Cuánto contamina la industria editorial española? 79 000 toneladas de CO2 dan algúns datos interesantes sobre o tema da pegada ecolóxica do mundo do libro.