fbpx

Aires de cambio

07/06/2021 Miguel Braña

Catro Ventos Editora cumpre cinco anos e queremos celebralo pondo en marcha este blog. Co teu permiso, comezamos cun breve exercicio de nostalxia, para coller folgos e ir a por, cando menos, outros tantos anos.

portadilla

A parte do colibrí

Hai veces nas que sabes que precisas un cambio, mais non tes claro que debe mudar, como facer ou cara a onde avanzar. A historia de Catro Ventos Editora comezou hai xa sete anos (aínda que o nacemento oficial do proxecto foi en xuño de 2016) dun momento de dúbida coma este. De darlle voltas á lenda do colibrí. [Neste vídeo podedes ver a versión adaptada que propuxemos desde a editora cando nos convidaron a participar no LG×15.]

Desde o comezo, varios limiares estaban claros: o proxecto debía ser colectivo e cooperativo, non debía ter fins lucrativos (en liña cos principios de REAS) e debía buscar a publicación en galego de libros sobre ecoloxía e economía social. En realidade, as persoas que promovemos Catro Ventos éramos lectoras orfas que, perante a ausencia de libros na nosa lingua sobre temas que nos interesaban, decidimos tentar encher o baleiro existente no panorama editorial do país centrándonos, inicialmente, na tradución de obras escritas noutros idiomas (o propio proxecto levounos axiña a producir libros de creación propia). Partindo desta idea inicial de Miguel Braña, houbo un proceso de colectivización que rematou coa incorporación ao proxecto de Cristina Braña, María Mediero, Alicia R. Malga e Isidro Dozo. Despois duns meses, Cristina non puido seguir e chegou Patricia Buxán para completar o equipo que desde o outono de 2016 se encarga de conformar un catálogo que na actualidade conta con máis de vinte títulos.

Malia sermos tan pequechos coma o colibrí da lenda, aquí seguimos cinco anos despois, tentando consolidar a editora, «facer a nosa parte».

A parte de Catro Ventos

Como ben sabedes quen ledes habitualmente as nosas obras, o número limitado de libros que podemos publicar cada ano obríganos a cinxirnos estritamente aos cinco eixes temáticos que escollemos desde o comezo: a economía social, a ecoloxía, o consumo responsable, os dereitos humanos e a crianza alternativa

Isto non significa que dentro desta limitación autoimposta non teñamos marxe de manobra. Todo o contrario! O noso proxecto é atrevido por definición: atrevémonos a explorar un territorio «descoñecido» no panorama editorial galego; atrevémonos a pescudar formatos novidosos que achegan diversidade ao catálogo (a nosa presentación en sociedade comezou cun ensaio divulgativo sobre a transición ecolóxica e cunha escolma de fotografías para visibilizar a por desgraza permanente crise humanitaria das persoas migrantes que tentan chegar a Europa, e vimos de publicar unha banda deseñada); atrevémonos a apostar pola creación e consolidación de redes no territorio para fortalecer a economía solidaria (somos socias de REAS Galicia e de Espazocoop); e atrevémonos a combinar a tradución de obras innovadoras publicadas orixinalmente noutros idiomas coa edición de propostas que ideamos nós ou nos fan chegar desde o rico e activo tecido social da nosa terra.

A túa parte

O permanente ruído das redes sociais, da linguaxe da confrontación constante e da inmediatez fan que quede pouco espazo para a reflexión e para practicar un consumo consciente. Como din as compañeiras de Carro de Combate, «consumir é un acto político» e só cunha comunidade implicada imos ser quen de seguir con este labor de pescuda. O teu apoio non é só económico; nós cremos plenamente en que debemos valorar todas as dimensións da nosa actividade e prestar a mesma ou mesmo máis atención ao social, ao cultural e ao ecolóxico. Por iso, buscamos permanentemente a colaboración con pequenos puntos de venda que afiancen o comercio retallista e de proximidade; buscamos tirar a nosa lingua da situación desvantaxosa na que se atopa; e buscamos, coa ecoedición, xeitos que nos permitan seguir producindo libros que cada vez deixen unha pegada menor sobre o planeta. 

Contamos tamén contigo, lector, lectora, para seguir espallando aires de cambio.

contido

Miguel Braña Montaña
Socio fundador de Catro Ventos 

, , , ,

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de privacidade pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies