Servizos editoriais

Catro Ventos abrangue todas as etapas do proceso editorial e agrupamos estes servizos en tres categorías.

preproducion

Elaboración de informes de lectura

Este servizo é realizado por un lector ou lectora profesional que avalía a viabilidade de publicación dun manuscrito ou dunha obra publicada noutra lingua atendendo tanto aos seus aspectos literarios coma aos comerciais.

Revisión de bibliografías

Existen diferentes estándares bibliográficos e normas de estilo segundo a publicación. Nesta revisión unificamos os criterios aplicados na presentación da bibliografía.

Revisión de traducións

Caso de entregar un texto xa traducido, nesta fase cotexamos a tradución co orixinal a fin de detectar e corrixir, entre outros erros, omisións non-xustificadas, falsos sentidos, referencias culturais sen resolver etc.

Corrección ortotipográfica

Esta fase é imprescindible en calquera texto destinado ao público e nela corríxense os erros ortográficos e de puntuación, aplícanse os recursos tipográficos segundo corresponda (atendendo ás convencións ou ben a un manual de estilo propio) ou, de estaren xa aplicados, unifícase o seu uso.

Corrección de estilo e de concepto

A lexibilidade é clave para o éxito dun libro ou dun documento. Así mesmo, pode haber outros aspectos esenciais segundo o tipo de texto, como a usabilidade, a idiomaticidade, a terminoloxía… Na corrección de estilo analizamos as características e a función do documento, e temos en conta estes factores a fin de adecuar o estilo da publicación á súa finalidade e público obxectivo. Isto concrétase na lectura e corrección literaria e gramatical de orixinais e traducións co fin de eliminar imprecisións semánticas, incrementar a riqueza léxica, asegurar a coherencia designativa e terminolóxica, dotar o texto de idiomaticidade (é dicir, facer que o texto soe natural, xenuíno na súa lingua) etc.
Se a clienta desexa unha corrección de concepto (corrixir erros conceptuais, técnicos ou científicos, por exemplo, no caso de tradución dunha obra), podemos procurar os especialistas adecuados que poidan asumir esa revisión.

Deseño editorial

A fase de deseño editorial é primordial en calquera publicación, e é importante que quede ben pechada antes de pasar á produción. No deseño determinamos que forma e formato vai ter a publicación, de que elementos textuais e gráficos se dispón xa e cales é preciso obter para completar a publicación, que deseño gráfico é o máis axeitado atendendo ao público destinatario… Nela determinaremos se se precisan ilustracións, índices etc. Tamén inclúe aspectos que teñen a ver coa posterior impresión do libro: axeitándonos ao orzamento e ás preferencias individuais, determinaremos, por exemplo, o número de tintas,  a técnica de impresión, a encadernación e o tipo de soporte…

Coordinación editorial

En casos de autoría múltiple (por exemplo, para a edición das actas dun encontro científico), podemos asumir o traballo de xestión integral do proxecto que inclúe, entre outras tarefas, a elaboración de guías de estilo para a elaboración dos manuscritos, a coordinación dos autores e autoras, a recepción de artigos e composición do corpo a partir destes etc.

Tradución

Os tres membros do equipo de tradución traballamos con galego e castelán como linguas de chegada e ofrecemos como linguas de partida alemán, catalán, francés, inglés, italiano e portugués. Ademais, somos membros da AGPTI, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, e a nosa experiencia internacional púxonos en contacto con tradutores doutras linguas, polo que tamén traballamos con profesionais que traducen a linguas como alemán, inglés, francés, portugués etc.

produción

Maquetación e compaxinación

Atendendo ao deseño fixado, procédese á maquetación do texto, con inclusión e disposición dos elementos gráficos e textuais, aplicación dos recursos tipográficos, inclusión de referencias e remisións internas etc.

Deseño de cubertas

Nun libro, os ollos son a porta de entrada ás emocións. O deseño dunha cuberta atractiva que, segundo o caso, sexa unha proposta orixinal ou un deseño coherente cunha liña editorial, ideolóxica ou institucional, é fundamental para a recepción do libro. As cubertas de Catro Ventos Editora son, se callar, un dos elementos de deseño que máis caracterizan o catálogo. Animámoste a botarlles un ollo para coñecer de primeira man o noso bo facer: www.catroventos.gal/catalogo

Elaboración de índices

Alén dos coñecidos como índices de contidos, existen obras —sobre todo as destinadas á consulta, como por exemplo, manuais, dicionarios, libros de texto etc.— que se enriquecen cando inclúen índices de autoridades, alfabéticos, temáticos, conceptuais, bibliográficos etc. En Catro Ventos traballamos a fondo co texto para extraer con lóxica e acerto as palabras clave e conformar así índices prácticos que acheguen un valor engadido á publicación.

Deseño gráfico

Consiste na selección e creación de elementos gráficos (fotografías, debuxos, ilustracións etc.) que ilustren, adornen ou documenten a obra ou publicación.

Ilustración

No noso equipo de colaboradores existen grafistas e debuxantes, coa preparación cultural e artística necesaria, e con coñecementos abondo das técnicas e sistemas de reprodución en artes gráficas. Na fase de ilustración inclúese o trazado de debuxos orixinais destinados a ilustrar un texto.

Redacción de peritextos

Os peritextos son todos aqueles textos que acompañan o corpo textual, por exemplo, a presentación das autoras e autores nas lapelas, o texto da contraportada, a redacción dun limiar con presentación ou introdución á obra etc. Dependendo do tipo de peritexto e do nivel de especialidade, esta tarefa será realizada polo equipo de redacción propio de Catro Ventos ou ben por unha colaboradora ou colaborador externo cuxo perfil se axeite ás características da publicación (coñecementos especializados sobre a materia, competencia artístico-literaria, prestixio etc.).

Corrección de probas

Antes da impresión definitiva, a imprenta envía as probas que se someterán a unha revisión detallada a fin de realizar unha comprobación tipográfica, así como a correcta secuencia e interacción entre texto e elementos gráficos (táboas, gráficos, ilustracións…), remisións internas etc.

Impresión

Traballamos con imprentas próximas ás que tamén encargamos a impresión dos nosos propios libros como Catro Ventos Editora. Neste sentido, podemos asumir as tarefas de xestión e loxística relacionadas coa produción material da publicación, así como asesoramento sobre formas de impresión (dixital ou offset), prezos, calidade de tintas, materiais de impresión etc.

posprodución

Comunicación

Segundo as necesidades podemos preparar distintas campañas de comunicación que inclúan deseño offline, campañas de márketing, envíos masivos de correo electrónico, notas de prensa…

Redes sociais

Analizamos e implementamos as medidas necesarias para chegar mais lonxe a través de campañas personalizadas en RRSS, márketing online, adwords etc.

Páxina web de proxecto editorial

Deseñamos a páxina web que mellor se axuste ás características da túa publicación e do seu público, e adaptada para todos os soportes. Podemos optar por unha web de carácter máis expositivo, con información esencial e útil disposta de forma clara, ou por unha web cun deseño atractivo en que primen os aspectos emocionais. Así mesmo, podemos elaborar un booktrailer que impulse a promoción do libro.

PRODUTOS EDITORIAIS

  • libros

  • actas de congresos

  • edición de manuscritos para presentación a concursos

  • manuais universitarios

  • material de ensino

  • catálogos de exposición

  • catálogos de produtos

  • prospectos

  • publicacións periódicas

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de cookies pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies