Feminismo para o 99 %

12,50

O feminismo para o 99 % é anticapitalista e transnacional. Ante a actual crise política do capitalismo, convídanos á solidariedade con outros movementos radicais para actuarmos desde a nosa diversidade a fin de transformar a sociedade.

Cinzia Arruzza, Tithi Bhattacharya e Nancy Fraser son tres das promotoras da folga feminista de 2017 nos Estados Unidos. En 2018 escriben este manifesto no espírito dos milleiros de mobilizacións feministas. Manifestacións que reinventaron a folga ao faceren paros non só de traballo remunerado, senón tamén de traballo sociorreprodutivo non-remunerado  visibilizando a opresión de xénero que o capitalismo exerce ao subordinar o traballo da reprodución social ao da produción de beneficios.

Esta edición galega publícase simultaneamente en 12 edicións distintas, incluída a orixinal inglesa. Unha obra que vai acompañada dun limiar da feminista e escritora María Reimóndez que nos axuda a situar as ideas deste movemento no contexto galego.

Podes ver unha mostra do libro en ISUU ou en PDF.

Dispoñible

Descrición

Libro escrito por tres das promotoras da folga feminista de 2017 nos Estados Unidos. Este é un manifesto que xorde co espírito dos milleiros de mobilizacións feministas que reinventaron a folga ao levar o concepto do traballo máis aló de salarios e horas. Aborda o acoso e as agresións sexuais, as barreiras á xustiza reprodutiva e as pexas ao dereito á folga.

Fronte ao feminismo liberal, instrumentalizado polo capitalismo e centrado en procurar o benestar dun 1 % mentres descarga no restante 99 % o traballo da reprodución social (unha tarefa que subordina á produción de beneficios e que consolida a opresión de xénero), o movemento do feminismo para o 99 % é antirracista, antiimperialista e ecoloxista.  Chámanos a aproveitar a crise actual do capitalismo e a unir forzas con outros movementos para o 99 % a fin de iniciar unha transformación social de calado. As principais baixas nesta crise política do capitalismo son as mulleres, mais tamén son elas as principais actrices na loita por unha solución emancipadora.

En publicación simultánea en distintas linguas, incluída a orixinal en inglés, presentamos aquí a edición galega deste manifesto do Feminismo para o 99 %. Acompañámolo ademais dun limiar da feminista e escritora María Reimóndez que nos axuda a situar as ideas deste movemento no contexto galego.

 


Cinzia Arruzza

Cinzia Arruzza é profesora asociada da área de Filosofía na New School for Social Research de Nova York. Doutorouse na Universidade de Roma Tor Vergata e, entre outras distincións, obtivo unha bolsa posdoutoral Alexander von Humboldt. Entre as súas liñas de investigación encóntrase a metafísica e o pensamento político da Antigüidade, a teoría feminista e o marxismo. Actualmente, está a traballar nunha monografía sobre a tiranía e a figura do tirano na República de Platón, e un proxecto de investigación sobre xénero, capitalismo, reprodución social e crítica marxista da economía política.

Web: https://www.newschool.edu/lang/faculty/cinzia-arruzza/

 


Tithi Bhattacharya

Tithi Bhattacharya é profesora asociada de Historia do Sur de Asia e directora de Estudos Internacionais na Universidade Purdue. En 2005 publicou The Sentinels of Culture: Class, Education, and the Colonial Intellectual in Bengal (Oxford University Press) e en 2017 editou Social Reproduction Theory Remapping Class, Recentering Oppression (Pluto Press). Escribe sobre historia moderna da India, teoría marxista, xénero e a política da islamofobia, e publica en Journal of Asian Studies, South Asia Research, Electronic Intifada, International Socialist Review, Jacobin, Salon.com e New Left Review. É membro do comité editorial de International Socialist Review e de Studies on Asia.

Web: http://www.tithibhattacharya.net

 


Nancy Fraser

Nancy Fraser é profesora de Filosofía e Política na New School for Social Research de Nova York. É autora de Fortunes of Feminism: From State-Managed Capitalism to Neoliberal Crisis (Verso, 2013) e coautora, con Rahel Jaeggi, de Capitalism: A Conversation in Critical Theory (Polity, 2018). É amplamente coñecida polas súas críticas e contribucións teóricas no ámbito da filosofía política, especialmente en cuestións de política de identidade, sobre o constructo de xustiza social e a teoría feminista.

Publica regularmente en New Left Review. Algúns dos seus artigos pódense ler en versión en castelán desde a web da revista (http://newleftreview.es/authors/nancy-fraser), así como en Mujeres en red (http://www.mujeresenred.net/spip.php?auteur480).

Web: https://www.newschool.edu/nssr/faculty/Nancy-Fraser/

 

Características

Weight 0.130 kg
Dimensións 1.2 × 15.2 × 21.2 cm
ISBN

978-84-945954-5-1

FORMATO

Encadernación rústica cosida

Nº PÁXINAS

76

XÉNERO

Ensaio

Hache prestar tamén...

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de cookies pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies