Móbil de munari

23/05/2018
Posted in Faino ti
23/05/2018 Catro Ventos

Unha parte importante da pedagoxía montessoriana artéllase ao redor dos móbiles, que representan a primeira actividade sensorial. Están deseñados para lle ser presentados ao cativo que aínda non é quen de agarrar voluntariamente un obxecto e deben pendurarse a unha distancia de aproximadamente 25-30 cm da cara para que se concentre nos obxectos sen tocalos sen querer.

O obxectivo dos móbiles é fomentar a concentración ofrecendo unha experiencia visual: ao ver os obxectos en movemento e fixar a atención na traxectoria dun en concreto, o neno adestra a mente, recibe información sobre o movemento, sobre a percepción da cor e da profundidade.

Os móbiles substitúense cada dúas ou tres semanas, seguindo os progresos do cativo, coa intención de manter viva a súa atención e curiosidade. O primeiro móbil que lle podedes propor a partir das 2-3 semanas de vida é o móbil de Munari, con formas xeométricas de papel en branco e negro de proporcións matemáticas e cunha esfera transparente que reflicte a luz. A propia Montessori afirmaba que vira cativos de poucas semanas concentrarse fitando durante varias decenas de minutos un móbil de Munari.

Fragmento do libro: Como liberar o potencial do voso neno, de Daniela Valente.

Daniela Valente, do sitio web www.montessori4you.it, permitiunos traducir e publicar o seu artigo sobre como construír un móbil de Munari na casa (tirado á súa vez do sitio web Le coin Montessori).

O móbil de Munari está recomendado para meniños de 0 a 6 semanas.

As medidas dos diferentes elementos que o compoñen dependen do diámetro da esfera. O que propomos foi feito cunha esfera de 6 cm de diámetro.

Materiais

  • Unha esfera transparente de 6 cm de diámetro
  • 3 paus de madeira natural pulida de 6 mm de diámetro: 36 cm + 30 cm + 18 cm
  • Formas xeométricas brancas e negras (que podedes descargar aquí)
  • Fío de nailon

Proceso de fabricación

Pintade os paus de 36 cm de cor branca; os de 30 cm, de cor negra, e o de 18 cm, de branco e negro. Antes de pintar este último, envolvédeo cunha cinta adhesiva de 6 mm de altura e despois pasádelle por riba a pintura branca. Deseguido, retirade a cinta e pintade ao xeitiño o resto da superficie coa cor negra.

Imprimide as follas coas formas xeométricas brancas e negras.

Recortade as figuras e coládeas unhas sobre outras por parellas.

Plastificádeas e volvede recortalas, deixando 2 mm de plástico ao redor de cada figura.

Agora só falta montar todos os elementos co fío de nailon.

Velaquí tedes as medidas para montar un móbil cunha esfera de 6 cm de diámetro (as frechas vermellas representan os puntos de equilibrio que tedes que encontrar, xa que varían en función do material utilizado):

Para colar o fío de nailon aos elementos plastificados, cortade os 2 mm de plástico no punto no que queirades colocar o fío. Desta maneira, poderedes separar a parte de diante e de atrás, e apresar o fío de nailon entre os dous elementos cun pouco de cola para non terdes que perforar as figuras.

Imaxes tiradas de Le coin Montessori

Fonte do artigo (en francés): Le coin Montessori

, ,

Catro Ventos

Catro Ventos Editora S. Coop. Gal. ofrece os mellores libros sobre ecoloxía, economía social, consumo responsable e educación e crianza alternativas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uso de cookies

Informamos por cuestións legais de que este sitio manexa testemuños (cookies técnicas) para facilitar a navegación e a xestión da sesión de usuario.
Catro Ventos Editora non recolle nin procesa información persoal. Para revisar a nosa política de cookies pincha na ligazón. ACEPTAR

Aviso de cookies